• Número 413
  • 26 de novembro de 2018

Universidade

Día 20. Reunión da Xunta de Persoal e posterior reunión coa Xerencia

Unha vez máis os asuntos importantes derívanse para posteriores reunións

Como vos sinalamos no PASquín anterior, o pasado día 20 realizouse unha reunión da Xunta de Persoal previa á reunión convocada pola Xerencia e que tiña como puntos esenciais da orde do día a análise das propostas de convocatorias de acceso libre de prazas da escala administrativa, escala técnica de servizos, escala técnica superior de informática e da escala técnica superior de calidade.

Na reunión da Xunta de Persoal, entre outras, adóptanse as decisións:

o   Rexeitar as propostas de convocatorias porque se considera que non son susceptibles de análise mentres que non estean completas, especialmente requírese:

o   Que se reflicta, en todas as propostas os correspondentes temarios.

o   Que se teña en conta que non poden ser os temarios da promoción ao darse a circunstancia que a promoción estaba destinada a traballadoras e traballadores que superaran a proba do grupo inferior ao que optaban.

o   Que se revisen en profundidade os temarios para que non apareza neles normativa obsoleta.

o   A Xunta de Persoal quere que se rematen os temas sobre os que aínda non se adoptou decisión. Require que, na semana vindeira, a que comeza o día 26, se dea unha resposta ao debatido coa Xerencia na reunión anterior, referente aos asuntos tratados no grupo de traballo de conciliación-acción social, a recuperación da xornada de 35 horas e pregúntase porque, adoptándose nesa reunión, do día 9 de novembro, o acordo sobre a recuperación do 100% de salario en caso de IT, a Xerencia  aínda non publicou a Resolución.

o   Facer unha protesta diante do reitor e na vindeira reunión do Consello de Goberno pola negativa do xerente a poñer a disposición da representación do PAS funcionario a posibilidade de realizar unha consulta telemática sobre as porcentaxes oposición/méritos a ter en conta nas convocatorias de quenda libre.

o   Solicitar xa na reunión co xerente o correspondente censo para realizar a consulta.

o   Requirir proposta de fase de estabilización

o   Preguntar polos motivos de que non se publicase aínda no DOG a modificación da OEP de 2018

o   Requirir a convocatoria da promoción acordada para o ano 2018

o   Que se traslade á Xunta de Persoal o proxecto de RPT.

Reunión da Xunta de Persoal co xerente

o   O xerente comprométese en que en próximas datas enviará as convocatorias revisadas e completas.

o   Na semana que comeza o día 26 convocará unha reunión para intentar rematar os temas debatidos na reunión do día 9 de novembro, sinala que a recuperación da xornada semanal de 35 horas estará condicionada ao que xa explicitou na reunión anterior. Xustifica a non publicación da resolución sobre a percepción do 100% do salario en caso de IT a que quere facer unha “pequena” modificación que se debaterá nesa reunión.

o   Adianta o xerente que a proposta que realizará sobre a fase de estabilización será nunha única oferta na que entrarán todas as prazas que compren o requisito sinalado na Lei de Orzamentos entendendo que unha vez realizada a oferta esta ten que desenvolverse nos tres anos seguintes.
Diferimos con esta consideración porque o que reflicte a Lei de Orzamentos, Artigo 19, punto 9 é o seguinte:
“As ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberanse aprobar e publicar nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2018 a 2020 e serán coordinados polos departamentos ministeriais competentes.
A taxa de cobertura temporal das prazas incursas nos procesos de estabilización deberá situarse ao final do período, en cada ámbito, por debaixo do 8 por cento”.
Entendemos que o período ao que se fai mención é o sinalado: 2018-20120.

o   A publicación da modificación da OEP de 2018 está pendente de sinaturas, entende que se publicará proximamente.

o   Promocións correspondentes ao ano 2018, enviará proposta.

o   RPT, aínda non ten propostas da vicerreitorías, sinala que está moi parado e non entende o interese da Xunta de Persoal nunha cuestión de competencia institucional.
Sinalamos a obrigatoriedade de negociación cada dous anos, xa van tres desde que se acordara a que está vixente. Preocúpanos non só a formalización do proxecto, tamén nos interesa saber as liñas xerais de actuación que neste eido ten pensado marcar a Xerencia. A preocupación increméntase despois das reunións realizadas polo reitor e xerente nos campus nos que se pronunciaron por unha Relación de Postos de Traballo que profundase na flexibilidade.

Seguiremos informando.