As brigadas deseucaliptizadoras suman xa máis de 350 brigadistas

As Brigadas Deseucaliptizadoras naceron en
abril deste ano cunha idea clara: “Chegou a hora de dicir “basta” e
botarse ao monte para tomalo e transformalo”. As Brigadas defínense
a elas propias como “una iniciativa de voluntariado ambiental
para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza”.
Impulsadas desde Verdegaia, están abertas a que se sumen outras
persoas e coletivos.
Desde a súa primeira acción, a finais de abril en
Froxán (Lousame), até agora realizaron 14 rogas en diferentes lugares do
país. En pouco máis de medio ano a iniciativa incorporou xa 533
hectáreas de territorio en oito concellos , incluíndo desde parcelas
de titularidade municipal en Corcubión, montes veciñais en Lousame,
Dodro, Cotobate, Ponteareas e Pazos de Borbén e parcelas de propietarios
individuais no Ribeiro. As xa 350 brigadistas voluntarias
alistadas na iniciativa realizaron no que vai de ano máis dunha ducia de
intervencións, todas orientadas a eliminar especies exóticas invasoras
(eucalipto mais tamén acacias) en zonas de alto valor natural,
paisaxístico ou patrimonial.
Arrincar eucaliptos, tombar acacias, rexenerar
monte queimado, preservar a floresta autóctona son algunhas das accións
que nestes meses desenvolveron as e os brigadistas. Joam Evans, da
comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto que aposta
na implicación social para pular pola recuperación da biodiversidade dos
montes do país, explicábanos
nunha entrevista: "Hai un movemento social que está disposto
a implicarse para transformar o monte galego".
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/brigadas-deseucaliptizadoras-suman-xa-mais-350-brigadistas/20181205162956074376.html