Política Social da Xunta de Galicia provoca un novo desafiuzamento en Ferrol - De novo as políticas dos gobernos castigan a pobreza

Trata-se de María[1], unha nai divorciada de
mediana idade con dúas menores que apenas chegan aos 10 anos.
Traballadora en desemprego que percibía unha pequena prestación
procedente da RISGA, á cal se lle retrae a pensión de 150 euros que
percibe da súa ex-parella en concepto de manutención para as nenas, e
con axudas da familia, para poder vivir.
Tivo a mala sorte que un día lle comentaron que
podía
renovar a súa demanda de emprego a través de internet,[2] cousa que
fixo ou ao menos intentou. E un incumprimento en formación. Mais isto
valeu-lle unha sanción da Consellería de Política Social,
suspendendo-lle a prestación económica da RISGA, por seis meses, sanción
que finaliza o mes de decembro.
María vive nunha vivenda alugada a través dunha
inmobiliaria, unha vivenda que foi no seu momento propiedade do
INVIED[3]. A renda da vivenda son de 300 euros mensuais, o que hai que
somar-lle os gastos xerais entre as que están luz e auga, facturas ás
que non pode acceder á bonificación que lle correspondería porque están
ao nome do propietario e non soubo como soluciona-lo. Porque nunca tivo
unha copia do contrato do alugueiro até que lle chegou anexado á demanda
de desafiuzamento, sinalada a vista xa para o 30 deste mes de novembro e
o desafiuzamento para o 27 de decembro.
María ten cita hoxe cos servizos públicos
antidesafiuzamentos que por mor da nosa loita teñen constituídas tanto o
Concello como a Xunta (Oficina de Vivenda e Reconduce). Ao abeiro do
Convenio asinado entre a FEGAM, Poder Xudicial e Xunta, eses servizos
das administracións teñen que solicitar ao Xulgado un adiamento do
desfiuzamento. A María e ás súas nenas, hai que conseguir-lles unha
alternativa residencial antes de ser despexadas da súa vivenda. E
levantar-lle a inxusta sanción que lle privou, durante estes meses, da
mingua prestación económica que percibía.
O goberno de España, foi condenado pola ONU no seu
momento por permitir o desafiuzamento dunha familia con menores en
situación de vulnerabilidade, e advertido en varias ocasións polo mesmo
comité de Nacións Unidas o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e
Culturais (Comité DESC), en aplicación do Pacto Internacional sobre eses
dereitos. Polo que María non pode ser desafiuzada sen que haxa unha
alternativa residencial facilitada polos poderes públicos, nunha cidade
onde hai 10.000 vivendas baleiras.[4]
Desde Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo
de Ferrolterra, demandamos unha solución xa, polo que non imos permitir
que se produza o desafiuzamento, e que se lle restituían a María os seus
dereitos. Os poderes públicos non están para castigar á persoa
vulnerábel, senón para protexe-la.
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de
Ferrol Terra
forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra
Notas.-
[1] María non é o nome real, é ficticio. Polo de
agora quere gardar a súa intimidade.
[2] A renovación da demanda de
emprego por internet, pode-se facer: A través da Oficina Virtual (Oficina
Virtual do SPEG); a través da aplicación para dispositivos móbiles
MOBEM (Aplicación
Mobem) e tamén se pode facer a través dos Puntos de Información
(Terminais) que hai en Concellos e Oficinas de Emprego. |
Ir á Web.
[3] Instituto de Vivenda, Infraestruturas e
Equipamentos da Defensa - Invied. Este instituto puxo á venda en Ferrol
e Narón, centos de vivendas militares, feitas con diñeiro público
procedente dos impostos que pagamos, mais foron vendidas mediante
concurso (subasta+algún criterio) como se dunha inmobiliaria privada se
trata-se, mais dirixida a un número limitado de persoas, contradicindo
toda normativa sobre vivenda pública, entregando, pasados tres anos, un
patrimonio público ao mercado especulativo. Onde tiñan que rexer unhas
bases sociais con criterios garantistas e iguais para todas as persoas,
para o que non había outra alternativa que entregar ese parque de
vivendas ao IGVS da Xunta de Galicia que é o que ten transferida a
competencia en vivenda. En Ferrol hai máis de 600 persoas que demandan
alugar unha vivenda social. Hai uns meses o Inved de Ferrol recoñecía
que tiña 77 vivendas baleiras. |
Ir á Web.
[4]
Instrumento de Ratificación de España do Pacto Internacional de Dereitos
Económicos, Sociais e Culturais, feito en Nova York o 19 de decembro de
1966. |
Ir ao BOE.
https://artabra21.blogspot.com/2018/11/politica-social-da-xunta-de-galicia.html