A Constitución que o pobo galego non referendou

Corenta anos despois do referendo de aprobación da
Constitución asistimos, como todos os decembros, ao habitual espectáculo
de enaltecemento das supostas bondades producidas polo réxime do 78 e da
Carta Magna que o cimentou. Vértense ríos de tinta en redaccións ao
longo de todo o Estado para encomiar a bendita Constitución, que abriu o
período de concordia e paz máis prolongado que coñeceu España nos
últimos séculos, segundo din. “A Constitución que nos demos”, repiten
unha e outra vez tertulianos e políticos, para logo dicirnos que non se
pode cambiar porque “foi votada polo pobo español”. Pero, e o pobo
galego, votouna?
Tal e como se ten explicado
máis dunha vez, o proceso electoral que precedeu ao referendo non
estivo carente de polémica, e o contexto no que se deu non foi o ideal
para falar dun referendo con todas as garantías, polo menos non con
todas as garantías que se esixirían en ocasións posteriores. Con todo,
existe outra cuestión exclusiva de Galiza que fai máis pertinente
dubidar do apoio do pobo galego á Constitución: os índices de
participación.
Un total de 2.107.613 galegos foron convocados a
votar o 6 de decembro do 78, dos cales tan só 1.058.042 -un 50,2%-
exerceron o seu dereito. As provincias de Ourense, co 39,4%, e Lugo,
co 41,8%, foron as dúas provincias de España con menores índices de
participación. A Coruña e Pontevedra, provincias que concentraban os
núcleos urbanos de maiores dimensións da Galiza, rexistraron uns índices
de participación do 54,5% e do 55,2%, respectivamente. Desta forma, un
49,8% dos votantes galegos decidiron non acudir a votar aquel 6 de
decembro. Se a isto sumamos os votos negativos contabilizados, chegamos
á conclusión de que tan só o 44,69% do censo galego ratificou a Carta
Magna votando polo si. Pero, a que se debeu este comportamento?
Unha das razóns, habitualmente aducidas, para
explicar os altos índices de abstención que rexistrou o referendo na
Galiza é a posición do nacionalismo e da esquerda galega fronte ao
mesmo. E é que nos anos inmediatamente previos e posteriores á morte de
Franco o movemento nacionalista galego tomou un gran impulso en
distintos sectores da cidadanía. Así o cre a escritora e política
Elvira Souto (A Coruña, 1947), que naqueles anos exerceu como
Secretaria Xeral da Unión do Povo Galego, e que asegura que “se o
nacionalismo era unha cousa de pouco impacto uns anos antes, despois do
que aconteceu no 75 –no que houbo unha morte [a de Moncho Reboiras,
asasinado pola policía en Ferrol en agosto dese ano], persoas presas, e
moita xente que foi detida– o movemento comezou a medrar, e todo aquilo
tivo unhas consecuencias que nós non esperabamos, porque a xente empezou
a coñecernos máis e houbo unha resposta popular moi curiosa”.
Tal e como sinala Souto, o movemento nacionalista
tivo un forte empuxe neses anos, sendo a UPG o actor principal do mesmo.
“Houbo un ascenso moi notable do nacionalismo, houbo unha chea de
persoas que adhiren á idea, e que se inscriben nos partidos, en concreto
na UPG, que naqueles momentos era o que con diferenza tiña mais xente
afiliada”. É neste contexto no que, conxuntamente con outras forzas
entre as que aparecen partidos como o Partido Socialista Galego e o
Movemento Comunista Galego, nace o Consello de Forzas Galegas, no ano
76, como plataforma unitaria para aglutinar ás forzas que non se
adherían ao proceso de Transición aberto no seo do Estado. Tal e como
sinala o Doutor en Historia e profesor da Universidade da Coruña,
Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978), “a esquerda nacionalista na
Galiza aliñouse contra a Constitución española e fronte a todo o proceso
que se deu en chamar de ‘Transición Democrática’; entendendo que co
mesmo non se procuraba desartellar estruturalmente a ditadura militar
franquista, senón procurar a reformulación, na súa aparencia e forma
xurídico-político-administrativa, dun sistema que xa resultaba
extemporáneo e que tiña que achar ou seu encaixe no sistema dominante,
no marco dunha economía capitalista mundial e a partir da súa
homologación no ‘mercado común europeo’ .
Foto dunha pegatina propagandística da Liga
Comunista Revolucionaria. Colección persoal M. Becerra Martínez
Este Consello de Forza Galegas promulga, no ano 76,
as Bases constitucionais para a participación da nación galega nun pacto
federal e de goberno provisorio galego, no cal se sintetizaban as
reivindicacións da esquerda nacionalista e dos seus socios. Neste
sentido, a proposta constitucional referendada no 78 non satisfacía as
demandas presentadas nas Bases constitucionais, o cal levou ao
rexeitamento da mesma. En palabras de Elvira Souto: “o corsé da
Constitución non nos chegaba para poder por en práctica o noso programa,
era moi axustado, e entón chamamos ao non ou á abstención”.
Esta posición é compartida pola escritora feminista
Nanina Santos (Padrenda, 1951), que naquel momento era membro do
Movemento Comunista da Galiza. “ Lembro que no momento no que se
planifica a Constitución a esquerda divídese entre a esquerda que vai
votar non, e a esquerda que se vai a abster...eu estaba entre os que se
ían abster...pero digamos que a crítica, o que é a crítica que ven
destes dous sectores da esquerda, coincide case totalmente”, afirma.
Para ela, a Constitución chocaba en moitos sentidos coas aspiracións da
esquerda, en particular “no tema do poder que se daba ás forzas armadas
e na configuración do territorio” mais “tamén había moitas outras
reivindicacións, como as que viñan do movemento feminista”.
Así, a esquerda galega chamou tanto á abstención
como ao voto negativo no referendo. Con todo, cal era a influencia que
estas forzas tiñan sobre a cidadanía galega? Pódense explicar os índices
de abstención rexistrados baseándose na posición que estes partidos
tomaron? Santos cre que “seguramente dende a esquerda que se chamaría
hoxe máis radical eramos pouco realistas, no sentido de non entender en
que sociedade estabamos”. Esta posición é compartida por Diéguez, quen
asegura que “electoralmente, no que ten a ver co referendo do 6 de
decembro, dada a escasa influencia daquel nacionalismo (feito a si mesmo
e en proceso de maduración; e que optou polo ‘non galego e popular’
naquel referendo constitucional, por ser a Carta Magna ‘española e
colonial’, tal e como se podía ler na campaña do Bloque Nacional-Popular
Galego), acho que debemos explicar os resultados do devandito referendo
atendendo a outras realidades”.
Segundo o historiador, tampouco pódense explicar os
resultados pola posición de rexeitamento ao marco constitucional tomada
pola ultradereita. “A ultradereita era, estruturalmente, o sistema en si
mesmo, con características en territorio galego que a facían
diferenciarse da ultradereita española doutros territorios” afirma, para
logo engadir que “diante do referendo do ’78 esa ultradereita
comprendeu, a partir do deseño realizado polas elites franquistas, que
debía mudar formalmente e sumarse ao proceso ‘democratizador’, para
seguir gozando do poder”.
Entón, como explicar os altos índices de
abstención? Tanto Diéguez como Santos coinciden en sinalar un factor
fundamental para entender a sociedade galega e o seu comportamento
electoral: o seu marcado carácter rural. Para Santos, ademais de
tratarse dunha sociedade rural, a sociedade galega “estaba aínda moi
desinformada, cun nivel de analfabetismo moi alto”. Esta posición é
compartida por Uxío-Breogán, que cre que os resultados explícanse en
parte “polo feito de estarmos a tratar dunha sociedade rural, moi
dispersa, pouco tecnoloxizada, onde a presenza dos medios de
comunicación, para alén da prensa, e radio, nomeadamente da televisión,
era escasa e diante da cal o atractivo da Constitución estaba ausente
ou, simplemente, non era críbel” . Mais o historiador apunta tamén ao
illamento de Galiza no contexto do Estado como un factor clave: “que só
votara o 50% do electorado galego debeuse a que a Galiza da altura
estaba, maioritariamente, á marxe do sistema político español
(desvertebrado e sen desexo dun sistema alternativo en clave galega,
após o tempo republicano e a dura represión...), sen dinámica de
participación política en clave democrática, e a súa mobilización
política, após corenta anos de ditadura, era moi difícil e complexa fóra
do ámbito urbano e vilego.” Desta forma, a esquerda nacionalista na
Galiza aliñouse contra a Constitución española e fronte a todo o proceso
que se deu en chamar de ‘Transición Democrática’
Pero se en algo coinciden Diéguez, Santos e Souto é
en que non é posible afirmar rotundamente, en vista dos resultados, que
a sociedade galega referendase a Constitución. “Creo que con esa
participación non podes dicir categoricamente que Galiza é
constitucionalista”, sinala Santos, mentres que Souto vai máis aló, para
afirmar que “o pobo galego non é o español, entón o que votou o pobo
español votaríano eles, alá eles se quixeron votar iso, así lles vai con
ese Rei, pero os Borbóns non están alí por nós”
https://www.elsaltodiario.com/constitucion/constitucion-pobo-galego-non-referendou