• Número 412
  • 19 de novembro de 2018

Represión

Deteñen en Granada a Óscar Reina por chamar “miserable” a Felipe VI

O portavoz nacional do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) foi detido o día 15 de novembro, en Granada en relación a un suposto delito de inxurias á Coroa. En 2016, chamou “miserable” ao actual rei Felipe VI

Óscar Reina volveu a ser detido hoxe, día 15 de novembro, outra vez. Nesta ocasión, o portavoz nacional do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) foi detido en Granada, ás 12.30, en relación a un suposto delito de inxurias á Coroa por un tuit publicado en 2016 no que chamaba ao actual rei, Felipe VI, “miserable”. Reina foi posto en liberdade varias horas despois, segundo confirmaron a Salto desde o sindicato

"Xa estou en liberdade, sigo coa axenda que tiña. Agora mesmo estou na Universidade de Granada para dar unha charla precisamente sobre a liberdade de expresión", sinala Reina a Salto. "Nós dicimos xaque ao rei, xaque á monarquía, xaque a unha Constitución que é mentira, pero o que realmente está en xaque é a liberdade de expresión e a nosa liberdade en xeral neste país, por iso non nos queda máis remedio que seguir loitando, facer insubmisión xudicial, desobediencia civil pacífica, que é o que me trouxo ata os xuíces", continúa o portavoz do SAT. 

Desde o SAT sinalan que Reina se atopaba en Granada promocionando a manifestación convocada para o próximo 4 de decembro, Día Nacional de Andalucía, e tamén para pegar carteis do festival contra a represión que o sindicato ten previsto celebrar o próximo 8 de decembro en Marinaleda e que contará coa actuación de Ska-P, grupo que presentará alí o seu último disco.

Reina estaba a se tomar un café xunto a outros compañeiros do sindicato cando foi detido e trasladado á Xefatura Provincial da Policía Nacional.

“Viñeramos por unha rolda de prensa e supoño que polas redes sociais viron que el tamén viría. Fai un cuarto de hora estabamos a xantar, viñeron uns policías de uniforme, identificáronnos a todos e, claro, ían a por el”, explica ao Salto José Caballero, secretario de organización do SAT, quen estaba con Reina no momento da detención. “Imos agora para a comisaría un grupo de compañeiros para ver o que pasa”, continúa Caballero.

Caballero explica que Reina non compareceu ante o xuíz pola causa de inxurias á Coroa porque é insubmiso. “Para pórse diante do xuíz non vai ser por propia vontade”, sinala. Desde o SAT explican nun comunicado de prensa que, como portavoz nacional do sindicato, Reina, do mesmo xeito que toda a dirección do SAT, “é insubmiso xudicial e non pode presentarse voluntariamente ante ningún xulgado”. A decisión de exercer esta forma de insubmisión foi tomada por unanimidade na Asemblea Nacional do SAT hai varios anos, “como protesta ante a escalada represiva que sufría o SAT, cun millón de multas gobernativas, peticións de cárcere de máis de 300 anos e preto de 500 sindicalistas imputados”.

https://www.elsaltodiario.com/injurias-a-la-corona/detienen-granada-oscar-reina-miserable-a-felipe-vi?fbclid=IwAR3grc7EtMX4pQhTA3C7qmlsuA2epbYwHdXahvGEcYI4CdQQmy7cYtQYsKo