• Número 413
  • 26 de novembro de 2018

CUT - CRTVG

CRTVG en loita pola defensa dos medios de comunicación públicos

Queremos que se reconstrúa o que se está destruindo!

Desde o día 20 ás 0 horas, en días alternos até o domingo día 2 de decembro, o persoal da CRTVG está a realizar paros de dúas horas en tódalas quendas de traballo. O paro decidido asembleariamente ten como finalidade  loitar contra o desmantelamento dos medios públicos. Despois desta primeira xeira de paros, ás traballadoras e traballadores subirán un chanzo máis nas súas protestas e realizando folga de 24 horas os días 19 de decembro, día no que convocan unha manifestación en Compostela e o día 22 coincidindo coa celebración do sorteo da lotaría de nadal.

Nos paros, segundo nos comunican @s nos@s compañeir@s da CRTVG, están a participar a maioría das traballador@s, que cualifican como éxito rotundo as convocatorias.

Nun comunicado feito público polo Comité Intercentros signifícase que levan tempo denunciando que a actual dirección da CRTVG está a executar un desmantelamento do medio en detrimento da prestación do servizo público malia os esforzos da representación sindical de tentar acordar un modelo de medios públicos de comunicación digno e ao servizo da cidadanía.

@s traballador@s culpan á actual dirección de forzar esta mobilización ao adoptar unha serie de decisións que manifestan claramente a intención de desmantelar os medios públicos de comunicación.

Entre as medidas que reclaman @s traballador@s cara a garantir unha emisión de calidade están as de recuperar a produción propia interna, con programas de servizo público, a erradicación da manipulación informativa dándolle cumprimento á lei de medios, o cese da externalización indiscriminada de producións e servizos, a negociación da estrutura de persoal necesaria para a prestación do servizo público con garantías para o emprego. Igualmente solicitan medidas laborais como o cese da contratación fraudulenta, a substitución do persoal ausente, o remate da actual política represiva e sancionadora, xunto con accións efectivas a prol da conciliación da vida laboral e familiar ou a negociación dun plan de igualdade.

Cada día que pasa súmanse máis compañeiras e compañeiros aos paros, afectando xa á programación. A empresa quere que se desconvoque a folga e que se abran mesas negociadoras sen comprometerse a nada en concreto. A representación d@s traballador@s comunicoulle que, neste momento, o interlocutor é o Comité de Folga, e que nas condicións sinaladas non hai nada que negociar.