I Premio Morales polo galego no Bierzo

“En cuanto chegan ao campo poin as castañas no suelo,
collen zarzas dos subiaos, follas de árboles e fieitos, e con pallas dos rastrollos,
unha fogueira fain presto. E pra que se asen por igual as castañas, cun
galleiro, desde que a estoupar empezan, sempre as están revolvendo.
En bon amor e compaña...”
Os vellos e as vellas contan, e os meninos e
meninas escoitan, e logo medran e volven contar, e así é como a
tradición é costume, festa e celebración.
O sábado 20 de outubro foi un día de festa no
Bierzo e celebramos, como é costume, en comunidade, O MAGOSTO e tamén a
entrega dos I PREMIOS MORALES PARA A PROMOCIÓN DO IDIOMA GALEGO NO
BIERZO, nesta súa primeira edición, e na que pequenas e maiores
interpretaron os versos do poema “ Os magostos” do noso autor berciano
don Antonio Fernández e Morales, e deron vida nos seus debuxos, poemas,
contos e dramas, ao outono, ás castañas e aos magostos.
Esta feliz iniciativa naceu da teimosía de Paco
Macías, editor berciano nado en Lago, en Carucedo, e de Edicións
Positivas, editorial que el tan ben capitanea, e contou coa colaboración
dos membros do Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas do
Bierzo. E así é como demos continuidade aos actos de celebración do
bicentenario do nacemento do escritor, organizados o pasado ano 2017, e
no que publicaciois, exposiciois e actos na rúa, fixeron posible
alicerzar o noso autor entre as grandes figuras referentes do
Rexurdimento Literario, canda Rosalía de Castro e outros escritores. E
isto non sería posible sen o traballo académico desenvolvido, xa que
cómpre lembrar o Simposio coorganizado pola Real Academia Galega e o
Instituto de Estudos Bercianos, e no que os e as especialistas afondaron
sobre a figura de don Antonio. Héctor Silveiro, académico vilafranquino
coñecido por todas nós e imprescindible pola súa implicación e
compromiso coa cultura e lingua, participou neste acto en representación
da Real Academia Galega.
Fotografía, historia, música, viaxes culturais,
natureza e sendeirismo, e tamén artes plásticas, lingua e literatura.
Desde o ano 1959 e até a actualidade, o Instituto de Estudos Bercianos
leva traballando a reo en prol da cultura berciana e da súa difusión. O
noso IEB é bandeira e tamén é vangarda. Se coñecemos a Antonio Fernández
Morales e recoñecemos a importancia dos seus ensaios poéticos, tamén é
grazas ao IEB, e á publicación da edición facsimilar dos ensaios
poéticos, e á coorganización do Simposio, e a unha exposición sobre a
súa figura e obra. En representación do Instituto de Estudos Bercianos,
participou no acto Ana Carballo, vicetesoureira e membro
responsable da sección de lingua e literatura.
A finais de setembro e comezos de outubro o
Consello Comarcal do Bierzo incorporou contidos en galego na súa páxina
web, coincidindo co aniversario de Antonio Fernández Morales, noticia
que festexamos. A figura e obra do autor, a Festa dos Maios de
Vilafranca e unha serie de cadernos de léxico urbano, agrario e gandeiro
bercianos. E si, coidar as linguas e coidar a cultura é un esforzo digno
de toda loa, e non teño dúbidas de que agarimalas é unha aposta a cabalo
gañador. Grazas ao Consello Comarcal por facelo. En representación do
Consello Comarcal do Bierzo participou no acto Iván Alonso,
vicepresidente do Consello Comarcal.
Manuel María, o autor homenaxeado no Día das Letras
Galegas no ano 2016, recolleu no seu poema “Canción das Médulas”, os
seguintes versos que din:
As Médulas son un mundo
insólito e alucinante
cos seus castiñeiriños vellos
e o seu vermello sangrante.
As
Médulas son Galaecia,
o propio ser ancestral,
terra galega onde
vive
a nosa patria inmortal.
As Médulas é un dos símbolos de identidade berciana
e un escaparate tamén para o mundo. A prensa recolle que no mes de
agosto As Médulas recibiu 20.379 visitas e na Ponte do Pilar case 4.000,
aí é nada. E na praza da pedanía, rendemos homenaxe ás castañas e
castañeiros, no Concello de Carucedo, e coas Médulas por testemuña. En
representación do concello participou neste acto Alfonso Fernández
Pacios, o alcalde.
Foi un día moi especial e no que festexamos o
traballo das nosas sementes. E non hai dúbida de que aiquí tamén están
as futuras escritoras e escritores e as futuras pintoras e debuxantes. E
as sementes temos que regalas para que agromen e así gocen dun futuro
con posibilidades e no que tamén cultivar todo tipo de disciplinas, e
por qué non, tamén as literarias e plásticas. Se entre todas educamos,
cando medren serán vigorosas igual que os castañeiros que tan ben
debuxaron e sobre os que tan ben escribiron. Apostar pola educación é
apostar polo futuro. Neste acto tamén participou Francisco Javier
Álvarez Peón, Inspector da Área de Inspección Educativa da Dirección
Provincial de Educación de León.
Na primeira ocasión na que falamos da posibilidade
de organizar os Premios Morales, lembro escoitar: “que bonito”, e de aí
en adiante a ilusión seguiu intacta até hoxe. E non, este premio non
sería posible sen a confianza da Xunta de Galicia a través da Secretaría
Xeral de Política Lingüística, moi ben representada no acto por Lourdes
Batán Aira, a subdirectora xeral, que fixo unha chea de
quilómetros para estar connosco este día.
POESÍA, REXURDIMENTO, ROSALÍA, ANTONIO. Unha
palabra leva a outra e sempre, sempre, os versos van collidos da man.
Neste acto celebramos poesía e tamén festexamos a palabra. Rosalía de
Castro e Antonio Fernández Morales, en irmandade. E tamén en irmandade
Ana Carballo, membro da sección de lingua e literatura do IEB, e Anxo
Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, recitaron parte do
poema “Os magostos”, do noso escritor berciano.
E a continuación procedemos á entrega de premios.
Os gañadores e gañadoras foron agasallados cun humilde e valioso libro
preparado para a ocasión, no que están recollidos os seus debuxos e
creacións literarias.
Comezamos coa
CATEGORÍA A: Debuxando o poema OS MAGOSTOS, de Antonio Fernández
Morales . Nesta categoría participou o alumnado de
educación infantil e primaria adscrito ao Programa para a promoción do
idioma galego no Bierzo. Nas creacións plásticas os alumnos e alumnas
interpretaron o poema “Os magostos”. Para a escolla dos debuxos
seleccionados, valorouse a orixinalidade, creatividade e innovación, así
como a calidade estética e artística. Hai debuxos de todos os cursos de
infantil e primaria, e de todos e cada un dos colexios que participaron.
Velaquí o nome e apelidos dos gañadores e gañadoras: Iker dos Anjos de
Jesús, Paula García González, Iker (?), Julia Fernández Parra, Lúa
Voces, Leira Parrondo Fernández, Noa Villaverde Denis, Ian Vázquez Gil,
Ainara Domínguez López, Noa Corral Vázquez e Iker López Padilla.
Continuamos coa
CATEGORÍA B. Contando, poetizando e dramatizando o poema OS MAGOSTOS,
de Antonio Fernández Morales, na que participou o alumnado de
educación secundaria e bacharelato adscrito ao Programa para a promoción
do idioma galego no Bierzo. Nas creacións literarias, relato, poesía e
drama, os alumnos e alumnas interpretaron o poema do escritor. Para a
escolla das pezas literarias seleccionadas, valorouse a orixinalidade,
creatividade e innovación, así como a calidade da lingua. Os gañadores e
gañadoras, de todos os cursos, desde 1º da ESO até 2º de Bacharelato,
recolleron o libro no que tamén están as súas creacións. Velaquí o nome
e apelidos: Bárbara Fernández Blanco, Lara Menéndez Rodríguez, Paula
García Pérez, Lucía Guerrero López, Ariadna Rico Potes, Nicolás Oviedo
da Cruz, Saul Vega Alonso, Andrea Bello Trabadelo, Luís Cabrera Alonso,
Abel Blanco Moreno, Lara Mata Ochoa, Iván Vilanova Lizardo, Sara Arias
Gabriel, Alicia Cordero Bayón, Lola Prada González, Alejandro Álvarez
Cavada, Antía Diéguez Robles e Erika Yebra Gómez.
E rematamos coa
CATEGORÍA C: Contando, poetizando e dramatizando o poema OS MAGOSTOS,
de Antonio Fernández Morales, na que participou o alumnado de
galego e portugués da nosa Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada e
xente adulta berciana. Nas creacións literarias, interpretaron o poema.
Para a escolla das pezas literarias seleccionadas, valorouse a
orixinalidade, creatividade e innovación, así como a calidade da lingua.
A calidade das pezas é digna de toda louvanza. Particularmente estou
fascinado con todas e cada unha delas. E velaquí o nome e apelidos dos
gañadores e gañadoras: Marta López Pájaro, David Amador Diéguez
Campanero, Mirena Granado Soto, Antonia Grandes, Alberto Gómez Bautista
e Antonia Grandes.
Pechamos o acto de entrega facendo unha foto co
profesorado de galego de colexios e institutos bercianos. Elas e eles
tamén son as protagonistas deste premio, xa que sen o seu traballo e
entrega diaria, nada tería sentido.
Rematado o acto a festa só acababa de comezar.
Paula Carballeira, nas inmediacións da “Cuevona”, no corazón das
Médulas, fíxonos pasar moito medo cos seus contos, e as castañas, os
refrescos e o Mencía berciano fixeron o resto, moi ben acompañados da
música do grupo de folclore Os Pamplinas.
Para organizar esta xornada traballamos moito e
moi duro, e de forma altruísta, mais só por ver as bágoas de felicidade
dunha avoa de Oencia cando a súa neta foi recoller o seu premio por
escribir na súa lingua nai, pagou ben a pena. Mais non todo é
felicidade, xa que a LOMCE segue aí e o alumnado padece os seus efectos.
En Vilafranca, por exemplo, a lingua de Morales morre no seu instituto,
e de novo pedimos axuda. S.O.S. E parafraseando a Sés: “mais aínda
seguimos “aiquí”, a aturar tempestades de sal...”
Manuel González Prieto, membro da comisión
organizadora dos I Premio Morales para a promoción do idioma galego no
Bierzo
http://prolingua.gal/voces/i-premio-morales-para-a-promocion-do-idioma-galego-no-bierzo