• Número 416
  • 17 de decembro de 2018

CUT

A CUT irrompe con forza nos Servizos Centrais da Xunta

Non podemos máis que agradecer o voto a todas as persoas que confiaron nunha candidatura que se presentou ás eleccións coa finalidade de mudar o sindicalismo acomodado e gremial instalado até o momento neste sector.

A CUT entra con forza no comité de empresa de todas as consellerías dos servizos centrais da Xunta de Galiza tralas eleccións para o persoal laboral celebradas hoxe en San Caetano e San Lázaro. A candidatura da CUT ao colexio de Técnicos e Administrativos, malia ser a primeira vez que optaba a ese comité, obtivo 3 delegadas, as mesmas que a CIG e o CSIF, e  por riba da UXT,  que obtivo 2 representantes, nun proceso no que CCOO logrou 5 electos nese colexio conformado por 16 delegados e delegadas.

O resto do comité de empresa está composto por cinco representantes de Especialistas e non Cualificados, ao que non concorreu a CUT, pero que tamén obtivo representación por primeira vez fronte ao sindicalismo acomodado unha nova agrupación independente, ACIVRO.

Con estes datos, o comité de 21 representantes en ámbolos colexios do Comité de Empresa de Servizos Centrais da Xunta de Galiza queda do xeito seguinte:

CCOO          6

CSIF            4

CIG              4

CUT.            3     

UXT.            3    

ACIVRO     1

Parabéns a todas as compañeiras e compañeiros que asumiron o compromiso de defender os lexítimos intereses do conxunto do persoal laboral no corazón da Xunta, e a quen deu o seu apoio da nosa candidatura a prol dos traballadores e traballadoras públicas que levan moitos anos asumindo o esforzo individual de atender os servizos que pagamos toda a cidadanía, malia a falta de recoñecemento e ás agresións permanentes e inxustificadas dunha patronal que, como administración pública, debía ser un exemplo de relacións laborais e non de irregularidades, conflitividade e explotación. 

Nada pode agardar a sociedade dunha Administración que maltrata mesmo ao persoal que a representa. A CUT tampouco o vai permitir, por moita Administración pública que sexa.