Tres mortes, dúas comisións, centos de médicos angustiados

O Servizo Galego de Saúde naufraga. Nos centros de
atención galegos morre xente polas carencias na atención. Os
profesionais confésanse superados. Hai protestas día si e día tamén nas
rúas de medio país. Os doentes están peor atendidos, xa é unha
evidencia. Dimiten xefes nas áreas máis saturadas. Medran os grandes
complexos hospitalarios ao ritmo que medra o negocio das compañías
privadas. As críticas apuntan á Xunta do PP. No Parlamento de Galiza hai
dúas comisións que aparentemente discuten o mesmo. Nunha delas, o
venres, unha médica dixo isto:
“Eran dos ancianos frágiles. Aunque el médico
sale al pasillo a preguntar qué les pasa, ellos no saben qué les pasa.
Uno estuvo dos horas y media hasta que llegó al cubículo y al rato de
entrar en cubículo… se reanimó, pero era ya muy tarde para hacer algo
por el corazón. Era un infarto. Y la otra señora estuvo tirada en un
pasillo… entró bien, se clasificó, bien de tensión, pero ellos no saben
qué les pasa, son como niños. Los ves de aspecto, pasan allí para el
pasillo y sales a ver porque los tienes adjudicados por el ordenador,
van a nombre del médico… el médico anda por observación, por cubículos,
por curas, por monitores y… vas al pasillo. Bueno, pues en un momento
esa señora hizo una pre-parada y… se pasó a críticos, se entubó y era un
cuadro gravísimo… sumando al tiempo que estuvo en el pasillo tampoco se
pudo hacer nada por ella“.
Pola tarde, as cabeceiras de maior distribución
titulaban: «Médicos denuncian a la Fiscalía la muerte de dos pacientes
en los pasillos de Urgencias de Santiago, y el CHUS lo niega
rotundamente» (Faro de Vigo), «La Fiscalía investigará dos
muertes en Urxencias de Santiago el día 2, que el Sergas niega y también
investiga» (La Voz de Galicia).
A manifestación en Compostela do mércores non
aparecía nas portadas en papel do día anterior en ningún dos principais
rotativos do país, que pasaron toda a semana espallando a reacción do
Sergas ás dimisións de xefes de servizo en Vigo antes do Nadal.
O relato científico das cousas que pasan, a
realidade cotiá que perciben enfermeiros e médicas e demais
traballadores que insisten en denunciar con datos e con feitos, fica
esmagado polo relato político que espalla o poder da Xunta a través de
todos os seus medios. Así, Miguel Tellado, portavoz do PP, pode aparecer
na televisión pública do país o xoves e soltar que “o Sergas non é quen
de contratar máis profesionais porque non hai mercado laboral de médicos
e sanitarios en situación de desemprego” sen que ninguén o contradiga,
ao tempo que a Consellería de Sanidade anuncia melloras nos contratos de
substitución para animar aos profesionais en desemprego a aceptar eses
empregos. “Temos a mellor sanidade pública que nunca tivemos no noso
país e debemos sentirnos orgullosos dela”, insiste Tellado e consegue
situar simbolicamente ao PP como garante do sistema diante das críticas
á xestión do sistema que fai o PP.
O PP conseguiu reducir o debate sobre o estado da
sanidade pública galega ao balbordo político, o que lle permite mentir,
contradicirse, desdicirse e torcer datos e feitos contra a evidencia dos
datos e feitos, das críticas dos profesionais, das protestas nas rúas e
das tráxicas experiencias de cada vez máis doentes. Por iso hai dúas
comisións no Parlamento tratando do mesmo.
Regina Basadre, 62 anos, médica de Atención Primaria no centro do
Ventorrillo, na cidade da Coruña.
A muller da fotografía é Regina Basadre. Ten
62 anos e é médica de Atención Primaria desde fai 32 anos. Leva 20 anos
no centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña. Traballa de 8:30 á 15:00
horas. Trata uns corenta pacientes ao día. Son 10 facultativos na queda
de mañá (a dela) e 12 na de tarde. Dan servizo a un área de 40.000
habitantes. “A presión asistencial cambiou radicalmente porque facemos
moitísimas máis cousas das que facíamos antes. Moitísimas… Agora
mandamos un paciente ao cardiólogo co electro feito, coa analítica
feita… e iso non só a primeira vez, tamén nas revisións. Temos
seguimentos e controis que antes levaban os especialistas. Mesmo no
cancro, porque despois de cinco anos moitas destas enfermidades son
remitidas ao médico de cabeceira. Diagnósticos e seguimentos que antes
se facían en atención especializada estanse a facer agora en Primaria.
Hai falta de recursos en todas partes. Agora o que fixeron é que o que
desbordaba o hospital, pasárono a Primaria. Asúmese aquí”.
Regina Basadre lanzou a alerta en 2014. “En dúas ou
tres ocasións din a voz de alarma na prensa. A primeira vez foi o 7 de
outubro de 2014 en La Voz de Galicia, o titular era ‘Denuncian
una lista de espera oculta en el centro del Ventorillo‘, foi a
primeira vez. Firmamos unha carta a maioría dos compañeiros. Mandámola á
Xerencia e á Consellería… finalmente á prensa”.
As listas ocultas créanse da seguinte maneira:
“Dunha vez collín e púxenme a mirar todas as ausencias dos meus
compañeiros e das enfermeiras para ver como se cubrían. Mirei 2016 e
2017 completos. Descubrín o método. Cada tres días, o primeiro día
ábrese a axenda da ausente e se reparte entre os compañeiros da quenda.
O segundo día, pagábaselle unha ‘peonada’ a un médico da tarde para que
cubra 3 horas da maña. E o terceiro día, bloquéase a axenda; é dicir, os
pacientes que chaman ven que non teñen posibilidade de cita pero ninguén
lles explica que o seu médico non está e que ademais non foi substituído
ou que pediu días sen salario pero ninguén cubre o servizo. A secuencia
é: intersubstitución > prolongación > bloqueo >
intersubstitución… Esa é a mecánica, a xestión que se fai da miseria
pola falta de substitutos”.
“Por que din que non hai substitutos? Pois no mes
de outubro [de 2018] pedín 11 días sen soldo. É outra maneira como eu me
defendo: pedindo meses sen soldo. Non mandaron a ninguén. A min deixaron
de pagarme, pero nin así cubriron a substitución. Supostamente, porque
non había xente porque estaban todas e todos preparando a oposición que
houbo a finais de novembro. Para que iso suceda, que ninguén queira vir
é que hai que vivir esa miseria… antes diso moita xente emigra a
Portugal, a Inglaterra… con contratos en mellores condicións. A xente
cando termina o MIR ten xa 9 anos de formación e ao mellor unha
situación persoal ou familiar que non lles permite estar esperando a que
os chamen por teléfono para andar en substitucións. O que fan é buscar
contratos o máis estábeis posíbeis”.
Do plan de mellora aos recortes
“Desde 2009 [regreso do PP ao goberno da Xunta] os
recortes orzamentarios en Sanidade foron dun 21,04%, afectando
especialmente á Atención Primaria, cun 22,03% de retallo fronte ao 0,02%
dos hospitais. Como consecuencia, a Atención Primaria perdeu 392 prazas
de persoal médico fronte a 121 nos hospitais. No total dos centros de
saúde a perda total foi de 1.154 prazas en persoal de tódalas categorías
fronte a 641 nos hospitais”, di o médico Manuel Martín, en
conversa telefónica desde Pontevedra, onde reside. O portavoz da
principal plataforma de profesionais, Plataforma en Defensa da Sanidade
Pública, é unha referencia na loita que manteñen os colectivos
sanitarios desde fai décadas.
“O goberno progresista (2005-2009) impulsou de
forma decidida a Asistencia Primaria e puxo en marcha un Plan de Mellora
que foi posteriormente anulado polo goberno de Núñez Feijóo. Mais o
golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de
Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria
da Atención Primaria. A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a xerencia
única de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de estender
ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans,
que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee,
Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés; en breve prazo teñen previsto
constituír as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña”,
escribía no 2013 Pablo Vaamonde, outra das referencias na
resistencia contra o desmantelamento do sistema, pero que xa non está na
primeira liña e prefire deixar a outros o protagonismo.
Fican lonxe aqueles anos nos que nos ambulatorios
do país as receitas en papel se repartían como xureliños na praza. A
mediados dos 90, a progresiva implantación dos novos centros de saúde
-398 na actualidade en toda a comunidade, cun cadro de persoal de 21.450
facultativos [datos do verán pasado facilitados pola Plataforma en
Defensa da Sanidade Pública]- fortaleceu a Atención Primaria.
Informatizados e dotados con avances tecnolóxicos, entre eles a
E-receita, hoxe, tras moitos anos de traballo, empezan a facer auga
poñendo en perigo unha cobertura sanitaria de calidade e a súa propia
capacidade resolutiva. Masificación dos cupos, altas cifras de
demora na atención, falta de prazas, precariedade laboral, son os
principais puntos críticos. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública
chama a atención tamén sobre a ambulatorización dos centros e a
preponderancia da atención hospitalaria sobre a primaria. Para atallar
esta situación, os médicos demandan o deseño dun novo plan, como o
firmado para o período 2007-2011 por profesionais e sindicatos, co fin
de remediar uns males xa diagnosticados.
O doutor Ramón Veras, membro da plataforma,
exerce como médico no Centro de Saúde de San Xosé, no centro da cidade
da Coruña. Este enclave presenta certa complexidade: moitos dos seus
antigos usuarios, maioritariamente anciáns, conservan aquí o seu médico
aínda que cambiaron de domicilio. De feito, moitos viven en barrios como
a Agra do Orzán. Cun cupo medio de 1.442 pacientes, Veras vén
dedicando unha media de 40 minutos por paciente, por moito que intente
partir duns “ideais” dez minutos. Cada día atende entre 30 ou 40
persoas. O consenso profesional aconsella, segundo a Plataforma, atender
un máximo de 25 pacientes ó día dispoñendo de 10 minutos por persoa e
non superar os 1.250 pacientes no cupo.
Desde o 2009 non se creou ningunha nova praza na
área da Coruña, coa única excepción de Culleredo onde a grave saturación
obrigaba. “No San Xosé”, sinala Veiras, “nos últimos tres anos quedaron
dúas vacantes pero en lugar de cubrilas foron para outros centros .
Unha, para Los Rosales, onde andan cun cupo medio de 1.900 pacientes”.
Pero tamén hai problemas no San Xosé. Nos últimos anos a poboación á
cargo pasou de 37.509 usuarios (marzo de 2016) a 37.646 (marzo de 2018).
Un terzo dos usuarios teñen máis de 65 anos (un 30,9% fronte o 26,9 de
media na área coruñesa) e ademais, os usuarios de máis de 74 anos
representan un 15.5% fronte ó 13% de toda a área. Veras afirma que “a
Xerencia ten tódolos datos e pode ver o que pasa, pero o único que
baralla é o dato dos cupos. Eu preferiría traballar en Los
Rosales cun cupo de 1.900 que no Ventorrillo cun de 1.600, porque
a poboación que atende este último é moito máis complexa; hai moitos
inmigrantes, outros problemas, como os culturais, relixiosos, de
idioma…”
No Ventorrillo entran uns 300 pacientes novos ao
mes, indica Regina Basadre. “Púxenme nun momento en 1.950 pacientes,
arredor do 2004… falei cos compañeiros e vimos que ese era o rango.
Daquela, a Xerencia de Atención Primaria, que xa non existe, desprazou
dúas médicas que había na Casa do Mar para aquí con cupo cero.
Tardaron menos dun ano en poñerse no rango. Non crearon prazas,
sacáronas de alí para aquí… O Ventorrillo, por masificado e pola presión
asistencial, é o peor centro da Coruña. O groso da consulta son os
crónicos, despois está a xente en idade activa, os que traballan só
veñen en casos extraordinarios. Notouse desde a crise. Aquí, a vivenda
está a prezos máis baixos, hai moita inmigración, pouco espazo verde,
edificios altos, pisos dos anos do desenvolvemento, pisos de moita
rotación, marchan uns e veñen outros, moitos pasan polo centro,
pacientes que hai que historiar, coñecer… é unha zona de aluvión
mentres o centro da Coruña vai quedando despoboado”.
Criterios de calidade
Os números son fríos, poden debuxar un mapa preciso
da cifra total da poboación usuaria, o seu sexo, idade ou procedencia,
pero, pola contra, non contemplan os problemas humanos. Veras critica
que o Sergas “dedique moito esforzo ó gasto farmacéutico, mida o número
bruto, pero non estude as necesidades”.
Cada médico de familia dispón dun listado de
obxectivos, entre os que a Xerencia salienta cuestións como a demora
aconsellable (de ata 5 días no caso do San Xosé ); a derivación á
atención especializada (un 9% dos pacientes atendidos); as probas a
facer (retinografías, ecografías, espirometrías ou cirurxía menor…), un
total de 20 ao mes. No apartado de adecuación na prescrición,
aconséllase a de xenéricos nun 45%; e reducir os custos por usuario, que
serían de 54 euros por usuario de entre 65-74 anos e de 72 euros por
usuario maior de 74 años.
Os médicos de cabeceira deberían levar colgada unha
calculadora en lugar do estetoscopio. “Págannos unha cantidade ao ano
polo cumprimento destes obxectivos, que, dentro do salario é unha parte
pequena”, apunta Veras. “Pero coa Xerencia única temos a sensación de
ser o administrativo do hospital”.
E engade Manuel Martín que “desde a entrada en
vigor en 2010 das Estruturas de xestión integrada, consolidadas pola
recente reforma da Lei Galega de Saúde, a Atención Primaria perdeu a
pouca capacidade de autoxestión que tiña ó pasar a mans das xerencias
hospitalarias que manexan en función dos intereses dos xefes de servizo
dos hospitais”. Este proceder parece un contrasentido tendo en conta,
segundo afirma Martín, que en Galiza a demanda de Atención Primaria é
maior que nos países europeos e menor a hospitalaria.
Desde a Plataforma levan anos reclamando un estudo
rigoroso para ver que cupos se necesitan en función de criterios de
poboación, dispersión, nivel de avellentamento e patróns de
enfermidades. “Así se aseguraría o acceso á asistencia nun tempo e
distancia razoable”, di Martín. No que se refire á organización do
traballo, as axendas, elaboradas polas xerencias “sen participación dos
centros de saúde” son “irracionais” pois concéntranse na asistencia e en
tarefas burocráticas en detrimento da promoción, prevención e traballo
coa comunidade, algo que “sería máis eficaz para reducir a enfermidade e
a mortalidade das principais enfermidades: cancro e enfermidades
cardiovasculares, que teñen moita relación co estilo de vida,
alimentación e causas medioambientais”.
Fraxilidade
“Fai un ano que fun preguntar cando e en que
condicións me podería xubilar. Así inflúe a presión. Canto perdo?,
preguntei. Teño 62 anos, que pasaría? Cando me sinto con presión,
procuro facer cousas que me agraden. Hai que buscar solucións antes do
incendio. O programa de fraxilidade vén de aí… Para min tamén foi unha
forma de escapar. Non podo pensar nos pacientes como algo que me produce
estrés, teño que pensar neles como persoas… E iso, o programa, foi un
intento de pensar nos pacientes como persoas”, explica Regina Basadre.
Basadre comezou a testar pacientes maiores de 70
anos. Os doentes camiñaban dous días por semana. Empezaron en novembro
de 2017. Saían martes e venres ás 11:30 acompañados pola enfermeira,
unha fisioterapeuta e unha profesora de marcha nórdica. “O 90% deixaron
de ser fráxiles. Unha parte desta xente seguirá camiñando con bastóns,
pero xa sen sanitarios”.
Pero o programa é unha illa. O traballo cotiá é
habitualmente frustrante para os facultativos. “Hai diagnósticos
tardíos, hai tratamentos mal levados… A continuidade na asistencia está
perdida, e iso tamén afecta á calidade. O Sergas non é unha entidade
pechada, senón que é unha entidade pública con distintas conexións, non
sempre transparentes, co capital privado. Convertémonos en traballadores
que obedecemos ordes dos xestores, e os xestores están máis preocupados
polo resultado económico que polo resultado da asistencial… Pero o
recurso máis importante somos os profesionais, somos o recurso máis
eficiente e estamos claramente escasos, e sobrecargados. O que podo
dicir é que se inviste menos en Primaria e menos en persoal”, di Regina.
“A situación asistencial está nun punto de enfermarnos”.
– Que significan as dimisións do mes pasado en
Vigo?
– Foron un acto público e colectivo de responsabilidade e
de denuncia, unha manifestación da impotencia dos interlocutores
directos da Administración. Non foron escoitados, non só unha vez… senón
reiteradamente. A min pasoume sendo médica de a pé: non sei a quen
dirixirme, se escribo carta á Consellería, ao Xerente, na prensa, na
radio e nada cambia. O que fan é esgotarte.
– Que responsabilidade teñen os médicos en todo
o que está pasando?
– Os médicos temos a responsabilidade de
atender aos pacientes e dicir o que non funciona. Outra cousa é a
capacidade, ou mellor, a resistencia reivindicativa para que as nosas
demandas vaian adiante. A resistencia, si. Canto máis traballo nos
esixen, máis esgotados estamos para protestar… O único que quero despois
de ver 40 pacientes é deixar de pensar niso.
https://adiante.gal/asalto-a-sanidade-publica-5/