26 venres negro. “O expediente contra Carlos é unha represalia, por suposto”

A dirección da CRTVG abriu
expediente disciplinario ao humorista, guionista e locutor Carlos
Jiménez por unha falta moi grave; unha medida que podería desembocar
incluso no despedimento deste profesional. Segundo explica para
Sermos Galiza Raquel Lema, unha representante do comité de greve da
CRTVG, o expediente incoado ten a súa orixe cando “un alto directivo
detectou unha locución de Carlos no programa que unha produtora externa
fixo para a TVG”. Para a dirección iso supón, di Lema, “competencia
desleal” e incumprimento da normativa de incompatibilidades dos
traballadores e traballadoras da compañía pública.
Porén, para os representantes dos traballadores e o
comité non existiría tal incompatibilidade: “El [por Carlos Jiménez] ten
concedida a compatibilidade”, asegura Lema, polo que non estaría
vulnerando ningunha normativa nin disposición. Aliás, engade, este
locutor leva dez anos traballando para produtoras que fan produtos para
emitir na TVG “e nunca houbo ningún problema nin reproche” malia que a
compañía pública revisa todos eses programas antes de emitilos “e aí
estaba a voz de Carlos”.
Entón, cal consideran que é o motivo do expediente?
“Unha represalia, por suposto”, manifesta con rotundidade Raquel Lema.
Este locutor é un dos profesionais da casa “máis activos” nos
‘Venres Negros’, movemento de protesta contra a manipulación e
censura nos medios públicos galegos. A maiores desta circunstancia,
Jiménez ten abertos varios procesos contra a TVG por cuestións laborais.
“Primeiro Tati Moyano e agora el, hai como unha persecución
selectiva, unha represalia selectiva”, considera esta sindicalista da
CUT e integrante do comité de greve. Neste sentido, lembra que unha das
reivindicacións da greve que para a semana inicia o persoal da
televisión e radio galegas é “a fin das políticas de represalia”.
Servizos mínimos para a greve
Esta quinta feira tivo lugar a primeira xuntanza
entre representantes da dirección da CRTVG e do comité de greve para
abordar os servizos mínimos de cara ao paro convocado. O encontro que
finalizou sen acordo. No transcurso desa reunión pediuse á dirección o
arquivamento do expediente disciplinario que ten aberto a Carlos
Jiménez.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/expediente-carlos-represalia-suposto/20181116113501073753.html?fbclid=IwAR2-1CfIZZF2QecE3KHNiKfOruiRJcrjS67euh1sUle91Lt4cXVT0sOL3n4