Pacientes apoian ós xefes dos centros de saúde que dimitiron como protesta: "Tiñan que facelo antes"

Os centros de saúde da área de Vigo, cuxos
responsables presentaron este martes a súa dimisión (sobre unha vintena)
funcionan con "normalidade", unha situación que só se viu alterada pola
folga de médicos convocada polo sindicato O'MEGA.
A renuncia destes xefes de centros de saúde, que se
fixo efectiva por rexistro na mañá deste martes, non tivo consecuencias
visibles aínda e é previsible que tampouco se note a curto prazo, dado
que a maior parte destes centros teñen unha "madurez" autoorganizativa e
xa teñen planificada a súa xestión interna para as próximas semanas.
Con respecto á atención aos pacientes, algúns
traballadores de varios ambulatorios consultados por Europa Press
precisaron que "os problemas que perciben hoxe son os mesmos que hai
dúas semanas" e que, en boa medida, motivaron as dimisións por falta de
persoal e recursos.
O até agora responsable do centro de saúde de Teis,
Luís López Vilar, lembrou que o labor de xestión que realizan céntrase,
sobre todo, na disposición de vacacións e días libres, ou na tramitación
de substitucións.
"Os problemas veñen de hai moito tempo, e
son estruturais, pero non só en Galicia. É necesario un pacto
de Estado", sinalou López Vilar, quen expresou a súa esperanza de que o
Sergas volva contactar con eles para "sentar" a dialogar, "pero con
propostas concretas para a Atención Primaria".
APOIO DOS PACIENTES
Neste centro de saúde a opinión dos pacientes é
unánime: "Os médicos están moi saturados". Un dos
usuarios do centro, pai dunha menor, lembrou o "gran problema" que
padecen os nenos por falta de pediatras. "Nunca substitúen o pediatra
cando falta, e temos que esperar horas", lamentou.
Na mesma liña, noutros centros de saúde, como o do
Casco Vello (cuxa responsable tamén forma parte do bloque de
dimisionarios) os pacientes ven "máis que xustificada" a
protesta dos xefes de servizo e de unidade. "Están saturados,
ven ducias de pacientes cada día, e pagámolo nós: cada vez hai máis
listas de espera", criticou unha doente este martes.
Outro dos usuarios deste ambulatorio do barrio
histórico vigués foi máis aló. "Terían que plantarse antes, e os
pacientes tamén. Necesítase máis persoal, e que teñan
condicións máis estables, porque en poucos anos vennos catro ou cinco
médicos distintos na mesma consulta, do mesmo centro de saúde", incidiu,
antes de lembrar que lle deron cita a máis dun ano vista para tratar
unha trombose dunha perna, e que só presentando reclamación logrou que o
prazo se "acurtase" a 8 meses.
ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero,
tamén se referiu á que, ao seu xuízo, é "unha crise sen
precedentes" na Atención Primaria de Vigo, e apuntou que a
"dimisión masiva" de xefes de servizo súmase ás "dificultades serias"
que padece, na súa opinión, o Hospital Álvaro Cunqueiro.
O rexedor olívico fixo un "recoñecemento" ao
esforzo dos profesionais de Atención Primaria en Vigo, así como á súa
"valentía" para denunciar os problemas do servizo. "Que situación límite
debe haber para que haxa unha dimisión masiva", proclamou Caballero,
quen criticou que "Feijóo e o conselleiro de Sanidade pretenden que aquí
non pasa nada, pero si que pasa e teñen que dar resposta".
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/81108-pacientes-apoian-xefes-centros-saude-dimitiron-protesta-tinan-facelo