Laura Silva, médica no PAC do Porriño: "A atención primaria é a base do sistema e está a colapsar"

O pasado 19 de novembro, fíxose pública a nota de
prensa enviada por sete médicos do PAC de Porriño que denunciaba
a carencia de persoal e acusaba ao Sergas de ser
incapaz de atopar substitutos.
Ante esta situación, o Sergas aseverou que “se
cubren as ausencias dos médicos a pesar das dificultades e respectando
os descansos reglamentarios dos profesionais e o número de horas de
traballo”.
Laura Silva, médica no PAC de
Porriño e asinante desa nota de prensa, afirma a Sermos Galiza que é
unha situación estrutural. “Esta semana fixemos pública a situación
porque pareceunos moi paradigmática, realmente é unha situación que se
repite todas as semanas ao longo de todo o ano. É un problema que se
está cronificando e que empeorará nos próximos anos debido ás
xubilacións previstas. A atención primaria é a base do sistema e está a
colapsar”.
A médica explica que “o Sergas ten un xeito de
computar as horas en prazos moi longos, cada 6 meses, polo que podemos
traballar 48 horas seguidas en tres días e logo ter tres días de
descanso e estaríamos a cumprir a normativa. Ou traballar toda a fin de
semana e voltar a facer 24 horas o martes, porque o cómputo comeza o
luns, coma se fósemos robots que nos reseteáramos o domingo as
00:00h”.
“É unha cuestión política"
Con respecto ás declaracións do Sergas, nas que se
afirmaba que esta situación se debe a unha “carencia
absoluta de médicos dispoñibles nas listas de contratación”,
Silva comenta que “é unha cuestión política de abandono da atención
primaria porque é certo que non hai xente nas listas, pero é unha
responsabilidade da propia administración. Os colexios médicos cada
certo tempo publican un listado coas porcentaxes dos médicos que
solicitan un informe para buscar traballo no estranxeiro e son miles.
Hai unha fuga de médicos moi preocupante, e concretamente na atención
primaria debido ás malas condicións laborais que nos ofrecen”.
Por último, alega que levan moito tempo intentando
negociar co propio Sergas pero que “a administración limítase a pedirnos
que dupliquemos ou tripliquemos a nosa presenza nos centros sen dar unha
solución a medio ou a longo prazo”.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/laura-silva-medica-pac-do-porrino-atencion-primaria-base-do-sistema-colapsar/20181121124353073892.html