• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

CUT - CRTVG

Persoal da CRTVG recrúa a protesta ante a escasa resposta ás demandas e o "silencio" sobre a folga

O comité de folga prepara xa a mobilización do vindeiro día 19, que coincidirá cunha xornada de paro de 24 horas

Cun seguimento dun 80% nas cinco xornadas de paros parciais, a modificación obrigada da programación habitual e con escasos avances na negociación coa dirección, a folga nos medios públicos continúa entre o "malestar" do comité pola escasa resposta da Corporación ás demandas do persoal e o anuncio do "endurecemento" das protestas nos vindeiros días. 

O comité de folga prepara xa a mobilización do vindeiro día 19, que coincidirá cunha xornada de paro de 24 horas

O comité centra xa os seus esforzos na folga de 24 horas do vindeiro 19 de decembro, que chegará logo de dúas novas xornadas de paros parciais: a deste venres, que coincidirá ademais co 28º venres negro reivindicativo "contra a manipulación", e a do vindeiro 2 de decembro. Coincidindo ademais con ese paro total de mediados do mes de Nadal, persoal prepara xa unha manifestación que prevé saltar os marcos da propia Corporación para "trasladarlle ao presidente Feijóo o malestar dos traballadores e traballadoras dos medios públicos". 

Aínda por definir, a mobilización do vindeiro día 19 busca recruar unhas protestas que "polo de agora se mantiveron contidas no ámbito da CRTVG", tal e como aclaran fontes do comité, que até o de agora organizou concentracións na sede central en San Marcos. Buscan así tamén rachar co "silencio mediático" que denuncian sobre uns paros que manteñen un seguimento constante e masivo por parte do persoal "contra a manipulación e o desmantelamento" e pola "fin da represión" na que sitúan os expedientes abertos a varios xornalistas críticos. 

Malia os lixeiros avances nas negociacións coa dirección da última xuntanza, a deste xoves resultou inútil no que ten que ver co aumento da produción propia, sobre o que a Corporación chegara a ofrecer aumentala entre 15 e 30 minutos nos programas informativos, ou sobre os "contidos de servizo público" que reclama o comité e sobre os que a dirección se nega a debater. Tampouco houbo avances no que ten que ver coa recuperación das desconexións locais ao centrarse a CRTVG en determinar os servizos mínimos para os paros do 19 e do 22 de decembro, algo sobre o que tampouco hai acordo. 

Ante esta situación, o comité de folga insiste en amosar o seu "malestar" e en denunciar "a falta de capacidade ou de vontade real" para chegar a acordos por parte dos negociadores da CRTVG, cos que se volverán reunir o vindeiro día 5. 

Ao tempo, persoal e mebros do comité de folga amosaron tamén o seu enfado co feito de que os paros secundados pola inmensa maioría dos profesionais non tivesen repercusión en case ningún medio de comunicación galego. O sindicato CUT, maioritario na Corporación, manifestou publicamente o seu malestar ante o "silencio" informativo sobre unhas reivindicacións que semellan que "non existen". 

Mobilización de persoal da CRTVG durante a quinta xornada de paros parciais pola folga nos medios públicos / CUT CRTVG

Seguir lendo:

http://praza.gal/movementos-sociais/17988/persoal-da-crtvg-recrua-a-protesta-ante-a-escasa-resposta-as-demandas-e-o-silencio-sobre-a-folga/