Acordo para a integración do complemento de produtividade no complemento específico do persoal funcionario de Administración e Servizos

A Xunta de Persoal Funcionario da USC ven de asinar
un acordo coa Xerencia polo que o complemento de produtividade se
integra no complemento específico. A Xerencia da USC fai efectiva, deste
xeito, unha reivindicación da propia Xunta de Persoal.
Xustifícase o acordo asinado en que:
“O acordo para a equiparación retributiva do
Persoal Funcionario de Administración e Servizos da USC, con vixencia
para o período 2007-2009, supuxo o pagamento ao persoal funcionario da
universidade dun complemento articulado en dúas partes, a primeira con
carácter consolidable e a segunda conforme a criterios de produtividade,
vencellados á definición dun modelo retributivo que permitise avaliar a
produtividade persoal de xeito diferenciado.
Toda vez que na actualidade non existe un
mecanismo de avaliación que sirva de base para o reparto da
produtividade pero continúa a percepción do complemento coa mesma
natureza, por proposta da Xunta de Persoal o 20 de setembro de 2018
acordouse a súa integración no complemento específico, aplicando o
cambio con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
Con carácter xeral este acordo non supón un
incremento do complemento específico en termos globais nin unha merma
das retribucións que se viñan percibindo, senón que se trata dunha
modificación que dá resposta á solicitude formulada polos representantes
dos traballadores.”