• Número 417
  • 24 de decembro de 2018

Universidade

Rematou o maratón dos orzamentos

Os orzamentos aprobáronse co único voto en contra do PAS

A semana pasada foi unha semana intensa que rematou o xoves, día 20 ás 22 horas en Ferrol coa reunión do Consello Social que deu o visto e prace ao que, até ese momento, era o proxecto de orzamentos para o ano 2019. O PAS deixamos claro que estas non son unhas contas que poidan contar coa nosa aprobación, procedendo a rexeitalas en todas as reunións realizadas ao efecto.

Da análise que fixeramos do anteproxecto xa vos informamos. Cabe agora sinalar que, puxemos de manifesto que o Plan de Financiamento asinado entre a Xunta e as Universidades é insuficiente condenando á UDC á precariedade.

Quedou meridianamente claro, incluso para a institución, que o fondo estrutural non chega ao abranguer 72,12 millóns de €,  situándose só os gastos de persoal en 96,461millóns de €.

No seu día, o PAS mostrouse contrario a este Plan de Financiamento porque sabía exactamente ao que conducía, e tamén porque eramos coñecedores de que seriamos a parte que soportariamos en máis medida as carencias do mesmo. Por este motivo e, desde os orzamentos do ano 2014 votamos en contra dos sucesivos proxectos que nesta materia presentaban os respectivos grupos de goberno da universidade, primeiro sendo reitor Armesto e, posteriormente, con Abalde nese posto, ao nos impoñer, e posteriormente consolidar, un recorte substancial na partida destinada a acción social e formación.

Como, a pesar de que se van decatando de que as vindeiras negociacións deben ser abordadas desde outra perspectiva, o certo é que os recortes para o PAS permanecen e a resposta ten que ser a mesma, o rexeitamento.

No debate propio dos números ás nosas precisións xa sinaladas no anterior PASquín responderon aducindo que se limitaran a reflectir os datos que os servizos correspondentes lles enviaban, polo tanto se o dato da “extra do PAS” ou o que comentamos da incongruencia salarial que observabamos no PAS laboral era porque os datos que se lles remitiran estaban mal.

Non foron tan claros no que se refire a que no subconcepto “gratificacións PAS funcionario” aparecesen 2.000€, polo tanto requirimos por escrito que se clarificase.

Sen máis que sinalar, de novo, que as contas que se aprobaron prexudican substancialmente ao noso colectivo, marcando a pauta de comportamento deste equipo de goberno co noso sector.

Non puidemos deixar pasar a ocasión para requirir, unha vez máis, a inmediata resolución dos temas pendentes, facendo mención especial á recuperación da xornada de 35 horas á semana, incremento da gratificación por xubilación, convocatoria das promocións acordadas para o ano 2018..., respondéndosenos con vaguidades.

Pensamos que é imprescindible que o colectivo reflexione e  tome conciencia de que se aveciñan tempos difíciles debido a que institucionalmente se asume que a contención no gasto é obxectivo, polo menos, a curto e medio prazo. Isto significa que non haberá contratacións que superen o marco da taxa de reposición. Aínda que a lei de orzamentos posibilite que este marco se pode superar nun 8% a universidade, aínda que o reclamamos, non o vai facer. A precariedade polo tanto marcará o futuro máis próximo. OLLO!