• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Universidade

Publicada no DOG a modificación da Oferta de Emprego Público de 2018

A desmobilización do colectivo favorece a implantación destas medidas

Como vos informamos en boletíns anteriores a Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos, Dirección General de Costes de Persoanal y Pensiones Públicas, notificou á universidade a obriga de modificar a OEP de 2018. Pouco a pouco este equipo de goberno, co apoio dos seus sindicatos de “cabeceira” vai estruturando a organización do persoal dun xeito que prexudica de maneira radical as posibilidades de promoción do PAS.

Empeñámonos, no seu día, en trasladar a todo o colectivo o sistema de funcionamento da escala xeral, barradando todos os postos a dous grupos. Optamos por este modelo porque facilita, tanto a mobilidade como a promoción.

Pero tanto o equipo de goberno como a súa cuña no colectivo empéñanse en botar por terra a estrutura que, en principio, aceptaron, de xeito que, en función de intereses aínda por desvelar, reservan, para convocatorias de quenda libre, prazas de grupos que, segundo o criterio aprobado no seu día, deberían ser ocupadas mediante procesos de promoción.

Dáse, deste xeito, o paradoxo de que unha funcionaria ou funcionario poderá ocupar unha praza de nivel superior mediante unha comisión de servizo, pero, para obtela en propiedade terá que presentarse a un concurso-oposición en quenda libre.

Isto constátase, unha vez máis, e contra o noso criterio e o da maioría da Xunta de Persoal, nesta modificación da Oferta de Emprego Público que ven de ser publicada no DOG do pasado venres 30 de novembro, ao se reservar unha praza da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da UDC  (A2) para quenda libre.

A desmobilización do colectivo favorece a implantación destas medidas que, sen dúbida, se irán ampliando e consolidando se non lles poñemos freo.