• Número 414
  • 03 de decembro de 2018

Lingua - ENTREVISTA | Orgullo Galego

"O galego está peor na rede que na rúa"

As fotos dos lumes do 15 de outubro do 2017 e dos días seguinte. Aquilo foinos imposíbel de xestionar.

Non hai que facer xuízos rápidos sobre esta xente. Son xente seria. Dous mozos levan un par de anos furando na rede social que vertebra o país virtual. Hipercastelanizada, hiperbanalizada. Furando e conseguindo abrir unha fiestra con luz (isto é, con miles de gústame). Orgullo Galego naceu no verán do 2016 e hoxe é a páxina de Facebook en galego, exclusivamente en galego, con maior impacto en Internet. Non é unha páxina profesional nin os seus creadores obteñen cartos con ela. Por algunha razón, funcionou; e segue funcionando. Eles din que aborrecen os anuncios de Gadis, que o seu é outra cousa. Un respecto.

Vostedes difunden fotografías de polbo á feira e pratos de cocido, do canon do Sil ou das Cíes. Son eses os seus contidos máis populares? Que os diferencia do estilo que Gadis impuxo na publicidade de ‘produtos’ do país? 

De acordo, pódese dicir que hai certos contidos banais ou folclóricos. Non sabería moi ben como marcar a liña respecto ao que fai Gadis. Digamos que non adoitamos a poñer vídeos de Juan Pardo, pero non nos importa subir vídeos de grupos galegos que empezan, por exemplo: Tecor Societario ou Cuarta Xusta… pero tampouco pasa nada por subir a Juan Pardo, pero sempre en galego. Eu creo que este tipo de cousas, unha tapa de polbo, unha caña de cervexa, unha paisaxe mariña… son contidos inclusivos, que agregan, no sentido en que calquera pode sentirse identificado con eles. E todo o mundo sinte orgullo diso, non? É un orgullo compartido.

Cales son os contidos que producen máis impacto, máis interacción?

O máis visto son os vídeos; con moitísima diferencia. A Muiñeira de Chantada de Carlos Núñez cos Chieftains, un vídeo de YouTube de hai anos, é o número un. Compartímolo xa no 2016 e, a día de hoxe, tivo un alcance de 3,8 millóns de persoas e 2,5 millóns de reproducións. Despois hai outro, tamén vello, dun home que se salta unha peaxe na AP-9 como protesta. Ese recibiu milleiros de comentarios. Case todos a favor del, claro. E tivo un alcance de 1,3 millóns e 850.000 reproducións. Entre os que nos pasaron, entre os máis visto está o da queimada nunha formigoneira, do que descoñecemos a fonte, ese tivo 1,2 millóns de alcance e 850.000 reproducións.

E a parte dos vídeos?

As fotos dos lumes do 15 de outubro do 2017 e dos días seguinte. Aquilo foinos imposíbel de xestionar. Recibíamos centos de fotos e ducias de vídeos por día. Estabamos os dous meténdolle horas e non eramos capaces. Nesa semana subimos 11.000 seguidores, pero o mellor é que conseguimos unha taxa de engagement superior a La Voz de Galicia, que é a web galega de medios de comunicación con maior impacto. Pois neses días, nós tivemos un pico de 200.000 persoas e eles, de 116.000. E teño que dicir que agora mesmo só La Voz e o Faro nos superan en engagement semanal.

Cales son os seus números a día de hoxe?

Hoxe [a entrevista celébrase o 15 de novembro], a páxina rexistra 149.199 gústame e 156.000 seguidores [este venres, 23 de novembro, xa teñen 149.700 gústame e 157.200 seguidores]. E acabamos de abrir conta en Instagram e xa imos polos 6.600 seguidores [7.200, este venres].

Xa alcanzaron as cifras que querían?

O obxectivo inicial era crear unha páxina en Facebook que puidera chegar aos 10.000 seguidores para difundir contidos políticos progresistas e de actualidade a favor do país. Pero o crecemento foi exponencial. No primeiro mes xa cumpriramos o obxectivo. E rematamos o primeiro ano con 80.000 seguidores.

Que estratexia seguiron?

Empezamos vendo outras páxinas que soben contidos de gastronomía, musicais ou paisaxísticos. Participamos en grupos de Facebook que falan de Galiza, en catro ou cinco grupos. Pero nós fixémola en galego por ir a favor do idioma. Pode parecer unha contradición ir a favor do país e do idioma e subir certo tipo de contidos. Pero o que teñen estes contidos tópicos é que funcionan como agregadores. Son aceptados por todo o mundo. Ao principio apostamos directamente pola gastronomía, a musica e as paisaxes. Desde sempre seguimos páxinas como as de Turismo de Galicia ou Descubrir Galicia. Pero agora mesmo facemos un mix e tamén adquiren relevancia outros contidos.

Con que peso?

Digamos que un 30% dos contidos son cousas de cultura, patrimonio, música, memoria; outro 30% son temas da axenda mediática; outro 30%, ese tipo de contidos agregadores… rollo Gadis; e por último, un 10% de humor… De política partidaria, cero. Estamos tendo éxito con material que non se pode considerar directamente agregador, por exemplo, o vídeo do home saltándose a peaxe, ou todo o que se refire á loita contra a mina de Touro, que son xente que nos pasa por privado todo o que van lanzando á rede.

De que fontes se alimenta Orgullo Galego?

Fundamentalmente de tres: envíos por privado, os medios de comunicación convencionais, e os contidos que alguén comparte directamente a través de Facebook e que podemos replicar. Polos fíos privados, ademais de información de Touro e doutras loitas, recibimos proxectos persoais para que difundamos e aí temos unha especial sensibilidade. E o fío privado tamén é unha canle para as achegas en resposta a cousas que publicamos. Lanzamos un vídeo sobre o estado da N550 Lugo-Ourense e empezamos a recibir ducias de fotografías. Sempre citamos a procedencia, se a sabemos.

Como anda de calidade a rede en galego?

Hai cousas moi boas, polo menos para nós. No ámbito do humor, teñen moito éxito o que fan en Canto Ghalpón [@CantoGhalpon, 43.000 seguidores], en Forocarros [@forocarros, 1.700 seguidores] ou Voute esnaquizar miñoca [@vouteesnaquizarminhoca, 75.000 gústame]. Son os tres que máis replicamos. Ademais de difundir as viñetas de Davila, claro. Tamén outras páxinas con certo ton humorístico, como Nós os galegos [@Nos.os.galegos, 99.000 seguidores].

Facebook ofrece ferramentas para coñecer o público, como é o seu?

O 80% do tráfico vén de Galiza, o 20% do Estado. Temos algo de Arxentina, Portugal, Brasil… Nós utilizamos a norma oficial do galego, pero non rexeitamos contidos en reintegrado. O noso público maioritario son mulleres, nos grupos de 35 e 54 anos.

Dado o éxito da páxina, xa recibiron algunha oferta para actuar como ‘influencers’?

Ningunha empresa nos chamou aínda para falar, e iso que temos moita máis difusión que moitas das páxinas corporativas de empresas que, obxectivamente, poderían estar interesadas en promocionarse a través de Orgullo Galego.

Como interpreta iso?

Internet en Galiza está completamente castelanizada. Nin unha soa empresa ten toda a súa comunicación web en galego. O que fan Abanca, Estrella ou Gadis é cara á galería. Están o Dépor e o Celta, que si fan unha labor moi importante. Nós queremos contribuír a vertebrar o país sen sectarismos. Pensamos que o que se fai desde a comunicación de Gadis ou Abanca con certos símbolos é lanzar mensaxes contraditorias.

Pero iso é facer política?

Non facemos política partidaria, aínda que hai quen nos identifica con En Marea ou co Bloque, mesmo con Podemos. Basicamente o que queremos é difundir as potencialidades do país, denunciar as inxustizas que se están cometendo e promover certos debates. Non somos nada en comparación con outros galegos que triunfan nas redes, pero en castelán. Está o caso de Wismichu, un youtuber que é da Coruña e que cada vez que sube un vídeo ten 5 millóns de visitas. Os influencers galegos nas redes traballan en castelán. Hai youtubers en galego, claro, por exemplo Brais Doval. É hai webs con presenza en Facebook que son moi boas: GCiencia, GZmúsica e Historia de Galicia. Ou en YouTube, como GzVideos. Pero todos os proxectos en galegos son pequenos. Son iniciativas individuais.

Como está o galego na rede?

Disque o galego é falado polo 40% da poboación, na rede estamos moi por baixo desa porcentaxe. O galego está peor nas redes que na rúa. Mais non todo está perdido, as portas da lusofonía están abertas e temos que aproveitalas. Nós entendémolos e eles enténdennos.

https://adiante.gal/redes-sociais/