• Número 413
  • 26 de novembro de 2018

Ensino universitario

O estudantado de Traballo Social estala: “Queremos pertencer á USC”

Reivindican mellores instalacións e pagar o mesmo que outros estudos que imparte a USC

Estudantes de Traballo Social reuníronse estes días nunha Asemblea Aberta co obxectivo de que a súa facultade pase a ser pública e conte cos mesmos recursos que o resto do Campus da USC. Estes estudos, relatan desde a Asemblea, foron no seu día privados ata que se conseguiu que fosen adscritos á universidade pública. Agora o estudantado quere que se desprivaticen totalmente.

Victor, un dos voceiros da Asemblea, explica que a principal reivindicación é a económica posto que pagan tarifas máis altas que o resto de estudos da USC. “Xa mantivemos reunións por este motivo”, sinala. Pedro, outro estudante da Asemblea, indica que ademais piden ter os mesmos recursos que as outras facultades. “Que se melloren as instalacións, por exemplo non temos cafetaría”.

Importante apoio

Entre as accións que pensan levar a cabo a primeira será un peche no propio centro a semana vindeira. Piden a solidariedade de fóra “para facer máis forza”.

A Facultade de Traballo Social está situada no interior do mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, e conta con arredor de 300 estudantes e un 50%, segundo informan desde a Asemblea Aberta, están agora mesmo apoiando as reivindicacións, unha cifra moi alta tendo en conta que se creou hai uns días.

https://nostelevision.gal/o-estudantado-de-traballo-social-estala-queremos-pertencer-a-usc/