Especulan coas vidas

Cambre, 8 de novembro. Os feitos e as datas.
Cambre, ano 1997: as súas casas reciben a cualificación definitiva de
vivendas de protección oficial de promoción privada. As 70 que pertencen
ao inmoble construído no lugar da Patiña por Fadesa,
con participación de fondos públicos da Xunta de Galicia,
establecendo un período de 30 anos no que terán a condición de
protección oficial. É dicir, até 2027.
Cambre, ano 2018: a entidade propietaria do inmoble
é o Banco Santander, que llo mercara a Fadesa a través
da súa sociedade Banif Inmobiliario, converténdose
posteriormente esta en LURI 6 SAU. A inmobiliaria
Altamira, filial tamén do Banco Santander [controlada
polo fondo voitre, Apollo, que anda
pensando en vender] e que xestiona o edificio, comeza a comunicar
aos veciños que non se renovarán os alugueiros.
Entre a veciñanza hai algunhas familias en risco de
exclusión social, 27 delas reciben axudas dos servizos sociais e outras
12, de emerxencia social. Familias con nenos pequenos, persoas con
mobilidade reducida e anciáns atópanse en risco de perder os seus
fogares, moitos con enormes dificultades para poder acceder a outra
vivenda ante a burbulla do alugueiro que temos enriba. Esta nova
burbulla está causada polos bancos, inmobiliarias e fondos voitre que,
ante o estoupido da burbulla da construción, deciden obter ganancias a
costa dos máis febles. A estratexia é clara: mercar edificios e vivendas
a baixo custo e deixalas baleiras para que aumente a demanda e, xunto a
ela, os prezos.
Na Patiña, unha das familias compóñena tres
membros: dous humanos e un canino. Unha das persoas ten recoñecida unha
discapacidade do 85%, e a outra, despois de 15 anos de traballo, foi
despedida da súa empresa cun ERE no que perderon o seu emprego 2.400
obreiros. Despois de dezaseis anos vivindo no edificio da Patiña,
reciben un burofax no que se lles comunica que a propietaria non
procederá á renovación do contrato.
A familia comunícase coa entidade para poder
continuar coa súa vida no que leva tantos anos sendo o seu fogar.
Pídenlles diversa documentación, entrégana inmediatamente. Pero tras
varios meses non reciben resposta. Ante unha nova solicitude de
información, a empresa GI GROUP, en nome de Altamira, reitéralles
que o contrato non será renovado.
De
sempre, as familias que inclúen animais non humanos encontraron
dificultades para atopar vivenda de alugueiro, sumémoslle a isto que a
vivenda ten que estar adaptada para unha persoa con mobilidade reducida,
e intentemos que o prezo rolde os 300 euros mensuais. Saiamos na procura
dunha vivenda así: a tarefa é completamente imposible.
Tampouco hai alternativa de protección oficial: o
outro edificio de Cambre, o da Barcala, atópase na mesma situación,
incluso algún dos veciños actuais da Patiña viviron con anterioridade
alí. E se tiveron que marchar ao non serlle renovado o contrato. A mesma
situación que agora.
Algúns dos veciños puxéronse en comunicación coa
inmobiliaria Altamira, interesándose pola posibilidade de alugar vivenda
no edificio. A resposta foi que o inmoble non estaba dispoñíbel. A
pregunta é a seguinte: se na actualidade algúns dos pisos están baleiros
e a entidade informou de que non ía renovar algúns dos contratos, por
que razón indican que os mesmos non están dispoñibles? A resposta só
pode ser unha: especulación.
Ao igual que en moitos outros casos, a non
renovación dos alugueiros non é a única estratexia para que os veciños
abandonen os seus fogares. Recentemente coñeceuse o caso dunha anciá de
Ourense que, sendo a última inquilina dun edificio propiedade da Xunta
de Galicia, sufriu durante meses a falta de mantemento do mesmo por
parte da propietaria, dende cambios de lámpadas até limpeza xeral, até
que se viu obrigada a deixalo seu fogar porque este volvérase
practicamente inhabitábel.
Esta táctica tamén é exercida sobre a veciñanza da
Patiña: persianas rotas, neveiras estragadas desde hai máis de seis
meses, humidades que non se pintan, caldeiras que non funcionan, sen
poder ter calefacción e auga quente desde hai tres meses co inverno
enriba… Os veciños non teñen unha interlocutora válida coa propietaria,
soamente un número de teléfono, onde lles devolven un código de
identificación da incidencia que nunca é resolta.
Non só se ignoran os problemas que se van
encontrando os veciños durante a súa estancia nas vivendas, senón que
algúns deles atopáronse con problemas cando entraron e despois de anos,
aínda non se arranxaron. Así, un veciño denuncia que o forno da súa
vivenda nunca funcionou. Outro informa de persianas derramadas, chaves
de cisternas obstruídas, móbeis con portas que non se abren, e o
regulador da calefacción esmendrellado… tivo que arranxalo el mesmo dada
a inactividade da empresa arrendadora.
Outros episodios revelan a falta de moralidade e
empatía por parte da empresa arrendadora, que emitiu cartas nas que
ameazaba aos veciños con tomar medidas para que non puidesen habitar
animais non humanos, cousa que contradicía os contratos. Ou a solicitude
de sacar os vehículos do garaxe durante máis dunha semana en pleno
temporal de inverno, para poder pintar o garaxe, cousa que se podería
ter feito en calquera outro momento.
Como é habitual neste tipo de edificios, moitos dos
veciños non se coñecen entre si. Soamente un ‘ola‘ e un ‘adeus‘
nos lugares de paso ou pequenas charlas durante os paseos xunto aos
cans. Porén, algúns deles déronse conta de veciños que marchaban, pouco
a pouco se ían indo, e comezouse a falar das misivas que informaban da
non renovación dos alugueiros. Cando se decataron do que acontecía,
decidiron constituírse na plataforma A Patiña en Loita.

Puxéronse en contacto co Concello de Cambre, con
plataformas anti desafiuzamentos, coa Xunta de Galicia. Comezaron a
facer ruído en redes sociais, contar o seu problema en diversos medios,
manifestarse, facer partícipe á veciñanza de Cambre do seu problema. O
que fose necesario para evitar que os botasen dos seus fogares.
Irregularidades desde o principio
Daquela empezaron a descubrirse as irregularidades.
Son veciños que, a pesar de tratarse de vivendas de protección oficial,
non teñen as mesmas condicións. Así, mentres a uns a propietaria lles
solicita avais, a outros non, mentres uns pagan mensualmente por un piso
304 euros, outros por un idéntico pagan 322.
Ao tratarse de vivenda de protección oficial, os
contratos deben vir visados pola Xunta de Galicia: non o estaban. Ningún
dos contratos incluían este requisito legal; agora si empeza a aparecer
nalgúns dos últimos contratos realizados. E moitas das fianzas non se
atopan depositadas no Instituto Galego de Vivenda e Solo, tal e como
esixe a lexislación actual. Tamén se soubo que no momento que o edificio
comezou a ser habitado non dispuña das acreditacións necesarias para o
seu uso.
Outro dos puntos escuros deste inmóbel é a vixencia
do convenio de protección oficial. Tras unhas primeiras negativas, a
Xunta de Galicia aceptou reunirse cos veciños e informoulles de que o
edificio xa non tiña a condición de protexido, mentres que o Banco
Santander afirmaba o contrario. A Xunta non proporcionou ningún
documento ao respecto, a pesar de serlle solicitado, e remitíronse á Lei
29/1994 de 24 de novembro, de Arrendamentos Urbanos, segundo a cal o
período de protección oficial rematou no ano 2017. Porén, tanto os
contratos posteriores a esta data coma a información do rexistro da
propiedade a día de 17 de outubro de 2018, indican que as vivendas aínda
son de protección oficial. E isto tamén o afirma o documento que fora
asinado por Fadesa en 1997 para a cualificación definitiva, e co selo do
Instituto Galego de Vivenda e Solo, no que se establece
un período de protección oficial de 30 anos.
A solución dalgunhas das administracións ante este
problema de desamparo que elas mesmas crearon, ao habilitar este tipo de
vivenda protexida sen pensar nunha alternativa para a veciñanza cando
rematasen os convenios, é a compra dos edificios. Esa é a intención, por
exemplo, do Goberno de Canarias, xunto ao Cabildo de Tenerife, respecto
ás 358 vivendas de Añaza, tamén propiedade do Banco Santander e que se
atopan na mesma situación. Previamente ao inicio das conversas, ditas
administracións retiraron desta entidade bancaria 27 e 2 millóns de
euros respectivamente, como medida de presión e de desacordo coa
política da entidade. A retirada de fondos dos bancos que realizan
desafiuzamentos e especulan coas vivendas é unha práctica que cada vez
están levando a cabo máis administracións.
Sen embargo, e a diferencia dos gobernos canarios,
a Xunta negou a posibilidade de mercar o edificio, así como a de
prolongar o convenio ou construír nova vivenda de protección oficial no
municipio de Cambre. A súa proposta é a de promover o Programa de
vivendas baleiras da Xunta de Galicia. As bases deste programa consisten
en que os donos de inmóbeis baleiros poñen a disposición as casas a modo
de vivendas de renda baixa. Nesta época de burbulla do alugueiro, en
toda a comunidade só unhas poucas ducias de vivendas se adheriron ao
programa. Non é unha solución para as familias da Patiña.

A recompra de vivenda construída con fondos públicos non deixa de ser
igualmente discutíbel. Prémiase aos fondos que especulan coas vidas dos
cidadáns, os cales continúan a vender as propiedades a un maior prezo do
que as mercaron, e as administracións acaban pagando dúas veces por eses
edificios.
Mais a mobilización dá froitos
As presións exercidas pola veciñanza pouco a pouco
comezan a ver os seus froitos. Non só chegaron as xuntanzas realizadas
coa Xunta, tanto pola plataforma como polo alcalde de Cambre —a quen
tamén lle negaron inicialmente unha reunión—, ou as mocións de apoio
aprobadas por unanimidade no pleno de Cambre ou na Deputación da
Coruña. O caso é que o Banco Santander empezou a mover ficha:
pasou de afirmar que non renovaría ningún contrato, a dicir que os
renovarían nas mesmas condicións. Iso si, primeiramente nunha carta sen
sinatura nin selo, e despois de palabra, sen deixalo plasmando en ningún
documento válido, e sen precisar que veciños afectaría nin por que
período.
Son só palabras, e por iso a loita dos veciños
continúa. A situación que segue a ser esta: os novos contratos non
acaban de chegar, avarías seguen sen arranxarse, e a sombra da
especulación mantense. Trátase dunha dura loita diante desta rede feita
polos gobernos á medida das grandes fortunas e dos poderosos, que
continúan a engrosar as súas contas a costa do desamparo e a desgraza
das clases baixas e dos máis vulnerables, que non só se viron privados
nos últimos tempos de ter unha vivenda propia por mor da burbulla
inmobiliaria, senón que agora tamén se ven privados da posibilidade dun
alugueiro digno. Estes son os feitos.
Álex Pernas |
https://adiante.gal/mercado-inmobiliario/