Unha nova universidade (privada) en Galiza?

Parece que para algúns é nova esta intención pero o
asunto xa leva en marcha desde hai anos.
Publicabámolo xa no mes de maio do ano 2016. Por un lado as
políticas desenvolvidas pola Xunta impulsando a privatización do
público, a inacción das institucións de ensino superior e, en xeral da
sociedade galega, propiciaron que avanzara o proxecto e que apareza como
unha realidade a moi curto prazo.
Temos claro que onde apareza un nicho de
negocio, a “iniciativa privada” vai intentar ocupalo. Xa referíndonos ao
ensino superior temos tamén claro que ao capital interésalle restrinxir
os espazos para formar dun xeito máis directo ás persoas destinadas a
liderar as súas iniciativas. Se a todo o sinalado lle engadimos
a actuación dunha administración ideoloxicamente posicionada na mesma
órbita e que pula coas súas políticas o desmantelamento da
administración pública, temos o caldo necesario para que aparezan toda
unha amalgama de empresas que, como ocorre neste caso, entenden a
educación non como un servizo, senón como un negocio ao que só poderán
acceder esa elite á que vai dirixido e que pode pagalo.
Por outra parte a implantación desta
universidade privada afectará sen dúbida ás universidades públicas do
SUG, coas que competirá en absoluta desigualdade e porque
ademais seguro que acabará sendo subvencionada pola propia Xunta de
Galiza, subvencións que detraídas do que entre toda a cidadanía pagamos,
deberan acabar nas universidades públicas.
Reclamámoslle á Xunta de Galiza que impida a
creación desta universidade privada, pero como somos conscientes de que
isto non sucederá entendemos que se debe iniciar un proceso de
concienciación sobre as consecuencias desta implantación que conduzan,
primeiro a que actúen as universidades públicas para evitar a
implantación desta universidade pero tamén consideramos imprescindible a
mobilización social para acadar ese obxectivo. Comprometémonos a
que, en todos os foros nos que temos representación se debata e se
adopten as medidas correspondentes que eviten que en Galiza opere esta
universidade privada.
Noticias relacionadas
A Xunta estuda autorizar o proxecto da universidade privada de Abanca
A universidade privada escala postos a conta da pública
A universidade privada cómese a torta dos mestrados e xa ten a un de cada tres alumnos
As universidades privadas crecen sen parar mentres as públicas se estancan