• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Loita obreira

A Xunta segue acumulando condenas por vulnerar o dereito de folga e Feijóo réstalle importancia

"A Xunta é moi respectuosa co dereito constitucional á folga", di Feijóo despois de que o Goberno galego veña impoñendo servizos mínimos do 100% en varias protestas

“Normalmente as noticias son cando o Tribunal Superior anula os servizos mínimos, pero todas as sentenzas que ditou consolidando os servizos mínimos non son noticia”. Así se queixou sobre o tratamento informativo que recibe e restou importancia este xoves o presidente Feijóo ás reiteradas condenas que vén recibindo a Xunta por vulnerar o dereito a folga establecendo servizos mínimos abusivos, a última emitida este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a imposición por parte do Goberno galego de servizos mínimos do 100% nunha folga do persoal de atención telefónica do 061 de emerxencias sanitarias. Malia que nunha pasada sentenza o tribunal criticou o “comportamento malicioso” e reiterado da Xunta nese eido, o presidente culpa desas decisións aos responsables de cada departamento autonómico en folga.

Son varias as sentenzas que veñen condenando á Xunta polos servizos mínimos excesivos que impón nas folgas. O pasado setembro, na segunda das tres sentenzas coñecidas sobre a folga feminista do 8 de marzo, o TSXG chegou a amosar o seu “rotundo rexeitamento do comportamento malicioso da Administración ao actuar cun retraso inxustificado á hora de publicar o decreto de fixación dos servizos mínimos”, o que dificultou que o recurso dos sindicatos chegase a tempo para modificalos, así como o seu “comportamento tamén malicioso á hora de fixar os servizos mínimos nalgúns ámbitos da actividade administrativa” que non precisaban de tanto persoal e que supuxo “incorrer” nas “mesmas vulneracións” de anteriores convocatorias de folga.


Fragmento da sentenza do TSXG que criticou a reiterada "maliciosidade" da Xunta ao fixar os servizos mínimos

Malia que a primeira desas sentenzas sobre a folga do 8 de marzo foi emitida en abril, a Xunta fixou igualmente de xeito desproporcionado no 100% os servizos mínimos da folga do 061 celebrada meses despois, sentenza coñecida este mércores. E o mesmo vén de facer novamente na folga que ten en marcha actualmente o persoal das urxencias do hospital de Santiago (CHUS), con servizos mínimos igualmente do 100%, o que para os sindicatos supón a mellor evidencia da escaseza de persoal dese departamento.

Preguntado este xoves pola reiteración de sentenzas condenatorias da Xunta, o presidente Feijóo dixo que son máis as sentenzas que avalan os servizos mínimos fixados polo Goberno galego. “Se se quere comparar comprenderá que a Xunta é moi respectuosa co dereito constitucional á folga”, dixo, exemplificando que nunha das últimas sentenzas se impugnaban varias ducias de servizos mínimos en diversos departamentos autonómicos e o tribunal só anulou os dun par deles. “Esa sentenza é condenatoria a quen? Aos que reclaman ou á Xunta? Estatísticamente está claro que aos que reclaman”, preguntouse e respondeuse o propio Feijóo, presentando así unha denuncia xudicial non atendida como se fose unha condena do denunciante e equiparándoa cunha infracción real da administración.


Fragmento da sentenza do TSXG anulando este mércores os servizos mínimos da folga do 061

A continuación Feijóo desviou a responsabilidade do Goberno galego cara a cargos e técnicos intermedios da administración dicindo que “os servizos mínimos os concretan os responsables dos servizos”, aos que reclamou “ter en conta as sentenzas, tanto as maioritariamente gañadas pola Xunta como as que puntualmente se poidan perder”.

Sobre a folga con servizos mínimos do 100% que actualmente se desenvolve nas urxencias do hospital de Santiago, a Feijóo preguntóuselle tamén pola posible responsabilidade da xerente do CHUS, Eloína Núñez, curmá súa, e pola recente marcha de catro subordinados seus no complexo hospitalario. Feijóo dixo que o persoal directivo do CHUS “non depende” del, que non leva “a conta” deses cesamentos e que esa non sería “unha valoración que me corresponda”.

“Evidentemente hai un conflito, non sei con que intensidade sigue vixente”, dixo, para asegurar que a Xunta propuxo “contratar 12 persoas máis” nese servizo de urxencias e que agora “cada paciente e cada veciño pode formar a súa opinión”.

Nesa liña de minimización dos conflitos laborais e sociais en Galicia, a semana pasada Feijóo chegou a criticarlle ao portavoz parlamentario do PSdeG unha folga na televisión andaluza obviando as protestas que vén mantendo o persoal da CRTVG contra a manipulación informativa por parte da Xunta.

http://praza.gal/politica/17989/a-xunta-segue-acumulando-condenas-por-vulnerar-o-dereito-de-folga-e-feijoo-restalle-importancia/