Reclaman imparcialidade á Valedora do Pobo na súa mediación sobre a mina de cobre de Touro

A Plataforma denuncia nun comunicado que
“segundo se publicou na prensa, a Valedora decidiu abrir un
expediente aceptando mediar na queixa interposta por persoas cercanas á
empresa que pretende a reapertura e ampliación da mina de
cobre, pola colocación das ditas pancartas na Praza de Abastos”.
As pancartas están situadas na Praza de Abastos e
na Alameda de Santiago de Compostela “cos preceptivos permisos”. Ante a
posibilidade de apertura de expediente que aceptaría as queixas de
intereses próximos a Cobre San Rafael S.L., compañía detrás da
reapertura da mina en Touro, as persoas que compoñen a Plataforma
Veciñal reclaman que “de ser certo, extremo que nos gustaría que
nos confirmara, a Valedora do Pobo tería comunicado a
apertura dun expediente aceptando a queixa de persoas próximas á
empresa”.
Desde o colectivo contrario á reapertura da
explotación mineira, consideran que “a celeridade amosada pola
Valedora no trámite da queixa desas persoas cercanas á empresa”
contrastaría coas dificultades da mesma Valedora para “responder á
demanda de información das plataformas e colectivos que se opoñen a esa
reapertura”
Neste punto lembran que en maio de 2018 a
Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a plataforma “Mina Touro-O Pino
NON” acudiran á Valedora porque “a Administración galega
resistíase a facilitar información pertencente ao expediente
administrativo da mina de cobre”. Non obstante,
tal como din no seu comunicado, a documentación requerida non foi
enviada ao organismo público.
No escrito que presentaron este venres nas
dependencias de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, reclaman
imparcialidade e eficacia á Valedora do Pobo “na defensa dos dereitos da
cidadanía e coa crenza de que exercen un dereito legal”.
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/81490-reclaman-imparcialidade-valedora-pobo-mediacion-mina-cobre-touro