• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Universidade

Resumo da reunión Xerencia-Xunta de Persoal realizada o día 29

A adopción de acordos, retrásase novamente

A Xerencia convocou para o día 29 de novembro, unha nova reunión coa Xunta de Persoal. O material suxeito a debate e, de ser o caso, susceptible de adopción dos acordos que corresponderan, trasladouse ao órgano de representación o día 27 e, posteriormente, o día 28 unha modificación dun dos temas remitido o día 27.

Orde do día da reunión:

1.-   Continuación da negociación sobre:

o   Proposta de Resolución xornada, horario de traballo, vacacións, e permisos e licenzas do PAS  da UDC (xúntanse documento).

o   Proposta de Instrución da Xerencia sobre o réxime retributivo na situación de IT do PAS da UDC (xúntanse documento).

o   Proposta de Acordo entre o reitor da Universidade da Coruña e a Xunta de Persoal de PAS para o aboamento dunha gratificación por xubilación á idade legal, asi como unha axuda familiar por falecemento e/ou incapacidade definitiva que supoña a ruptura da prestación de servizos coa UDC e dunha axuda por fillos/as do PAS con diversidade funcional igual ou superior ao 33% (xúntanse documento).

2.-  Quenda aberta de intervencións.

O primeiro que salientamos foi que o procedemento seguido pola Xerencia non pode repetirse

o   Non se nos pode enviar documentación e nun prazo inferior ás 48 horas convocar reunión para adoptar acordos.

o   Non se pode estar cambiando constantemente as propostas. A última recibida é do día anterior á realización da reunión. O xerente ten que entender que, non se pode aceptar este xeito de funcionar.

No que respecta aos temas da orde do  día:

Proposta de Resolución xornada...,  a Xunta de Persoal remitiuse aos acordos, adoptados, por unanimidade, na reunión do día 9/11/2018, reunión na que se decidiu non aceptar ningunha proposta que estea por debaixo dos dereitos dos que gozabamos no ano 2012, antes dos recortes que nesta materia realizou o PP. Acordamos, tamén, nesa mesma reunión que non se entraría a negociar ningunha outra característica da proposta mentres que non houbese unha decisión ao respecto da reposición da xornada de 35 horas semanais.

o   Insiste o xerente en que, segundo o que se establece na Lei de Orzamentos, o establecemento da xornada de 35 horas á semana está suxeita a negociación, intentando deste xeito desvinculala da proposta de negociación que nos enviara.

o   A Xunta de Persoal non acepta a intención da Xerencia e require que, se faga unha proposta global que contemple o retorno á xornada e aos días de asuntos particulares, anteriores aos recortes efectuados no ano 2012. Se é materia de negociación, este é o momento de facela, estase a negociar precisamente esa cuestión.

Réxime retributivo en caso de IT. A Xunta de Persoal require aclaración sobre o que se sinala na páxina 3 no parágrafo:

Cando o abono do subsidio da incapacidade temporal (I.T.) sexa realizado directamente polo I.N.S.S., e non mediante pago delegado, o persoal deberá solicitar ante a Xerencia o abono do complemento da I.T...

A Xerencia non ten resposta. A Xunta de Persoal, unha vez que coñeza o sentido do establecido neste artigo informará ao xerente.

A Xunta de Persoal entende que se debera retrotraer os efectos do disposto nesta Instrución a xaneiro do ano en curso. Non parece apropiado establecer a efectividade da disposición a setembro do ano 2018 cando a Lei que contempla esta posibilidade se publicou no BOE do 4 de xullo.

Aboamento dunha gratificación por xubilación... A Xunta de Persoal, como xa manifestara na reunión realizada coa Xerencia o pasado día 9 de novembro, non acepta vincular o aboamento por este concepto ao plano de financiamento. Como xa manifestamos nesa reunión esta referencia crea incerteza sobre o futuro desta gratificación sendo o único concepto que está suxeito á negociación do plano de financiamento correspondente. Ínstase á Xerencia a retirar esta referencia. Requírese que se faga de xeito inmediato dado que se pretende que este acordo, de producirse, teña efecto retroactivo desde xaneiro de 2018.

Quenda aberta de intervencións

Como informamos no anterior PASquín, APA requiriu ao xerente a aplicación do establecido na Lei de Orzamentos e que fai referencia ao incremento adicional da masa salarial nun 0,20% ou no 0,30%.

o   A Xerencia solicita unha proposta da Xunta de Persoal para a aplicación deste incremento.

Tendo en conta que o Capítulo I do orzamento suma 92.200.902,31€, estamos a falar de cantidades que roldan, no peor dos caos (0,20%) os 184.400€, e no mellor (0,30%) 276.600€.

Requiríuselle tamén ao xerente que cumpra os compromisos sobre as convocatorias de promocións 2018, quenda libre e estabilización.