• Número 418
  • 21 de xaneiro de 2019

CUT - CRTVG

Sen vontade negociadora despois da folga

2019 arranca con gasolina: esta é a vontade negociadora da empresa

Na xuntanza celebrada hoxe , 16 de xaneiro, entre o Comité Intercentros e a Empresa manifestouse, unha vez máis, a escasa vontade negociadora da actual dirección. Calquera cuestión que poña de manifesto a actual situación de crispación que viven as relacións laborais na CRTVG, no canto de activar unha posición negociadora na procura de solucións conxuntas, desencadea unha manobra de enroque por parte da dirección de Recursos Humanos. Na xuntanza de hoxe abordáronse varios temas (non convocaron a xuntanza solicitada para abordar as demandas da folga) que resumimos brevemente:

Publicación de novas na web por parte de redactoras e redactores.

A empresa teima en que publicar é unha tarefa que entra dentro das funcións da categoría de redactor/a recollidas no DOG do 92. Recoñece que non lle mandou a orde por escrito a todo o persoal. O Intercentros transmitiulle todas as reivindicacións que lle chegaron asinadas desde a redacción (incluíndo a das cabinas de son de calidade, que se restablezan os servizos de scritps das axencias internacionais e un informe de riscos laborais sobre a incidencia na saúde do traballo continuado en UX). Quedaron en mirar esas cuestións. Por parte do Intercentros manifestouse o desacordo coa interpretación da definición de categorías que fai a dirección para estas novas funcións e instouse a que as negocien evitando a sobrecarga excesiva de tarefas que lle está a ocasionar ao colectivo.

Ampliación de xornada de operadores/as montadores/as de vídeo

Bronco debate. A empresa asegura que as ampliacións de xornada que se lle esixen aos OPMV para cubrir as ausencias de compañeiros e compañeiras son voluntarias. O Intercentros manifestoulle que non existe tal voluntariedade ou que, en todo caso, a empresa está a ameazar con represalias ao persoal que non acepta. Pregámosvos non aceptedes a chantaxe da empresa xa que destrúe emprego e merma as posibilidades de recuperación da produción propia. Lembramos que hai un tope anual de 80 horas extra.

Cambios horarios por información con directos

A empresa nega que se vaian facer máis modificacións horarias polas últimas ocurrencias da dirección da TVG, que informou á representación sindical da ampliación das desconexións con presentacións e directos desde as delegacións para o Bos días e un local de locais de 8 minutos con presentación de todas as delegacións que se emitirá pola G2 antes da redifusión do TX2.

Instrución sobre o uso de perruquería e maquillaxe

A empresa comprometérase durante a folga a negociar as condicións de uso do servizo de perruquería e maquillaxe (para evitar a utilización arbitraria do réxime sancionador), pero hoxe entregou un documento que tiña agochado desde outubro de 2018 que recolle instrucións internas sobre o uso de maquillaxe, perruquería e estilismo. Nese texto, que aínda non tivemos tempo de analizar, detectamos un artigo que di que o incumprimento desas normas por parte dos traballadores e traballadoras da CRTVG pode dar lugar a aplicación do réxime disciplinario. Como pode ser que nos sancionen en base a unhas normas que non son públicas e que só coñecen os altos directivos???...nada que engadir.

Negociación prazas das delegacións

Surrealista. A empresa entregou un documento titulado "Situación actual e proposta de dimensionamento de prazas das delegacións" co que pretendía empezar a negociación da estrutura das delegacións. A táboa presentada contiña sumas mal feitas sobre a situación actual do persoal nas delegacións (faltaban efectivos por contabilizar) e establecía unha proposta numérica e de categorías profesionais que non se corresponde coa realidade actual (por exemplo, desaparecen locutores e auxiliares de redacción das delegacións e cámbianse por redatores/as, omitindo a existencia de prazas fixas desas categorías neses centros de traballo e sentenzas de indefinidade en categorías que non contemplan nas delegas no futuro). Ademais de solicitarles unha visión global de conxunto (é preciso ver ao tempo o cadro de San Marcos e as mesmo as vacantes puras para poder facer as cousas ben), os sindicatos pedímoslle á directora de recursos humanos que refaga o cadro e achegue toda a información pertinente e imprescindible que falta nel (fixos/as con praza en delegas -publicáronse no seu momento no DOG....-ou con adscricións temporais; indefinidos/as por sentenza e outros desprazados/as noutras situacións que non recolle o convenio).

Portal do empregado

O 1 de febreiro arranca parcialmente o novo portal do empregado, que pretende unificar todas as aplicacións de RRHH. Poderemos acceder a el tanto desde a intranet como desde internet cando esteamos fóra da empresa, para facer consultas e xestións diversas. Calculan que o desenvolvemento total de todas as posibilidades (incluindo a consulta en tempo real de horarios de cada persoa e das listas de contratación) demorará ata xaneiro de 2020.