A vida tiña un prezo

Te pasa la factura
el hombre medicina
dos mil de la aspirina
y gratis el bisturí”
Siniestro Total. «El hombre medicina».
En canto valoramos unha vida? Falo de pasta, eh? En
canto? En canto valoramos, por exemplo, un ano de vida? Dariamos –non
sei– medio millón de euros por ter alguén querido con nós doce meses
máis? Calquera que se vise nese caso diríavos que si e seguro que se
tivese eses cartos –porque non todo o mundo garda medio millón de euros
baixo o colchón para un imprevisto–, gastaríaos niso sen dubidalo.
Seino porque os que poden si que o fan. Eu admito
que sempre me asusto moito cando un rico morre antes de tempo. Non,
cando morre un pobre, non tanto. A min o que me desacouga é, por
exemplo, que morra Steve Jobs. Porque sabes que se el –cos millóns que
gañou colocándonos iPhones, iPads, iWatchs e calquera cosa que empece
por ai– non foi quen de se salvar, na mesma situación, ti e mais
eu estariamos condenados sen remedio.
Pero volvamos á pregunta do principio: en canto
valoramos un ano de vida? Está claro que hai quen considera que non vale
ese medio millón de euros:
«É un problema porque se están a dar tratamentos
oncolóxicos a pacientes que non teñen máis perspectiva que un par de
meses por diante e que estamos a gastar medio millón de euros por gañar
o equivalente a un ano de vida axustado por calidade. Este medio millón
de euros produciría moita máis saúde utilizado noutros programas.
Probablemente». Probablemente.
Quen así falaba era Beatriz González-López
Valcárcel, doutora en Economía, catedrática de Métodos Cuantitativos en
Economía e Xestión da Universidade de Las Palmas e especialista en
Economía da Saúde. Díxoo no Parlamento, na comisión de investigación
sobre o sistema sanitario galego, esa que impulsou a oposición en pleno
pero na que agora só continúa o PP. En Marea, PSdeG e BNG marcharon como
protesta ao veto dos populares á comparecencia, entre outros, da familia
do home que morreu na sala de espera do PAC de A Estrada cando non había
ningún médico para atendelo.
Nacida en Vigo –o que podería explicar que non
usase o galego na súa comparecencia–, González-López está considerada
unha eminencia no seu campo, «unha especialista a nivel internacional e
nacional de alta consideración», que dixo o conselleiro Vázquez Almuíña.
O seu currículo ocupa 29 páxinas, en 2011 recibiu a Cruz da Orde Civil
da Sanidade e o ano pasado foi elixida unha das 100 mulleres líderes no
Estado. Case nada.
Pero se o PP quería contar con ela na comisión era,
e así se demostrou, pola súa negación do austericidio. A comparecente
admitiu que a frase «os recortes, matan» é «moi simple e atractiva»
pero, segundo di, tamén é «falsa». «Non se pode demostrar que os
recortes teñan provocado un aumento da mortaldade ou efectos claros
sobre a saúde…» agás en Grecia, claro, pero no Estado español “non
parece, non…?”.
Pois igual non o parece, pero fíxese: se por
motivos económicos –de austeridade– deixamos, por exemplo, de
subministrar eses medicamentos oncolóxicos tan caros, os pacientes
estarían condenados a morrer. Logo si poderiamos falar de austericidio…
Pero esa é unha situación hipotética, así que
falemos da realidade, de algo moito máis barato que un tratamento contra
o cancro: un segundo médico no PAC de A Estrada o sábado 4 de agosto
pola tarde, cando José Manuel Brey non tivo quen o atendese e morreu
atragoado co seu propio vómito.
Ah, que non sabe de que lle falo? Será porque a
comparecencia da familia de José Manuel ante a comisión foi vetada polos
mesmos que a levaron a vostede para que deixase claro que o austericidio
non existe. E así o fixo. Bo traballo, profesora.
https://luzes.gal/2018/12/03/6205/autores-web/luis-pardo/luis-pardo/a-vida-tina-un-prezo/