• Número 418
  • 21 de xaneiro de 2019

Administración Autonómica

Os sindicatos que pactaron en Madrid, venden tamén @s traballador@s da Administración Autonómica (Acordo económico)

Os pactos asinados polos sindicatos do sistema demostran que nunca defenderon os intereses d@s traballador@s

O 27 de decembro de 2018 celebrouse a reunión da Comisión de Persoal na que os sindicatos CCOO e UGT asinaron co goberno do PP na Xunta de Galiza o “Acordo de concertación do emprego público de Galicia”. O pacto subscrito abrangue desde o incremento salarial para os vindeiros anos, desenvolvemento das Ofertas de Emprego Público, funcionarización e carreira profesional

Incremento salarial

O documento asinado polos os sindicatos CCOO e UGT, ten unha vixencia de tres anos, o 2018 (por iso de poñer algo, o ano 2018 xa está amortizado), 2019 e 2020 e, como xa o asinado co goberno do Estado vincula o incremento salarial d@s empregad@s públic@s da comunidade autónoma – tamén da universidade- á evolución do PIB (Produto Interior Bruto), desbotando o parámetro utilizado até o momento, o IPC (Índice de Prezos do Consumo)  que aseguraba que mantiñamos o poder de compra dos salarios.

A nivel salarial – páxina 5 - o acordo recolle:

Ano 2018:

O incremento en 2018 será dun 1,75% (1,50% fixo +0,25% variable ligado ao cumprimento do obxectivo de crecemento do PIB en 2017, establecido nun 3,1%)

Prevese así mesmo que se poida destinar un 0,20% adicional da masa salarial da Comunidade Autónoma de Galicia en fondos adicionais.

Ano 2019:

O incremento fixo será dun 2,25%

O incremento variable establécese:

- Para un crecemento do PIS igual ou superior ao 2,5%, será dun 0,25% adicional, o que supón un 2,50% de incremento total.

- Para un crecemento inferior ao crecemento do PIB do 2,5%, o incremento diminuirá proporcionalmente en función da redución do crecemento que se produciu sobre devandito 2,5%.

De acordo co previsto no apartado relativo a fondos adicionais, prevese así mesmo que a Comunidade Autónoma de Galicia poida destinar un 0,25% da súa masa salarial para fondos adicionais.

Ano 2020:

O incremento fixo será dun 2%.

O incremento variable será:

Para un crecemento, igual ou superior ao 2,5% será un 1% adicional, o que supón un 3% de incremento total.

Para un crecemento inferior ao crecemento do PIB do 2,5%, o incremento diminuirá proporcionalmente en función da redución do crecemento que se produciu sobre devandito 2,5%.

De acordo co previsto no apartado relativo a fondos adicionais, prevese así mesmo que a Comunidade Autónoma de Galicia poida destinar un 0,30% da súa masa salarial para fondos adicionais.

No caso de cumprirse o obxectivo de estabilidade orzamentaria (déficit público) no ano 2020 engadiríase en 2021 unha subida adicional do 0,55% ese ano, que supoñería un 3,85% de incremento total para o devandito exercicio.

No que se refire ás OEP sinálase o mesmo que o establecido na Lei de  Orzamentos Xerais do Estado ao establecer:

“A Comunidade Autónoma de Galicia ao cumprir no exercicio anterior o obxectivo de estabilidade orzamentaria, débeda e a regra de gasto, terá unha taxa de reposición de efectivos de ata o 100% para todos os sectores, funcións e servizos.

Adicionalmente ao anterior, poderá incorporar un número de novos efectivos equivalente ao 8% do resultado da súa taxa de reposición naqueles sectores ou ámbitos, que consideren que require un reforzo adicional de efectivos, sempre dentro do marco da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.”

Ao igual que rexeitamos os acordos subscritos no Estado por estes mesmos sindicatos e CSIF, non aceptamos tampouco o acordado que asinaron co PP na Xunta de Galiza. Opoñémonos a calquera acordo que non contemple a recuperación do salario e dereitos sociais recortados coa escusa da crise capitalista. Requirimos que, ademais calquera acordo que se asine teña como base o IPC real e que contemple cláusulas de revisións salariais, de aplicación automática, que aseguren que os salarios d@s traballador@s non perdan poder de compra.