Máis de 8.100 persoas participan nos referendos sobre a monarquía nas universidades galegas

Máis de 6.500 persoas participaron este mércores
nos referendos sobre a monarquía organizados en varios campus das tres
universidades galegas, uníndose así á
vaga de consultas que se están a organizar en todo o Estado e que se
levaron a cabo xa en diferentes localidades. Estudantes e persoal
universitario da Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago uníronse durante
toda a xornada a unha votación como a que xa se celebrara en Vigo o
pasado día 4 e na que depositaran o seu voto case 1.600 persoas.
En total e en todas as consultas organizadas nas
universidades galegas, foron 8.104 persoas --entre alumnado, PAS e PDI--
as que participaron nuns referendos simbólicos nos que máis do 90%
(7.324 votos, o 90,37%) optaron por "abolir a monarquía" e instaurar a
República.
Na xornada deste mércores, participaron na votación
nos campus composteláns da USC case 3.600 persoas, das que o 93% (3.305)
optaron por "instaurar unha República que abra procesos constituíntes".
Na UDC, a participación foi de 2.064 persoas, con 1.810 votos (87,7%) a
favor de "abolir a monarquía" e 1.837 (89%) "a favor de instaurar unha
República a través da apertura dunha serie de procesos constituíntes".
No campus ferrolán da UDC, foron 151 os
participantes, dos que 127 (84,7%) votaron a favor de abolir a monarquía
e 126 persoas a prol da "apertura de procesos constituíntes para decidir
o modelo de República". No campus de Ourense da Universidade de Vigo, o
número total de votos foi de 713, dos cales 647 (90,7%) optaron por
"abolir a Monarquía como forma de Estado e instaurar unha República que
abra procesos constituíntes".
As votacións foron simbólicas pero significativas
de
comparar a participación coa que se dá, por exemplo, nas eleccións ao
reitor nas diferentes universidades e tendo en conta que nin todos
os campus nin todas as localidades foron quen de organizar os
referendos.
Nas últimas eleccións a reitor na USC votaran uns
2.700 alumnos (cunha participación do 12,6%) e un total dunhas 5.250
persoas incluíndo PAS e PDI. Na consulta deste mércores sobre a
monarquía, na que non houbo urnas o campus de Lugo, a participación
situouse nas 3.592, a inmensa maioría delas estudantes, como no resto
das universidades.
A participación non está moi lonxe da que se dá nas
eleccións a reitor e cunha mobilización máis activa do alumnado
Na de Vigo, foron unhas 2.300 persoas as que se
implicaron nos referendos, cando uns 2.500 alumnos e un total de 4.300
persoas exerceran o seu dereito a voto nos comicios ao reitorado.
Na UDC participaron máis de 2.200 persoas para
posicionarse sobre o modelo de Estado fronte aos 6.250 que votaron para
elixir novo reitor en 2015. Por sectores, segundo os datos facilitados
pola organización, a participación foi do 12,3% no caso do estudantado,
6,54% no caso do PDI e 3,79% no caso do PAS. No caso do estudantado,
a cifra é superarior á das últimas eleccións ao claustro universitario,
onde a participación foi do 11,9%.
A iniciativa dos referendos sobre a monarquía naceu
na Universidad Autónoma de Madrid, que xa celebrou a súa consulta o
pasado 29 de novembro con máis de 7.000 votos, unha participación que
practicamente duplicou a das eleccións ao reitorado na mesma
institución. En total, máis de 25 universidades públicas organizaron ou
xa celebraron as consultas sobre a monarquía. Polo momento, logo das
celebradas na UAM e na Carlos III de Madrid, en VIgo ou en Terrassa,
este mércores 12 tamén se celebraron votacións na Complutense de Madrid,
en Valladolid e en Zaragoza, que xuntaron case 21.500 votos.
En total, no conxunto das universidades do Estado,
xa participaron máis de 42.000 persoas nestas consultas simbólicas,
cunha vitoria arrasadora da opción republicana en todos os casos.
http://praza.gal/politica/mais-de-8100-persoas-participan-nos-referendos-sobre-a-monarquia-nas-universidades-galegas