• Número 412
  • 19 de novembro de 2018

Loita Social - Represión

Liberdade para os catorce do 15M

En febreiro de 2019 - case oito anos despois!- 14 daquelas persoas que foron detidas o 15 de maio de 2011 enfróntanse a cargos de ata 6 anos de prisión (un total de 14 anos se sumamos todas as penas)

Hai máis dunha década do comezo dunha das maiores crises económicas do capitalismo. Un dos seus efectos máis visíbeis foi o empeoramento das condicións materiais de vida para a inmensa maioría, pero tamén o aumento do dominio da economía, a mercadoría e os cartos sobre aínda máis esfera da vida. Aínda así todo isto non se produciu sen conflito. Unha onda de mobilizacións percorreu o mundo e impugnou a marcha que se quere impoñer ao mesmo.

Baixo o lema "Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros", milleiros de persoas con sensibilidades políticas moi distintas manifestáronse en Madrid o 15 de maio de 2011. Unha vintena delas foron detidas esa mesma noite e outra vintena decidiu acampar na Porta do Sol de Madrid para amosar a súa solidariedade coas detidas e esixir a súa liberación. Tras un brutal desaloxo das persoas acampadas na praza, centos delas volveron acampar ao día seguinte, e milleiros acabáronse atopando na praza. Durante semanas organizáronse asembleas abertas na praza, mobilizacións e accións de protesta, así como ensaios de autoorganización que apuntaban a xeitos diferentes de entender e de facer. Ese movemento, difuso e diverso, xurdiu da carraxe e da indignación, pero tamén da esperanza. Na súa primeira hora materializouse cun xesto de solidariedade coas persoas detidas e en resposta aos abusos e á impunidade da violencia policial, que só respondía ao medo do poder da mobilización na rúa.

As persoas detidas o l5M foron postas en liberdade con cargos á espera de xuízo tras pasar 72 horas detidas e incomunicadas en comisaría. Ao saír escribiron un comunicado no que denunciaban as agresións e vexacións ás que foron sometidas, tanto no momento da detención como durante os días que pasaron nos calabozos (1), denuncia que non foi obxecto de ningunha investigación nin por parte da fiscalía nin de ningunha outra institución gobernamental. Nada fóra do común, por outro lado. Como tampouco son alleos á normalidade os cambios na versión da policía e dos feitos e cargos de que se iba acusando á xente detida. Anos de instrución dun xuízo no que non hai máis probas que as declaracións dos policías, e anos dende que esa fase de instrución se pechou ata que os tribunais tiveron a ben fixar unha data para o xuízo.

En febreiro de 2019 - case oito anos despois!- 14 daquelas persoas que foron detidas o 15 de maio de 2011 enfróntanse a cargos de ata 6 anos de prisión (un total de 14 anos se sumamos todas as penas). Non son as únicas. Hai centos de xuízos a activistas agardando, moitos deles tamén dende hai 7, 8, 9 anos. En case todos os casos o esquema reprodúcese coma se seguise un guión: detención violenta, agresións e humillacións en comisaría, cambios da versión policial... Aínda que en moitos casos hai numerosos documentos visuais das agresións policiais, ningún deles foi obxecto de investigación de oficio, moi poucos chegaron a xuízo e en ningún deles houbo condena, nin responsabilidade do Estado, nin recoñecemento dos danos causados (nin sequera nos casos máis graves, como o asasinato de Íñigo Cabacas).

O obxectivo da represión é claro: servir de escarmento, asegurarse de que todo o mundo saiba que por manifestarse, protestar, organizarse e loitar se pode rematar mallado, detido e encarcerado. E con iso manter a impunidade, agochar a verdade de quen exerce a violencia, crear un clima de medo que asegure a desmobilización e a submisión ante as condicións ditadas pola economía, executadas polos gobernos e blindadas pola policía e a xustiza. E así, en todo o mundo a represión recrúese, os estados de excepción amplíanse e a maquinaria xudicial engráxase para evitar calquera indicio de novas protestas, de novas formas de autoorganización, de calquera Impugnación, por pequena que sexa, do mundo tal e como é, e tal e como o poder económico pode permitir que sexa.

Pero non lles resultará doado someternos, e moito menos calarnos nin encerrarnos. Fronte aos vellos e novos autoritarismos, fronte á represión das loitas sociais, fronte á nova normalidade da mordaza e das leis de excepción, sempre responderemos con solidariedade.

Se nos tocan a unha, tócannos a todas. En febreiro de 2019 xúlgannos a todas. E non ficaremos caladas nin quedas.

Esiximos a absolución para os 14 do 15M e a revisión de todas as causas xudiciais pendentes.

Asamblea Popular de Lavapiés 15M

https://15mlibertad.wordpress.com/

Para adhesión de colectivos ao comunicado, por favor escribide a: 14del15mlibertad@gmail.com

(1)  https://madrid.tomalaplaza.net/2011/05/22/comunicado-de-los-detenidos-de-la-manifestacion-del-15-mayo-de-2011/comment-page-3/