APA insta á Xerencia a negociar o incremento adicional do 0,30% da masa salarial contemplado na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2018

A raíz do debate suscitado na última reunión
realizada entre Xerencia e Xunta de Persoal na que defendemos que os
procesos de estabilización deben estar rematados no ano 2020, en contra
da interpretación da Xerencia que entende outra cousa, procedemos a
revisar dun xeito máis pormenorizado o establecido na
Lei de Orzamentos.
Nesta enésima lectura atopámonos co que parece un
“esquecemento” do equipo de goberno da institución ao cumprir só en
parte o establecido na Lei de Orzamentos, en concreto no seu Artigo 18,
punto dous que sinala:
“Dous. No ano 2018, as retribucións do persoal ao
servizo do sector público non poderán experimentar un incremento global
superior ao 1,5 por cento respecto ás vixentes en 31 de decembro de
2017, en termos de homoxeneidade para os dous períodos da comparación,
tanto polo que respecta a efectivos de persoal como á súa antigüidade.
Ademais do anterior, se o incremento do produto
interior bruto (PIB) a prezos constantes en 2017 alcanza ou supera o 3,1
por cento, engadiríase, con efectos do 1 de xullo de 2018, outro 0,25
por cento de incremento salarial.
Para os efectos do disposto neste punto, no que a
incremento do PIB se refire, considerarase a estimación avance do PIB de
cada ano publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Unha vez publicado o avance do PIB polo INE e logo
de comunicación á Comisión de seguimento do Acordo para a mellora do
emprego público e de condicións de traballo do 9 de marzo de 2018,
mediante acordo do Consello de Ministros aprobarase, de ser o caso, a
aplicación do incremento. Do citado acordo darase traslado ás
comunidades autónomas, ás cidades autónomas e á Federación Española de
Municipios e Provincias.
Ademais, poderase autorizar un incremento
adicional do 0,2 por cento da masa salarial para, entre outras medidas,
a implantación de plans ou proxectos de mellora da produtividade ou a
eficiencia, a revisión de complementos específicos entre postos con
funcións equiparables, a homologación de complementos de destino ou a
achega a plans de pensións. Nas administracións e resto de entidades do
sector público definido neste artigo en situación de superávit
orzamentario no exercicio 2017, este incremento adicional poderá
alcanzar o 0,3 por cento.”
A Universidade está a cumprir co incremento do 1,5%
desde o 31 de decembro de 2017 e coa suba do 0,25%
que se establece desde o 1 de xullo de 2018, pero, entendemos
que é un simple despiste, esquécese do establecido no último
parágrafo no que se sinala a posibilidade dun incremento
adicional que, no caso da UDC, poderá alcanzar o 0,30%.
Como para lembrar estas cuestións estamos nós,
vimos de dirixir un requirimento á Xerencia para que, de xeito
inmediato, proceda á negociación coa Xunta de Persoal deste raquítico,
aínda que importante incremento. Nesta situación de perda constante de
poder adquisitivo –boa parte de culpa diso téñena os sindicatos que
pactan incrementos económicos por debaixo da inflación e que se esquecen
de reivindicar a devolución do que se nos expropiou durante os últimos
anos- todo o que se poida conseguir benvido sexa.
Seguiremos informando.