Unha nova identidade para continuar en movemento

Cumprimos 20 anos de existencia e pensamos
que chegou o momento de mudar o logotipo que nos acompañou e
referenciou desde 1999. Esa roda dentada e esa grande estrela que
afortalaron as nosas siglas desde o seu nacemento evolucionan neste 2019
para actualizar a nosa identidade ao contexto actual, sempre coa
vista posta na esencia inmutable do que eramos e continuamos a ser, pero
en movemento constante.
Mirade en 20 segundos a transformación:
O novo logotipo
Sentámonos coas compañeiras da cooperativa
compostelá NUMAX e xurdiu a proposta. Un lavado de cara aos
caracteres tipográficos do vello logotipo, un proceso de síntese ou
elementalización do conxunto e unha maior asertividade, sen perda de
contundencia. É un salto grande, pero pensamos que
respectuoso
coa herdanza gráfica do movemento obreiro e que mantén no ollo a
filiación co anterior anagrama.

Con esta renovación de identidade pretendemos
favorecer o inclusivo, emparentar a imaxe do sindicato coa realidade
actual, chegar aos entornos de traballo contemporáneos onde as
desigualdades seguen a ser as mesmas malia que as estéticas viraron
radicalmente. Substituimos a roda dentada por outra simboloxía de
contestación ou desobediencia, esa plantilla de letras cuarteadas
coa que pintar lemas con brocha ou aerosol. Emparentamos cos
movementos sociais e menos coas ortodoxias partidarias. Pero
mantemos a estrela, máis integradora nas súas aristas e cun
vermello máis vivo para os medios dixitais. E a corrección de xénero
por fin no peche descriptor do logo, que nos unifica a todos e a
todas como “traballadoras”.
A continuación, vemos o logo con outras
aplicacións, xunto a submarcas como a da Secretaría das Mulleres
ou exemplos de seccións sindicais como CUT Citröen ou CUT CRTVG.
A nova tipografía
Elemento fundamental da nova identidade da CUT é a
tipografía Isaac Sans. O seu autor, Marcos
Dopico, quixo homenaxear con ela a Isaac Díaz
Pardo: “a Isaac recolle esta vella
idea de facer compatible a vangarda radical coa funcionalidade dun texto
de lectura, pero tamén é unha ollada cara os referentes históricos da
tipografía galega”.
O XX Aniversario da CUT
E rematamos esta presentación do cambio de
identidade do noso sindicato lembrándovos que estamos de aniversario:
a Central Unitaria de Traballadoras cumpre 20 anos neste 2019 e
imos celebrar esta data poñendo en valor o que somos e o que queremos e
homenaxeando ao longo de todo o ano ás compañeiras e
compañeiros que puxeron en pé esta ferramenta de transformación que
herdamos e que queremos coidar e fortalecer. O cruño conmemorativo
que vedes a continuación vainos acompañar os vindeiros doce meses para
lembrarnos que seguimos aquí, en constante movemento. Por un ano cheo de
victorias para a clase obreira!