• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Opinión - Pablo Santiago

"A nosa terra e o noso mar están máis en perigo ca nunca"

O sábado 1 de decembro a Plataforma Galega das Marchas da Dignidade, da man da plataforma Mina Touro-O Pino NON, chega a Touro para "defender a terra e contra a estafa eléctrica”

Este sábado 1 de decembro as Marchas Dignidade chegan a Touro. Hai uns anos, as marchas camiñaron a Madrid reclamando “pan, traballo e teito” e co mesmo berro rodearon o Parlamento en Compostela. Hoxe, decidiron defender a terra e loitar contra o que consideran unha “estafa eléctrica”. O escenario escollido será Touro, unha vila “ameazada de ser destruída pola egolatría e demencia do capital”, en palabras de Manolo Caamaño, voceiro da Plataforma Galega das Marchas da Dignidade. Falamos con el semanas antes desta mobilización. 

Dicides que este ano toca defender a terra. Vedes máis perigo agora que anos atrás

Provócanos moita tristeza que a terra, no sentido real da palabra, non estea no centro do debate político. Se coñecemos esa realidade podemos constatar que a nosa terra e o noso mar están máis en perigo que nunca. Botando unha ollada cara atrás –porque aquí a amnesia é moi habitual– vemos que xa non se fala de políticas forestais nin de incendios, cando hai un ano houbo persoas que morreron froito desas políticas forestais. Desde entón, non se fixo nada. Se seguimos falando da realidade demográfica do país, vemos que o 75% das galegas estamos vivindo nunha franxa de 30 quilómetros do litoral atlántico. O despoboamento no interior xera moitos problemas medioambientais polo abandono da economía agraria, sexa gandeira ou de calquera tipo. Quen pense que agora non hai razóns para pensar na terra, non o vai pensar nunca. 

Malia que o interior de Galiza é rico. 

Non reclamamos a volta á economía agraria de hai 70 anos, se non que reivindicamos unha economía agraria sustentable e metodoloxías en chave moderna, algo que é perfectamente factible. No caso de Touro, é unha zona gandeira pero que dificilmente sobrevive pola cota láctea imposta polas multinacionais do leite. Aínda así, é unha zona riquísima con moitísimo potencial gandeiro. Como imos prescindir desa economía agraria? Cómpre unha perspectiva responsable de país para poder vivir dun xeito normal e sostible. 

Moitos destes problemas, coma os derivados da cota láctea ou perigos coma o extractivismo, afectan máis a contornas rurais. Como vedes a mobilización neste ámbito? 

Nas cidades e nos pobos hai factores de resposta e de coñecemento que non existen nas aldeas. Non é que o rural sexa máis atrasado, que non o é, pero está sendo abandonando e está entrando nunhas dinámicas negativas. Nas cidades ás veces non pensamos polas presas da propia cidade e do capitalismo, pero ben é certo que nas aldeas hai veces que non hai tempo a pensar porque hai dinámicas de supervivencia. Cando alguén ten que sobrevivir, evidentemente non ten tempo para facer unha vida social de reflexión ou asociativa que cuestione o sistema e aqueles mecanismos que son agresivos con eles. Para nós, Vigo é tan importante como a aldea máis esquecida. Galiza é o país, o mar, a xente do mar, a industria, o proletariado e todas as persoas. Cremos que calquera solución pasa por unha unidade das clases populares, que están espalladas por todo o país, tanto no rural como nas cidades. 

Percorrido da manifestación en Touro este 1 de decembro

Hai exemplos positivos como as mobilizacións en Touro, O Pino ou Grixoa, ou a formación da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre Está cambiando algo? 

Evidentemente. En toda esta espiral de destrución, vemos un lado positivo. É necesaria unha unidade de loitas e isto debe expresarse nunha gran rede de movementos, nun movemento de movementos. O inimigo ten unha capacidade colosal de fagocitar esas loitas. A nosa perspectiva é que temos que unilas e que ten que haber un transversalismo na mobilización, respectando aquelas reflexións e a autonomía de cada movemento. Temos que tecer redes para construír país. 

Como vedes o papel das administracións no rural? 

O problema é que non hai proxecto de país. Non hai alternativa de futuro, nin a nivel cultural, nin a nivel económico. Cada vez que se fala das comunicacións, de AVE, de autovías, estamos falando de auténticas hecatombes ecolóxicas e medioambientais. Estase primando un discurso absolutamente retórico en clave capitalista para destruír o país dunha maneira absolutamente teimuda. Despois atrévense a descualificar aos que cuestionamos ese tipo de infraestruturas chamándonos pouco menos que trogloditas contra a modernidade. Temos que ser enfrontar este tipo de políticas. 

Por último, que agardades despois da mobilización? 

A lóxica das Marchas da Dignidade é que a parte dos colectivos integrados, tamén se xeren sinerxias con outras plataformas, seguindo esa lóxica de unidade. 

https://www.elsaltodiario.com/medioambiente/marchas-dignidade-terra-en-perigo