A Mesa advirte da vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza ao Comité de Expertos do Consello de Europa

A Mesa pola Normalización Lingüística participou
onte pola tarde na sede do Real Instituto de Estudios Asturianos
(RIDEA), en Oviedo, nun encontro co comité de expertos do Consello de
Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e
minorizadas por parte das institucións españolas. Marcos Maceira,
presidente da Mesa, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do
Observatorio de Dereitos Lingüísticos, e Mónica Pazos, secretaria xeral
da organización, exporanlles aos expertos e expertas europeos a
situación do galego, advertindo que tanto o Estado como a Xunta
incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a
presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza,
cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas.
A Carta europea das linguas rexionais ou
minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de
Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado
español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado
ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou
está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza,
administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións
transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de
Castela e León.
Tal e como se vén advertindo reiteradamente por
parte da Mesa, os expertos europeos xa teñen alertado en varias ocasións
sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do
ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros
sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa
para a eliminación da propia no ensino. Nesta ocasión, o Estado remitiu
ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co
fin de obter unha avaliación positiva. “O Estado mente ao Consello de
Europa manipulando os datos oficiais”, advertirá a delegación da Mesa á
delegación europea, composta por Fernando Ramallo, Dieter Halwach, René
de Groot e Csaba Pákozdi. Ademais de ocultar o contido do mal chamado
decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa
contemplados no anterior, chega a afirmar que “a maior parte dos pais
falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce,
fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua
máis empregada polo estudantado. Porén, tal e como sinala a Mesa no seu
relatorio, recollendo datos do IGE, “en 2014 tiñamos a cifra máis alta
de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego
(20%)”. Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas
oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da
RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas
graves manipulación do Estado.
Algúns datos do informe
Ensino
– Segundo o
último estudo IGE (2014) o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe
falar galego
– Mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das
recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do
Consello de Europa
– A aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos
para o galego do Decreto contra o galego da Xunta
– O ensino público
non garante o ensino en galego como estabelece a Carta.
Xustiza
– Continúa sen
haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces,
xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a
inexsitencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provaca
atrasos ao funcionariado e á cidadnía que opta polo galego.
Servizos públicos
– A
administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan
os incumprimentos da Carta.
– A inexistencia de requisito de
coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e
fica á escolla do funcionariado.
– Evidénciase a inexistencia de
formación de calidade.
– Nos concellos, sentenzas como a do TSXG
sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo supoñen unha regresión dos
dereitos lingüísticos da cidadanía
Medios de comunicación
–
Só a TVG garante unha presenza mínima do galego. Porén, é a única
emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a
mocidade.
– Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo
uso do galego.
Servizos culturais
–
Caída de publicación de libros en galego.
– Caída do investimento en
dobraxe
– Dificultades para a distribución de cinema en galego
Vida económica e social
– Segundo o informe ao respecto elaborado pola Mesa pola Normalización
Linguística, non opera neste momento en Galiza ningunha entidade
bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. No que ten a
ver coa banca electrónica só chegan ao 40% as entidades que permiten
operacións básicas neste idioma.
– En materia de recursos
contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos
Contractuais as súas competencias. Xa que logo, todos os recursos
especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no
caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado.
Intercambios transfronteirizos
– Os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos
entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos
Ligazóns de interese:
Informe |