2019: a CUT no seu XX aniversario

No VI Congreso da CUT, celebrado
en outubro de 2017, aprobamos documentos político sindicais e documentos
organizativos. En ambos os dous casos marcamos como obxectivo principal
fortelecer a ferramenta sindical para avanzar na conquista de dereitos,
dando por pechada a fase da resistencia. Acordamos que
xa non chegaba con ser homes e mulleres rebeldes ao estilo de Albert
Camus, nós queremos máis: aspiramos a inverter a pirámide,
aspiramos a ser suxeitos de poder popular.
Durante o ano 2018 fomos deseñando, con erros e
acertos, a orde xerárquica do principal e do secundario, pero sempre
pendurándoo todo na trabe mestra: a CUT como sindicato galego e
de clase. Se algo pon en dúbida isto, entón non vale.

Arrancamos agora este 2019 cunha nova imaxe do sindicato,
unha identidade actualizada ao contexto e con perspectiva de futuro; e a
esta imaxe engadímoslle outra en homenaxe aos vinte anos de
historia que contemplan á CUT. Homenaxe esta que non é a unhas
siglas, senón ás mulleres e aos homes que arrancaron este
proxecto e o trouxeron ata nós cun esforzo descomunal,
pelexando con alegría contra o noso inimigo natural, que é o capital, e
tamén tendo que enfrontarse con tristeza a quen debía formar parte do
noso bando pero por sectarismos ou conformismo opta por outra vía; ou o
que é aínda peor, enfrontándonos ás veces con incomprensións egoístas na
nosa propia casa. E, a pesar de todo, somos, movémonos.

Estes cambios non son exclusivamente estéticos, levan impícita
unha clara mensaxe: a CUT segue no camiño (e seguirá ata que se
dean as condicións precisas para a construción dunha central única
galega), a CUT adapta a súa imaxe á nova realidade da clase
traballadora galega na que está por construir a nova definición do
proletariado; andamos na procura da definición que acubille ás
persoas precarias, ao traballo na caverna de Platón (telemarketing), a
aquelas persoas obrigadas a ser falsas autónomas para aumentar así a
plusvalía do capitalista mentres somos nós mesmas as encargadas de
explotarnos converténdonos á escravitude voluntaria. Estamos no
cumio da alienación mentres afogamos no consumo para construir un falso
eu. En definitiva, a nova imaxe é aberta para ser receptiva,
para que sexa de todas nós, e dicimos todas para facer énfase no que
somos, persoas da mesma clase.

Mudamos a imaxe para seguir no camiño que comezamos hai vinte anos de
crear unha organización de masas, e aos poucos imos avanzando
afianzándonos onde xa estabamos e entrando en sectores que estaban
vedados hai ben pouco. Mudamos a imaxe para seguir sendo nós e
para que vós tamén sexades nós.
Ao longo deste ano iremos facendo actos
para conmemorar este XX Aniversario dos que, polo de agora, só
imos desvelar a elaboración dun número especial de O Xornal
que terá colaboracións e contidos ben interesantes.

Comezamos este ano novo con cambios, e será un ano de eleccións
sindicais nos que imos entrar en novos sectores que van
requerir un maior esforzo de todos e todas nós: comprensión, traballo,
estudo, solidariedade, apoio, arroupe…, tecer rede, facer clase e país.
Temos ante nós unha etapa de traballo e de ilusión e, sobre todo, de
tranquilidade ao saber que contamos cunha estrutura forte que levantaron
homes e mulleres aló polo 1999 e que non imos deixar esmorecer os que
agora estamos, porque en nós está a memoria e o respecto
polo feito. E con memoria e respecto afrontamos tamén os novos
retos de fortalecer o feminismo combativo e de clase,
artellar unha acción sindical efectiva nos sectores máis precarizados,
crear novas seccións sindicais coma a das persoas traballadoras do sexo,
poñer o noso gran de area na unidade dos movementos sociais de cara a
unha unidade popular de base e non meramente electoral…, e moitos outros
obxectivos.
Cada vez somos máis e entendemos mellor que debemos
empurrar cara o mesmo lado para voltear a pirámide e,
parafraseando quel verso de Cordal que dicía “todo flúe, a folga
permanece”, nós dicimos “nós influímos, o capital desvanece”.
Ricardo Castro
Buerger, Secretario Xeral da CUT