Crónica dunha reunión en Oviedo

Á reunión que onte se celebrou en Oviedo entre o
Comité de Expertos do Consello de Europa e as organizacións galegas
citadas ao acto acudiron Xosé Luís Regueira, polo ILG e pola RAG; Marcos
Maceira, Elsa Quintas e Mónica Pazos pola Mesa pola Normalización
Lingüística; Carlos Varela Aenlle por Abertal del Eo-Navia, e
Xosé-Henrique Costas González por ProLingua.
Chegada a hora comezou expoñendo o representante da
Secretaría Xeral de Política Lingüística, en reunión privada cos
expertos. A seguir declarou unha persoa delegada do Consello Galego de
Relacións Laborais e, ao rematar, un representante do Comité solicitou
do resto de organizacións que expuxesen en conxunto as súas teses. Desta
maneira, todos os representantes presentes sentaron arredor dunha mesa:
os seis galegos citados máis dúas intérpretes, tres membros do Comité (o
galego Fernando Ramallo en representación de España, un holandés e un
húngaro) e un secretario que tomaba nota do que se falaba.
A organización e desenvolvemento da reunión foi
sinxela e afable. O Comité preguntaba sobre un aspecto, por exemplo, o
cumprimento da Carta no Ensino, e a seguir declaraban os representantes
das organizacións complementándose e achegando cada un argumentos novos.
O mesmo pasou con Xustiza, con Medios de comunicación e con Galego
Exterior, momento no que interveu con brillantez o representante do
Eo-Navia.
Deixamos claro todos nós que a Carta non se cumpre
no Ensino (contra o dito polo SXPL momentos antes) porque o desequilibro
en favor do castelán é evidente, porque o Decreto actual non fai
competentes de maneira semellante en galego e castelán a todo o alumnado
(un 20% declárase incompetente en galego ao remate dos estudos
obrigatorios) e porque o ensino segue a ser un potente factor
desgaleguizador, comezando pola educación infantil.
En Medios de comunicación, o representante da SXPL
afirmou que hai moitos medios en galego e que as subvencións son as
apropiadas, cando a Xunta, e así llo fixemos saber aos membros do
Comité, está a subvencionar con millóns de euros xornais en español
mediante cartos que deberían estar asignados a políticas de promocións
do galego. Deixámoslles claro tamén que o noso idioma está desaparecido
na Xustiza, onde apenas o 1% da sentenzas son en lingua galega e onde o
uso da nosa lingua queda ás expensas do voluntarismo militante das
cidadás e cidadáns e do funcionariado, a pesar das pexas do programa
informático, que non permite traballar en galego, da lexislación
española, que non legaliza o galego senón que só o despenaliza, e de mil
trabas máis que lle foron esmiuzadas aos membros do Comité.
ProLingua e A Mesa entregáronlles aos membros do
Comité cadanseus dossiers en inglés. Á parte, púidose observar que o
Comité tiña moi boa información sobre a situación do galego exterior
mercede ás traducións ao inglés dunhas xornadas celebradas o ano pasado
no Consello da Cultura Galega. Así e todo, abordouse con detalle a
situación anómala do galego de Asturias e pedíuselle ao Comité que
abrise epígrafes sobre o galego de Asturias, o galego de Castela-León e
o galego de Estremadura, cousa que ata o momento o informe oficial de
España non contén.
O clima do encontro das organizacións galegas co
Comité foi cordial, afable, por momentos de bo entendemento e mesmo
sorpresa por parte dos membros do Comité polo que estaban ouvindo. En
non poucas ocasións contrastaron as opinións que se lle expuñan coas do
SXPL, que declarara previamente. O Comité fixo as preguntas que
considerou oportunas e estas foron convenientemente contestadas polos
representantes das organizacións galegas.
Ao saíren todos os representantes das organizacións
galegas conviñeron en que o encontro discorrera moi ben e, en xeral,
todos estaban satisfeitos coas exposicións e o traballo feito na
xornada.
Queda agora agardarmos que o Comité de Expertos
eleve as opinións expostas ao Consello de Ministros do Consello de
Europa e que este reprobe os gobernos español e autonómico polo
desleixo, cando non belixerancia, que demostran coas linguas estatais
diferentes do español.
ProLingua, a 11 de decembro de 2018