O seguimento da folga na CRTVG mobiliza case ao cen por cen do plantel

Fontes sindicais consultadas por Galicia
Confidencial apuntaban un seguemento do 90% de traballadores e
traballadoras da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, nunha
xornada de folga que motivou cambios na programación dos medios
públicos galegos para o día de hoxe. “En seccións como
deportes o seguimento foi do 100% por exemplo”, din as
mesmas fontes.
“O dez por cento restante que
non acudiu son mandos intermedios e persoas contratadas en precario,
sobre todo prácticas, bolseiros e FEUGAS” din desde
fontes sindicais. “As trescentas persoas que se achegaron hoxe eran a
maioría da CRTVG, había moi pouca presenza de externos”.
A xornada de folga de vinte e catro horas deste 19
de decembro, comezou cunha concentración diante do Parlameno de
Galicia onde representantes políticos de En Marea, BNG e PSdeG,
se achegaron para falar cos traballadores concentrados. Desde a Rúa do
Hórreo, onde está o Parlamento, pasouse a unha manifestación que rematou
na compostelana Praza Roxa onde representantes do Comité
Intercentros da Corporación, leron un comunicado para dar a coñecer a
situación dos medios públicos en Galicia.
Sobre a atención aos puntos reivindicados polo
comité de folga, as fontes sindicais apuntan que a dirección da CRTVG
moveuse “pero moi pouco”. Os puntos que se consideran esenciais como “a
recuperación da produción propia é insuficiente o que ofertan, o
desmantelamento mediante a destrución de cadro de persoal, non ofrecen o
necesario, que é o redimensionamento do cadro de persoal
baseado no plano de estabilización que se aprobou no segundo acordo
marco”.
As fontes consultadas indican que desde os mandos
da Corporación non queren comprometer o plano de estabilización. “Sobre
a manipulación, non queren comprometerse a esixirlle ao Consello de
Administración que é o órgano competente, no que ademais está o director
xeral, para dicirnos unha data para poñer en marcha o Consello
de Informativos”.
Sobre a recuperación das desconexións
territoriais “non queren oír falar do tema”, mentres que os
expedientes abertos a traballadores dentro dos medios públicos “aí
continúa aberto o de Carlos Jiménez, baixo o epígrafe “competencia
desleal”, cando é por sumarse aos Venres Negros”. Non obstante, cando a
semana pasada xa se tiñan avanzados varios puntos, os representantes da
Corporación “botáronse para atrás cando se chegara a un acordo sobre
programación, pero a xente cada vez está máis concienciada por iso
estamos esperando a ver que pasa desde o luns que vén”.
Nestes momentos, segundo fontes do Comité de Folga,
“na última asemblea as persoas están máis esixentes que o mesmo
comité, aínda que se están chegando a puntos intermedios, pero
hai un desexo de xustiza tan grande que non lles chega con eses puntos
intermedios”. Os paros na CRTVG continuarán este sábado día 22 de
decembro. Primeiramente serán seis horas pola mañá para continuar a
partir das dúas da tarde.
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/81378-seguemento-folga-crtvg-mobiliza-cen-cen-plantel?fbclid=IwAR0VhsH_5ckZp1mcahc2ikxuYHbKhCnLxZQyrx4XYwRK1MkhyUa23IZNP40
2º DÍA DE GOLGA (día 22 coincidindo co sorteo de Nadal)
Grazas. 87% de participación nesta nova xornada de folga que entre as 8 e as 14 horas deixou baleiras as instalacións da CRTVG en San Marcos e nas delegacións. Máis alta dirección e mandos intermedios dentro que currelas. Non nos tocou a lotería pero puidemos grazas a ela contarlle á xente a través dos directos de TVG e La Sexta na Raxería de San Marcos e en Teo que estabamos en folga. Non sempre nos van poder silenciar. Bo Nadal a todas!.