"Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" inicia a súa andaina

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional
dos Dereitos Humanos, e ante a vindeira aprobación definitiva pola Xunta
de Galicia do decreto da RISGA, organizacións sociais e políticas de
Galicia convocamos roldas de prensa informativas simultáneas en tres
cidades para presentar a campaña "Fagamos da RISGA un verdadeiro
dereito". Compostela, A Coruña e Vigo foron os puntos onde celebramos
roldas de prensa simultáneas diante das dependencias da Xunta de
Galicia.
Logo de presentar a campaña fíxose un reparto de
folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, como
primeira das actividades que se prolongaran nos
vindeiros meses:
- Campaña de difusión nas Redes Sociais:
a cal incorporará unha temática, das catro xerais do folleto, de
difusión mensual.
- Contactos cos concellos das principais
cidades de Galicia: para difundir cartaz e folletos da campaña
nos centros de Servizos Sociais e para achegar a campaña directamente a
profesionais e persoas afectadas.
- Charlas informativas abertas á cidadanía
nas principais cidades: con participación dunha profesional
cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou
ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da
campaña. Coincidindo con esta actividade prevista para o mes de xaneiro,
haberá novas difusións de folletos informativos a cidadanía.
A previsión da aprobación definitiva do Decreto da
RISGA por parte da Xunta da Galicia entre finais do presente ano 2018 e
comezos do 2019, determinará as vindeiras actividades da campaña, que
continuará ante a clara insuficiencia da última proposta presentada pola
administración autonómica, que entendemos será a definitiva, tendo en
conta ademais que a Xunta negouse a debater a mesma con este amplo grupo
de organizacións sociais e políticas.
A campaña pretende presentar ao conxunto da
sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de
crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdareiro dereito para o
conxunto da cidadanía, incidindo na defensa dun modelo de RISGA cando
menos como:
- Dereito cidadá e non subsidio
condicionado. Fronte ás políticas de recortes e privatización
dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…)
reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade
social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de
emprobrecemento xeneralizados. Reclamamos o noso dereito como cidadanía
a un sistema de protección social galego inclusivo, garantista e que
serva para xerar as estruturas básicas da igualdade social.
- Recurso fronte a situación de
empobrecemento. A falta de recursos económicos derivada do
desigual acceso á riqueza está a converternos nunha sociedade
estruturalmente empobrecida onde a pobreza é condición na vida da
meirande parte da poboación que nos encontramos sumidas en situacións de
empobrecemento enerxético, laboral, de acceso á vivenda... Defendemos un
sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade
económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen
condicións subxectivas.
- Prestación suficiente e digna.
Propoñemos a consideración de empobrecemento segundo a referencia do
salario mínimo interprofesional fronte a valoración actual do IPREM de
contía moi insuficiente para a satisfacción das necesidades básicas.
Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas
(alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma
suficiente e digna cunha prestación actual de RISGA que non supón máis
que o 75% do IPREM (403,38 euros/mensuais).
- Modelo de tramitación accesible e eficaz.
Defendemos un modelo de RISGA eficiente e áxil, sen burocratizacións
innecesarias, co obxecto de que cumpra o seu cometido na maior brevidade
posible ás necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con
tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses.
Organizacións asinantes do acordo colectivo de
esixencia de garantías básicas no relativo ao proxecto de
desenvolvemento da LEI 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social
de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de
Galicia e das Axudas de Inclusión: Foro Galego de Inmigración, Colexio
Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e
Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos,
Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo),
Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre
(Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión
social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela, Coordenadora
de Crentes Galegos, Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea,
PsdG-PSOE e CUT.