Estudantes das universidades galegas únense á celebración de referendos sobre a monarquía

Todo comezou cunha ducia de estudantes
sentados no céspede da Universidad Autónoma de Madrid (UAM).
Pasaron a ser 40 no salón de actos da Facultade de Filosofía na primeira
asemblea. Comezaron a chegar correos doutros centros. A Universidad
Carlos III, tamén de Madrid, a de Zaragoza. Uniuse un grupo de
estudantes cataláns da Pompeu Fabra e da Universitat de Barcelona.
Chamaron de Asturias. E tamén de Vigo. Logo organizáronse mozos e mozas
do campus da Coruña e de Ourense e, máis tarde, da Universidade de
Santiago. Ao final, as tres universidades galegas uníronse á iniciativa
para a celebración de referendos sobre a monarquía e o modelo de Estado
nas vindeiras semanas.
Polo momento, son xa máis de vinte en todo o Estado
as universidades que están a organizar consultas. Todas cun obxectivo:
"axitar o debate" sobre o modelo de Estado e o réxime actual. "Vimos o
que estaba pasando noutros lugares e empezamos a organizarnos porque
cremos moi importante que a mocidade, que debe cuestionalo todo, entre
neste debate", explica Sofía, unha das organizadoras na UDC, que cre que
"é o momento" de abordar unha cuestión, a do modelo de Estado, "que está
na rúa, na cidadanía".
Desde Vigo, Alberto vai máis aló. "É tamén unha
forma de amosar o noso malestar, o cabreo coa monarquía que percibimos
entre a mocidade", explica un dos membros do movemento que
organiza o
referendo que terá lugar no campus vigués o vindeiro 4 de decembro e
que celebrou a súa primeira asemblea aberta o pasado día 20.
Un día despois celebrouse no
campus da
Coruña outra na que acordaron volver xuntarse o día 29 para fixar
tamén a data, que será probablemente na semana seguinte á ponte de
decembro. En
Santiago, a primeira das asembleas celebrarase o vindeiro martes 27
na Facultade de Historia, mentres que
no campus de
Ourense, da Universidade de Vigo, a xuntanza aberta está fixada para
o vindeiro luns no pavillón de estudantes.
Serán consultas "simbólicas" pero que, coinciden en
ambos casos, supoñen "un punto de partida para
organizarse máis aló e abrir o debate sobre este réxime",
ademais de impulsalo e fomentalo entre a cidadanía e mocidade mesmo non
tan mobilizada. Malia que integrantes de organizacións estudantís
colaboraron na posta en marcha das asembleas, desde A Coruña destacan
que "a maioría da xente presente non pertencía a ningunha, era xente
independente e é moi importante esa implicación". De feito, varios dos
colectivos políticos acordaron que non haberá siglas partidarias de
ningún tipo neste movemento.
Malia que cada asemblea se autoorganiza e decide a
forma do referendo, en Galicia procúrase unha "coordinación" na
busca de que sexan as mesmas preguntas en todos os campus. En
principio, serán varias: unha cuestionará sobre a preferencia entre
monarquía ou república, pero tamén se poderá elixir que tipo de
república, así como a relación que Galicia debería ter co Estado.
"A cuestión nacional en Galicia e a relación do
país co Estado tamén é importante, ao igual que expresar a problemática
do desemprego ou da vivenda", di Alberto, que considera que o referendo
é tamén unha forma de "cuestionar a monarquía".
"O rei é a personificación de todas
as cousas que non nos gustan deste réxime, herdeiro do franquismo,
chamado democracia pero que é unha democracia moi limitada", explica
Alberto, que cre que a intervención do rei Felipe "na cuestión catalá"
supuxo un pulo máis a quen opta por decidir xa entre monarquía ou
república. "Entrou de cheo pola dereita, situándose claramente nun
ámbito que ocuparían Ciudadanos, PP ou Vox", insiste quen cre que a
mocidade debe ser quen impulse un debate que está presente en toda a
cidadanía. "E máis aínda agora, nestes tempos. É o momento", engade
Sofía.
No resto do Estado, a convocatoria de consultas
avanza tamén rápido. "Está a estenderse rapidísimo", contaba hai uns
días Lucía Nistal, portavoz da Plataforma da UAM e unha das persoas que
deu orixe a todo o movemento. "Está a ter bastante eco na universidade",
responden de xeito similar os portavoces dalgúns dos centros que van
realizar os referendos. De feito, ao pouco de anunciarse a
primeira consulta, un grupo de varias decenas de profesores emitiu un
comunicado apoiando a iniciativa, que cualificaron de
"oportuna". Os apoios chegaron logo desde os sitios máis variados, como
os traballadores en loita de Amazon. Para os portavoces estudantís, isto
apoia a súa versión de que hai unha demanda social de realizar esta
consulta.
"O réxime planta un cadeado sobre unha institución
herdeira do franquismo, que nos meteron como un pack coa
Constitución, reaccionaria e que só o 20% da poboación en idade de voto
puido elixir", conta Jorge Remacha, estudante de Historia e portavoz da
Plataforma Referendo Unizar.
"O que nos parece moi potente da iniciativa é que
volve pór sobre a mesa en debate un tema que estaba latente,
pero non tanto no foco", explica Pablo Acedo, estudante
de Filosofía, Política e Economía na Universitat Pompeu Fabra e portavoz
da plataforma catalá Fora el Borbó de les universitats catalanes.
Para as diferentes plataformas, o referendo é só un
medio, non un fin en si mesmo. Aspiran a máis, quizais a que calle nunha
agrupación de estudantes a nivel estatal. "Son só o
primeiro paso. Temos a idea de que de aquí saia un movemento estudantil
forte, que se una a outros sectores como o potente movemento de
mulleres, os precarios, migrantes, etc", conta Nistal, da UAM.
"Se pensamos no que vén despois, enfocámolo á
autoorganización estudantil, a asembleas masivas, a que se unan
institutos, universidades, profesores, traballadores. Isto vai máis polo
tema dunha loita conxunta e a organización social a que a universidade
faga algo co resultado do referendo", reflexiona Acedo, de Fora el
Borbó.
"Queremos impulsar un cambio
verdadeiro e camiñar cara a un proceso constituínte, aínda que
neste momento vémolo lonxe por como está a situación política. Pero si
nos gustaría unirnos ao resto de universidades e articular un
movemento", engade Del Barrio, da UCM-UPM, que tamén realiza, "a título
persoal", unha reflexión: "Creo, e bastantes compañeiros comigo, que o
movemento estudantil estivo un pouco parado [estes últimos anos]. Agora
móvenos a posibilidade de ilusionar a estudantes, mozas en xeral e a
todo o que se queira unir para crear un movemento potente en base aos
valores republicanos e democráticos".
A cuestión dos procesos constituíntes é
especialmente relevante para a plataforma catalá, que coincide en moitas
cousas na súa análise coa expresada desde Galicia. "Consideramos que
aquí hai un desenvolvemento diferente no tema monarquía/república que no
resto do Estado polo 1-O, as reprobacións ao rei, etc.", explica Acedo.
"Nese contexto, consideramos que a primeira pregunta da consulta
fala sobre monarquía ou república e a segunda, sobre abrir un proceso
constituínte, pode incluír o dereito de autodeterminación",
engade.
Aínda que a idea é que o referendo sexa aberto a
todas as opcións e a organización espera que cada un defenda o seu, as
plataformas non serán neutrais, segundo explica Pablo do Barrio, da
UCM-UPM. "A plataforma é republicana. Evidentemente, todo o mundo está
chamado a votar, pero nós facemos campaña pola República", conta.
Son, a tal hora, máis do 40% das universidades
públicas do Estado as que se uniron a este movemento. Ademais de nas
galegas de Santiago, A Coruña e Vigo, tamén haberá referendos na UAM,
Complutense, Politécnica, Rey Juan Carlos e a Carlos III (Madrid);
Universidad de Zaragoza, Universitat Pompeu Fabra e Universitat de
Barcelona, Universidad Miguel Hernández (Elche), Universidad de La
Laguna (Tenerife), Universidad de Asturias (Oviedo), Universidad de
León, Universidad de Cantabria, Universitat d'Alacant, Universidad
Castilla-La Mancha, UNED, Universidad Politécnica de Valencia,
Universidad de Valladolid e Universidad de Burgos.
http://praza.gal/politica/17944/estudantes-das-universidades-galegas-unense-a-celebracion-de-referendos-sobre-a-monarquia/?fbclid=IwAR34gC23Q4WPXExecJYoG3HJcU53oFNeP0XQ5pgo3SKaLLJKPMX7cxvrjOE