• Número 412
  • 19 de novembro de 2018

Represión

O final do xuízo a Resistencia Films consegue visibilizar a situación dxs presxs do PCE-R

A vista estivo marcada polas declaracións de presos políticos

Esta mañá continuou na Audiencia Nacional o xuízo contra Álex García, da produtora Resistencia Films nunha xornada que estivo marcada polas declaracións dos dous presos políticos comunistas Manuel Arango e Manuel Perez Martínez (o 'Camarada Arenas').

A sesión comezou coa declaración de Manuel Arango, preso por pertenza ao PCE - R e que leva 20 anos en prisión en distintas etapas. Arango entrou na sala apoiado nunha muleta e entre os saúdos do público. Tras visionar o vídeo de Resistencia Films "Terceiro aniversario do exterminio de Isabel Aparicio", a defensa de Álex preguntoulle pola morte en prisión da presa política Isabel Aparicio. Arango cualificouna como "un crime de estado" e explicou que era a súa compañeira sentimental que estaba gravemente enferma e que o estado a deixou literalmente morrer, ademais de cometer distintas irregularidades e violacións de dereitos humanos. Segundo dixo o preso político comunista, a Isabel Aparicio chegárona a operar ilegalmente e sen o seu consentimento. "Os aparellos deste estado, empezando polo xudicial son cómplices deste asasinato" afirmou, e denunciou que se lle deu carpetazo a este caso.

Tras explicar o poema que acompañaba ao vídeo, esixiu a liberdade para os presxs enfermxs e denunciou que o artigo 104 do Regulamento Penal non se cumpre: "aínda non te estás morrendo" é a única resposta que reciben, ata que ocorren casos como o de Isabel Aparicio, a que debería ser excarcerada por razóns humanitarias. Cando Arango continuou explicando a súa situación de saúde actual e denunciando a non aplicación do artigo 104, Murillo cortou o testemuño da testemuña: "fun moi paciente, pero isto xa é demasiado" dicía á defensa a cal protestou por esta nova indefensión, pero o testemuño terminou, saíndo Arango da sala.

O segundo testemuño era o de Manuel Perez Martínez, o 'Camarada Arenas', secretario xeral do PCE - R encarcerado agora desde o ano 2.000, aínda que pasou máis tempo en prisión en distintas etapas e que é o único secretario xeral dun Partido Comunista preso en toda Europa. Entre saúdos co público entrou o 'Camarada Arenas'. A defensa puxo entón outro dos vídeos, que incluía un poema que Arenas recoñeceu como da súa autoría e explicou que o poema o escribiu en Francia mentres estaba en prisión, que alude á memoria colectiva dxs camaradas caidxs e precisou que entre as distintas épocas que estivo preso vai camiño dos 31 anos en prisión.

Tras visionar un segundo vídeo acompañado do poema Mereceu a pena? o cal Arenas recoñeceu tamén como seu e explicou que o significado do poema é que "se sabemos que este réxime non vai ser eterno non hai motivos para estar tristes", cando comezou a explicar que tanto el como os seus compañerxs foron condenadxs por ser membros dun Partido Comunista, o PCE (R), unha vez máis Murillo cortou o testemuño, a defensa explicou que o tema de varios vídeos é sobre a situación destas persoas, pero a xuíza acabou abruptamente co testemuño, como con todos os demais. Entón saíu o 'Camarada Arenas ' da sala, cruzando a súa mirada coa do público que o despediu, algúns mesmo con puño no alto nuns emotivos segundos.

Terminados xa todos os testemuños e os vídeos chegou a quenda das conclusións, primeiro fiscalía, o fiscal José Perals, defendeu que os vídeos "incitan ao odio e á intolerancia" e rebaixou a petición inicial a unha pena de 1 ano e 1 día de prisión e multa de 4 meses a 10€/día (1.200€), ademais renunciou a pedir o tempo de "liberdade vixiada" que solicitaba inicialmente. Perals xustificou a baixada de petición de condena co criterio da sala de apelacións da Audiencia Nacional, que "en últimas sentenzas está a rebaixar as penas". Para xustificar o choque frontal coa liberdade de expresión, Perals dixo que "cando se fala de asasinos, de carceleiros, de mazmorras e se ataca ás institucións do estado está a convidarse a cometer delitos", censurou o uso do termo "presos políticos"  e tras dicir que ""con que unhas poucas persoas que vexan estes vídeos crean que esa é a única maneira de loitar contra o estado está a incitarse a cometer delitos e difundindo o discurso do odio" fixo especulacións coa porcentaxe das persoas que viran os vídeos de Resistencia Films que, ao seu xuízo, poderían cometer delitos por ver estes vídeos.

Chegou entón a quenda da defensa, que preguntou: "Que risco real de comisión de delitos ou de alteración á paz houbo con estes vídeos?" e criticou que a investigación fose levada a cabo de forma prospectiva, tal como recoñeceron os dous axentes de Policía que declararon onte, explicou que este tipo de investigacións prospectivas están prohibidas en dereito penal. Tamén preguntou se é delito esixir o cumprimento do artigo 104 do regulamento penal (presxs enfermxs á rúa) ou se é delito utilizar a cualificación de presxs políticas. Seguidamente pasou a denunciar que "o atestado policial e o escrito de denuncia da fiscalía invéntanse a acusación de punta a cabo" e sinalou os datos falsos aparecidos no escrito de acusación que sinalaban a Juan Manuel Olarieta e Josefa Seoane como "membros históricos do GRAPO", o cal se demostrou falso. Tras dicir que "o único que fixo Don Alejandro é utilizar o seu dereito á liberdade de expresión", pediu a libre absolución e solicitou que se deduza testemuño aos responsables desta acusación por "falsidade de documento oficial". 

Para terminar Álex García tomou a última palabra, na súa intervención dixo que "non entendo porque estou aquí, eu dedícome a facer entrevistas e vídeos", defendeu que "denunciar inxustizas é un deber de calquera demócrata, e o feito de que eu estea hoxe aquí demostra que esas inxustizas existen". Ademais Álex explicou que se os seus vídeos provocan risco de que ocorra algo, "a culpa non será miña, será desa realidade, eu o único que fago é pór unha cámara e gravala" e defendeu o dereito de información. Por último, o mozo cineasta mostrou dúas fotografías ao Tribunal: a primeira era do arsenal incautado ao ultradereitista que quería atentar contra o presidente do goberno, Pedro Sánchez. A outra, unha fotografía da súa cámara. E preguntou aos membros da mesa cal cren que é máis perigosa. Tras isto o xuízo quedou visto para sentenza.

Unha vez máis quedou claro o sinsentido da acusación, que alude a un risco abstracto de que determinadas expresións ou manifestacións artísticas provoquen que se cometan atentados ou delitos... unha basta acusación que non se mantén, pero que non é nova, xa que a Audiencia Nacional está a bater recórds en condenas por delitos de opinión. Tamén quedou claro nas dúas sesións do xuízo a indefensión á que están suxeitas as persoas represaliadas, xa que a xuíza Ángela Murillo cortou as preguntas da defensa en TODOS E CADA UN dos testemuños. TODOS. Tras a sentenza de Estrasburgo da semana pasada sobre o caso Bateragune que reprobaba á xuíza e cuestionaba a súa imparcialidade, Ángela Murillo dá mostras de seguir exactamente na mesma liña.

A pesar diso, a xornada de hoxe conseguiu tamén visibilizar a situación dos presxs políticxs do PCE (R), presos políticos comunistas esquecidos e condenados a unha cadea perpetua de facto polo mesmo Tribunal que quere condenar a Álex por atreverse a gravar esa realidade coa súa cámara. 

Texto completo en: https://www.lahaine.org/fM0M