Persoal da CRTVG levará a protesta ao Parlamento na folga do 19 de decembro

Logo dos
exitosos paros parciais dos últimos días, persoal da CRTVG prepara
xa a próxima gran mobilización, que consistirá nunha folga de 24
horas o vindeiro 19 de decembro, así como unha concentración ante o
Parlamento galego e unha manifestación que percorrerá o centro de
Santiago. Será a xornada clave dunhas protestas que suman xa
varios días desde que se convocara o primeiro paro e que se unen aos
venres negros, que
superaron a pasada semana os seis meses de reivindicacións de loito
"contra a manipulación" e polo cumprimento da Lei de Medios.
O paro continúa malia os avances, evidentes e
valorados polo comité de folga, que a dirección da Corporación ofreceu
este mércores nunha nova xuntanza. Así, en canto á produción propia, a
CRTVG mantén o ofrecemento de aumentala entre 15 e 30 minutos nos
programas informativos. Ademais, agora si, acepta debater sobre eses
"contidos de servizo público" que reclama o persoal e propón a
creación dun programa semanal logo do horario de
prime time, unha especie de
late night show destinado fundamentalmente a
público novo e á mocidade, que incluiría reportaxes e
entrevistas. Tamén está disposta a apostar por máis programación
infantil, cun espazo de media hora diario que, "ademais da ampla oferta de
animación na segunda canle, conte tamén con personaxes de carne e óso",
en palabras dos xestores.
O comité de folga recoñece que as novas propostas,
que se implantarían no vindeiro mes de febreiro, supoñen "un avance
importante" respecto do desleixo amosado nun inicio pola dirección,
aínda que lembra que a CRTVG segue negándose a recuperar as
desconexións territoriais na Radio Galega, outra das
reivindicacións fundamentais do cadro de persoal.
Por iso, e á falta de novas negociacións que se
retoman o próximo luns, o comité mantén a convocatoria dunha folga de 24
horas o 19 de decembro. Nesa mesma xornada, o persoal dos medios
públicos chama toda a cidadanía a que os acompañe nunha concentración
que terá lugar ás portas do Parlamento galego entre as 10 e as 12 horas,
coincidindo co debate que na Cámara se celebra ese mércores. Desde as
12, unha manifestación dirixirase á Praza Roxa, onde ás 13.30 horas se
lerá un manifesto. A pancarta que encabezará a marcha resumirá as súas
demandas: Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á
represión. En defensa do servizo publico.
Antes desa mobilización, e durante os próximos
días, o comité intercentros da CRTVG prepara tamén accións de
protesta que non foron desveladas e coas que pretenden rachar
co "silencio mediático" que xa denunciaran e mostarlle o seu malestar ao
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Mobilización de persoal da CRTVG en San
Marcos, durante a quinta xornada de paros parciais / © CUT CRTVG
Ás esixencias do persoal sobre as que hai avances e
sobre as que aínda se negocia engádesenlle dous aspectos relacionados
coas mobilizacións contra a manipulación e pola cumprimento da
lexislación, que celebraron a pasada semana o seu 28º venres negro. O
comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do
expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez e a
"reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano
co expediente que a atinxiu, arquivado o pasado outubro. Solicitan,
asemade, a "apertura dunha mesa paritaria" para "aclarar e interpretar
as normativas" nas que a área de Recursos Humanos baseou ambos
expedientes.
O pasado venres, na súa comparecencia
parlamentaria, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo,
minimizou o impacto da folga e desbotou a visión "negativa" dos medios
públicos que, segundo dixo, trasladan as protestas.
http://praza.gal/movementos-sociais/18033/persoal-da-crtvg-levara-a-protesta-ao-parlamento-na-folga-do-19-de-decembro/