Persoal dos PACs concéntrase mentres se pon o ramo á comisión de investigación

A plataforma PACS en pé de Guerra concentrouse
esta cuarta feira 16 de xaneiro perante o Parlamento de Galiza en
protesta contra a falta de recursos humanos e materiais
e demandando melloras no seu labor asistencial. A protesta coincide coa
fin da Comisión de Investigación no Parlamento pola morte
dun paciente no PAC da Estrada.
"Estamos aquí porque hoxe se dá por finalizada a
Comisión de Investigación pola morte da Estrada e remata cunha
comparecencia do señor Núñez Feixoo. Levamos un ano reivindicando o que
cremos que son dereitos perdidos" explica a Sermos Galiza
Ana Boedo, representante dos PACS en pé de Guerra.
Recentemente a Xunta vén xustificando os
recorrentes e acusados problemas aos que se enfrontan os PACs co
argumento da falta de persoal médico. Dende o colectivo contestan que
isto se debe unicamente a unha "mala xestión" e que
as condicións laborais que se ofrecen son precarias. Así, din, "se
eu fago horas pola falta de persoal e ao final do ano non mas pagan pois
non vou querer facer máis horas". Convidan igualmente a Consellaría de
Sanidade a que "reflexionen" porque non son capaces de atraer un maior
número de facultativos.

Entre as demandas deste colectivo está a presenza dun equipo
completo de persoal sanitario en todos os PACs, a
recuperación dos complementos salariais paralizados
pola crise, que abonen comidas e ceas nas gardas de
24 horas, que as reunións de traballo fagan parte do
horario e que non se desconten as horas de baixa por
enfermidade propia ou dun familiar.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/enesima-protesta-do-persoal-pacs-perante-parlamento/20190116112713075263.html