Modificacións á "Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia"

Como ven sendo norma habitual, tanto o
goberno do Estado como o galego aproveitan a promulgación de
determinadas leis para modificar outras. O goberno da Xunta utiliza de
xeito sistemático a denominada Lei de Acompañamento, ao aprobar a Lei de
Orzamentos de cada ano para darlle “un repaso” á Lei 2/2015, do 29 de
abril, do emprego público de Galicia, este ano non podía ser diferente e
o DOG do 28 de decembro de 2018 na
Lei de medidas fiscais e administrativas, modifícase de novo unha
lei que pouco a pouco vai cambiando, de tal xeito que xa se parece pouco
á ditada no ano 2015.
Cambios máis salientables:
O punto número 3 do artigo 48 queda
modificado como segue:
«3. As ofertas de emprego público poden
prever que as prazas reservadas para persoas con discapacidade se
convoquen conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias
independentes, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos
procesos selectivos. As probas dos procesos obxecto de convocatoria
independente serán de características similares ás que se realicen nas
convocatorias ordinarias e as persoas que participen nelas deberán
acreditar o grao de discapacidade indicado. As prazas incluídas nestas
convocatorias computaranse na porcentaxe reservada na oferta de emprego
público para a súa cobertura entre persoas con discapacidade.»
Engádeselle un número 5 ao artigo 55,
coa seguinte redacción:
«5. Para asegurar a protección das vítimas de
violencia de xénero durante o desenvolvemento dos procesos selectivos e
nas listas de contratación temporal, serán adoptadas todas as medidas
necesarias para a salvagarda dos seus dereitos e intereses, e en
especial a protección dos seus datos persoais, nos termos establecidos
no artigo 72.3.a).».
Modifícanse as letras a) e b) do
artigo 77, que quedan coa seguinte redacción:
«a) Dentro de cada corpo ou escala existirán
categorías profesionais divididas en graos de ascenso, aos cales irá
vinculada a contía do complemento retributivo de carreira previsto nesta
lei.
b) O persoal funcionario de carreira de cada
corpo ou escala terá atribuída unha categoría profesional e un grao
dentro dela, que para o persoal de novo ingreso será necesariamente a
categoría inicial e o grao inferior desta.».
Modifícase o número 1 do artigo 121,
que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten
dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas ininterrompidas,
que se distribuirán por elección da persoa titular do dereito, sempre
que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.».
Modifícase o número 1 do artigo 122,
que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos casos de adopción ou acollemento,
tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten
dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas ininterrompidas,
do que se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en
calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola
que se constitúa a adopción ou efectividade da decisión administrativa
ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida
dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso.».
Modifícase o número 3 do artigo 146,
que queda coa seguinte redacción:
«As administracións públicas incluídas no
ámbito de aplicación desta lei aboarán o complemento retributivo desde o
primeiro día en situación de incapacidade temporal ou de gozo da licenza
por enfermidade que, sumado á prestación do réxime xeral da Seguridade
Social, acade o 100 % das retribucións fixas do mes do inicio da
incapacidade temporal.».