• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Sanidade pública

PAC en pé de guerra: peche de 24h para denunciar a situación na atención primaria

O persoal dos Puntos de Atención Continuada de Ferrolterra organiza un peche no Hospital Arquitecto Marcide para visibilizar as súas reinvindicacións e “garantir unha atención de calidade aos doentes”.

Agrupado baixo a plataforma PAC en Pé de Guerra, o Persoal de Atención Continuada de toda Galicia leva desde febreiro deste ano reivindicando unha serie de melloras nas súas condicións laborais que, de non solucionarse, seguirán repercutindo na atención aos pacientes e, nalgúns casos, poñéndoos en risco. Os traballo dun PAC tradicionalmente vai por quendas de gardas de 17 horas nos días laborables, e de 24 nos domingos e festivos, e atenden ás urxencias, algo que está empezando a cambiar coa desaparición dos médicos de familia nalgunhas zonas do país e que é parte de que este persoal leve meses reivindicando un cambio na súa situación. Tras 10 meses de intentos de negociación co Sergas nas que non obtiveron resposta, os PAC da área de Ferrol decidiron que xa non poden esperar máis e as e os traballadoras/es dos PAC víronse na obriga de ir a unha convocatoria de folga para que as súas reivindicacións, xustas e básicas, sexan escoitadas.

“Facemos os paros neste momento porque levamos desde febreiro falando co Sergas, pero vemos que non avanzamos e que o Sergas non pon solucións aos problemas.”, di Carlos López Vilariño, enfermeiro do PAC de Cedeira e membro do Colectivo PAC en Pé de Guerra de Ferrol. “Decidimos facer unha folga para protestar e para tentar acadar esas reivindicacións do colectivo. O que pasa é que o Sergas puxo uns servizos mínimos do 100% e entón apenas hai visibilidade”, denuncia.

Entre as súas reivindicacións, PAC en Pé de Guerra busca que haxa respecto aos tempos de traballo do persoal conforme a directivas europeas, dotación de persoal en base a criterios obxectivos, pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade -conxelados desde 2010-, que no se aumente a súa xornada laboral efectiva ou que se aboen as dietas das xornadas de domingo ou día festivo, entre outras moitas. Pero unha das súas reivindicacións máis notorias é a que ten que ver coa esixencia de que haxa equipo completo de médico/enfermeiro en tódolos PAC sen excepción.

 “Non ten sentido que en algún PAC de maior carga asistencial teñamos dous médicos e un so enfermeiro, xa que si un equipo médico/enfermeiro ten que saír do centro a atender un accidente na vía pública o no domicilio de un doente, deixamos no PAC un equipo incompleto que pode ser insuficiente para atender unha urxencia de gravidade que pode ocorrer”, din desde PAC en Pé de Guerra. E esta petición é especialmente importante se temos en conta casos como o da morte dun home no PAC de A Estrada porque nese momento o médico de urxencias estaba atendendo a outra persoa. “Casos como o da Estrada vímolos advertindo desde o colectivo”, denuncia Carlos Vilariño. “O PAC da Estrada conta con dous médicos e un enfermeiro, pero no PAC temos que atender aparte das persoas que veñen a urxencias, o que poida xurdir fóra. Nese caso houbo un aviso dunha urxencia fóra do centro e ocorreu o que xa sabemos, unha urxencia que precisaba dunha atención precoz, neste caso un atragoamento. Conseguiron levalo ao PAC pero non había persoal para atendelo. Este problema acentúase nos PAC que están lonxe das cidades. O ideal sería que en todos os PAC houbese un reforzo para cando un equipo saíse do centro; nas cidades, onde hai maior carga asistencial, é imprescindible que haxa dobre equipo de enfermeiro e médico. O Sergas está poñendo o mínimo: un só enfermeiro e médicos insuficientes.

Pero o peor de todo é que o Sergas parece recoñecer esta falta de persoal pero non fai nada por mellorar a situación, sacando cada vez menos prazas e sen coidar os contratos do persoal eventual. Isto provoca que, en moitas ocasións, os médicos decidan marchar a buscar sorte fóra porque aquí non atopan estabilidade ou vense explotados laboralmente. Así o entende Vilariño: “Non acabo de entender como unha administración pública que nos di que convén que a xente traballe e que baixe o desemprego, despois opte por aumentar a xornada do persoal que ten praza fixa en lugar de contratar. Danse casos de traballadores que fan 24 horas de garda e despois lles piden que prolonguen a xornada 7 horas máis. Sáelles máis rendible esta opción que dar de alta na seguridade social a unha persoa que estea fora. O problema é intentar dirixir unha entidade pública desde un punto de vista económico. Debería enfocarse doutro xeito”, denuncia.

Desde PACs en Pé de Guerra reivindican ademais que se revisen os plans funcionais de cada PAC que levan sen cambiar desde o 2008 cando a situación de agora é distinta á de entón e en moitos casos houbo un aumento de poboación importante. “Pasaron 10 anos é a poboación está envellecida, hai máis turismo... En Cedeira, en verán, a poboación triplícase e, porén, estamos traballando as mesmas persoas: un médico, un enfermeiro e un celador en cada garda”, quéixase Vilariño. 

Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, recorda que todo isto está intimamente relacionado coa privatización e coa masificación por falta de médicos de atención primaria que non se renovan nas vilas galegas. “Hai un mal uso por déficit de persoal nos centros de saúde en atención primaria relacionado cos recortes nos últimos anos. Isto fai que as consultas estean masificadas (40-50 pacientes por cada médico) e que tarden tempo en dar citas”, di. Ao non ser atendida, a xente opta por achegarse ás PAC por patoloxías banais, o que provoca que este persoal estea aínda máis saturado de traballo.

O que parece claro é que ata que a situación mude, os PAC pensan seguir reivindicando unha mellora na súa calidade laboral tanto por eles como polas súas pacientes e por iso, fronte a resposta que consideran insatisfactoria do Sergas ao colectivo, manteñen as accións programadas para esta semana e, hoxe, os PAC da Xerencia de Xestión integrada de Ferrol pechan desde as 11:00 no hospital Arquitecto Marcide. “Os PAC de Galicia imos ter unha asemblea este xoves 29 para decidir que resposta damos, pero estamos moi decepcionados porque o Sergas non pon moito da súa parte. Esta semana mobilizarémonos para dar visibilidade a esta problemática”, engade Carlos Vilariño. 

https://www.elsaltodiario.com/sanidad-publica/peche-ferrol-pac-atenci%C3%B3n-primaria