Por que as pobres non queren traballar?

Cantas veces temos escoitado que “as persoas
que cobran axudas viven moi ben e que por iso non queren traballar”.
Do mesmo xeito, canta veces teñen dito cargos políticos de diferente cor
que “a mellor política social é o emprego”.
Devolver ou “insertar” no mercado laboral a persoas
e/ou colectivos que están fóra ou nas marxes deste, é o obxectivo da
maior parte das políticas sociais. Aquelas que organizan e xestionan
prestacións, programas, plans... fan por esquecer que o paro, a
precariedade ou a temporalidade máis que erros do sistema, son
expresións do seu bo funcionamento.
Temos así un sistema de (des)protección que lonxe
de garantir dereitos, artéllase para controlar e castigar ás
empobrecidas, algo máis de 1 de cada 5 en Galiza. Un bó exemplo o temos
na RISGA que cumpre a perfección estas funcións.
Os rumores din que antes de que remate o ano, a
Xunta vai publicar por fin o decreto que desenvolva a lei que entrou en
vigor o 1 de xaneiro de 2014. Porén, non imos esquecer agora a
indefensión, opacidade e restritividade que este retraso de catro anos
provocou na xestión desta “esmola social”. Era no verán do 2014 cando
remataba o prazo máximo -fixado na LEI 10/2013, de 27 de novembro, de
inclusión social de Galiza- para ter publicado o decreto que puxera en
marcha as grandes novidades anunciadas: os tramos de inserción e de
transición ao emprego. Estamos cansas e fartas de escoitar que esta é
unha lei que vai mellorar a conexión co emprego para as perceptoras da
RISGA. Polo momento só temos propaganda e miseria, ademais dun mercado
laboral que cada vez reparte menos a riqueza de todas.
A fin de contas hoxe en día un posto de traballo
non garante que chegues a fin de mes, según o Eurostat e o INE un 13,1 %
das persoas que traballan está en risco de pobreza, o que leva ao Estado
español a ocupar a terceira posición de entre todos os países da Unión
Europea.
Non podemos falar do que non chegou, pero se
tomamos como referencia o que acontece na actualidade con aquelas
perceptoras da RISGA que acceden, con intermitencia ao emprego, entran
arrepíos. Nas últimas semanas varias persoas entraron en contacto con
nós para falar dos atrancos provocados por acceder a empregos mentres
cobraban a RISGA.
“Me motivan para buscar trabajo con la realidad
laboral actual de contratos temporales? Pues la verdad ni, porque cuando
se me acabe el trabajo puedo pasar hasta 3 meses sin ingresos... Me
parece que con esto generan que las personas que viven de una RISGA no
busquen trabajo por miedo a esos meses sin ingresos”. Son as verbas
dunha muller que estivo a traballar temporalmente nunha residencia e que
coñece casos semellantes ao dela. As delegacións provinciais da Xunta
cando teñen constancia dun contrato temporal fan cálculos para adaptar a
nómina da RISGA a estes ingresos, o problema está nos tempos.
As demoras na actualización das contías provocan
desfases entre a situación económica das perceptoras e as contías
percibidas. Pode ser que mentres esteas a cobrar recibas a contía
completa da prestación máis o salario, e que meses despois cando xa non
teñas emprego desconten dunha tacada os pagamentos indebidos, deixando
ás persoas nunha situación de vulnerabilidade.
“Nadie se detiene a pensar que tal vez las que
vivimos de ayudas no volvemos a trabajar por cosas como estas”. Así
valora esta compañeira a súa experiencia laboral compatibilizada coa
RISGA. Varios meses de penurias polos atrasos da administración na
xestión das contías, que provocaron semanas de tensión e ansiedade por
seren penalizada logo de cumprir os obxectivos marcados no plan de
intervención.
Situación que por desgraza é padecida por moitas
perceptoras... Estes exemplos amosan que as administracións lonxe de
defender ese lema case publicitario de: “o emprego é a mellor política
social”. Deixan branco sobre negro a necesidade de separar o dereito a
unha vida digna do emprego. Razón pola cal, nós loitamos polo
recoñecemento de dereitos sociais fortes como a Renda Básica das iguais,
que deixen no pasado as presentes políticas de axudas sociais
condicionadas, que usurpan a dignidade das persoas e en último caso non
axudan a erradicar a explotación laboral.
Por todo isto: Renda Básica das iguais e moito
máis!
Vigo, decembro 2018
http://odscoia.arkipelagos.net/por-que-pobres-non-queren-traballar