• Número 416
  • 17 de decembro de 2018

Represión

Xornalista de La Haine denunciará a axentes de policía por unha "montaxe" para encarceralo (vídeo)

Tras ser absolto nun proceso no que pedían para el seis anos de cárcere

O pasado 14 de novembro, o xornalista Boro LH, de La Haine e Kaosenlared, recibía a noticia da súa libre absolución, no proceso que se abriu contra el trala súa detención nunha manifestación de "Xaque ao Rey", o 29 de marzo de 2014.

Boro, que acudiu a aquel acto reivindicativo para cubrilo informativamente, sufriu, como outros xornalistas, unha agresión de varios membros do Corpo Nacional de Policía, que quedou rexistrada por diversas cámaras. Con todo, no que parece constituír unha sorte de protocolo non escrito das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en casos como este, o xornalista foi denunciado polos seus agresores, que afirmaron que lles propinara varios golpes ao finalizar a manifestación.

Despois dun longo proceso, o  3 de outubro celebrábase o xuízo, no  que inicialmente  pedían para o xornalista unha pena de 6 anos e 6.200 € de indemnización aos policías.  Con todo, segundo recolleu a sentenza absolutoria, "non quedou acreditado nin fundamentado en nin unha soa proba de que o acusado agredise a alguén", "e o relato e a palabra dos axentes non poden ser suficientes para vulnerar o dereito de presunción de inocencia, se non hai nin unha soa proba".

A sentenza destacou, igualmente, as "graves contradicións" expresadas polos policías durante o xuízo sobre a forma na que ocorreron os feitos e  as inexactitudes sobre as súas supostas lesións.

A sentenza absolutoria fundamentouse tamén nas imaxes gravadas por varios fotoperiodistas, que ilustraban na súa totalidade a detención de Boro LH e desmentían a versión policial.

Un mes despois, o xornalista anunciou a súa intención de denunciar aos antes "acusadores"  por executar contra el "unha montaxe policial"   Durante unhas xornadas polos Dereitos Humanos celebrada en Granada o pasado martes, Boro fixo público que xa está a preparar, xunto co seu avogado,  unha querela contra os axentes responsables, baixo a acusación de "denuncia falsa e falso testemuño."

A pesar do peso abafador das probas videográficas que avalan a querela que interporá o xornalista,  os antecendentes xudiciais en España non convidan a supoñer que os  policías implicados poidan ser condenados pola súa actuación.

Aa iniciativa de Boro LH, con todo, ten o importante valor de servir como denuncia social e como un exemplo de resposta decidida ante este tipo de procesos políticos, que podería animar a outros afectados a actuar coa mesma combatividade desincentivando así a reprodución destas prácticas policiais. 

VÍDEO RELACIONADO:

http://canarias-semanal.org/art/24122/periodista-de-la-haine-denunciara-a-agentes-de-policia-por-un-montaje-para-encarcelarlo-video