O lobby mineiro de Galiza tenta facerse un lavado de cara co V Congreso Nacional de Áridos en Compostela

A Plataforma contraMINAcción vén de emitir un
comunicado de prensa no que denuncia a “tentativa sen precedentes” de
facerse un lavado de cara por parte do lobby mineiro da Galiza no V
Congreso Nacional de Áridos, que se celebra entre hoxe e o 26 de outubro
en Santiago de Compostela. No texto de contraMINAcción dáse un rápido
repaso a tanta porcallada acumulada no currículo da industria mineira
galega para que a xente coñeza a verdade dun dos sectores máis agresivos
e depredadores coa nosa terra.
A realidade demostra que a meirande parte das
canteiras de Galicia carecen de restauración algunha. Tal e como recolle
o Catálogo dás Paisaxes de Galicia existen, a modo de exemplo, unhas 66
explotacións mineiras, canteiras e localizacións de extracción de áridos
ou terra, e citan concretamente, «pola súa extensión e a calidade
paisaxística dá contorna» as canteiras de O Courel e Casaio,
así como as de Porriño e Salceda de Caselas, nas
que a ausencia de restauración e o deterioro paisaxístico son
lamentables.
Son o que se coñecen no catálogo como ámbitos de
especial atención paisaxística, unha figura que identifica «zonas nas
que se produciron alteracións ou impactos en relación á paisaxe, é
dicir, nas que diversas actuacións xeraron transformacións que
deterioraron ou carácter ou a calidade dá paisaxe» e que necesitan
de «especiais medidas de intervención e protección».
Desde a mina de Serrabal de Vedra,
explotada por Ramsa e vencellada a Ferroglobe e
a Villar Mir, ata a canteira abandonada do
Monte Neme, os desastres ambientais das minas de San
Fins en Lousame ou de Touro, pasando pola lenta agonía
das paisaxes afectadas polas louseiras; Galicia destaca en liñas xerais,
pola ausencia de restauración das canteiras e a irresponsabilidade
empresarial e política no tocante ao cumprimento da normativa en materia
de restauración dos espazos degradados.
O certo é que as demandas de información e
transparencia dirixidas á Consellería de Economía, Emprego e Industria
son cada vez máis numerosas por parte da cidadanía, preocupada polos
desleixos cometidos durante anos por este departamento da Xunta de
Galicia, e que cristalizaron nunha política de restauración de
espazos mineiros degradados inexistente ou inoperativa e ineficaz,
á vista dos problemas ambientais e de saúde pública que se están a
producir en espazos mineiros abandonados como os das antigas minas de
Touro, Santa Comba, Lousame ou no Monte Neme, en Carballo. De feito, hai
moitos espazos danados pola drenaxe ácida de mina que se converte nun
grave problema de saúde pública e ambiental, con incidencia noutros
sectores económicos como a pesca, o marisqueo ou o sector
gandeiro-agrícola.
O Director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de
Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, actúa como
Vicepresidente do Comité organizador do V Congreso Nacional de Áridos,
que organiza a FdA e Arigal, e comparte organización con Julio César
Valle Feijóo, asesor de Mineira de Corcoesto, Edgewater,
e da FdA (Federación española de áridos), organizadora do Congreso.
Valle Feijóo está vencellado aos “dólares en una maleta Samsonite”
e as “supostas mordidas” de altos cargos da Xunta no caso do
fallido proxecto mineiro de Corcoesto. Tamén foi asesor da Cámara
oficial mineira de Galicia ao mesmo tempo que a súa empresa tiña
litixios coa Xunta no caso Corcoesto. No evento tamén participa a
empresa Erimsa, que recentemente anunciou un ERE
na empresa de extracción de Frades, co que supostamente chantaxeaba á
Xunta para obter máis dereitos mineiros. Erimsa presume de Sala propia
co seu nome dentro do Congreso, e incluso recibirá dous premios nas
categorías de “boas prácticas medioambientais” e “seguridade e
saúde”, que supostamente outorga un xurado independente; e todo iso,
a pesar das denuncias da Plataforma veciñal de Mesía, que hai uns días
facíase eco do “moito dano medioambiental na zona de Mesía, como
cambio de augas subterráneos, o famoso enterramento das vacas “locas” en
canteiras escavadas a varios metros de fondura, entradas en fincas
particulares sen permiso, enganos na preparación do terreo, non executar
os plans de recuperación medioambientais, deixar balsas abertas de
varios millóns de litros de auga ao aire aberto, etc. Todo o contrario
do que predican”.
No Congreso tamén participa Votorantim
Ciment, cuxa filial Cementos Cosmos que
explota o xacemento do Iribio, en Triacastela mantén
numerosas batallas xudiciais coa veciñanza; chegando incluso a demandar
ao representante da Asociación cultural O Iribio.
Baixo o lema “Comprometidos coa sociedade”,
esa sociedade á que lle acostuman deixar os espazos sen restaurar cando
rematan as explotacións, como é o alarmante caso dos ríos vermellos de
Touro, vítimas da drenaxe ácida de mina; o lobby rodéase
do Presidente da Xunta, do presidente da Deputación da Coruña, do
alcalde de Santiago, do Adif e incluso dunha organización ambiental Seo
Bird Life, para facer un “lavado de cara”
sen precedentes, dentro do sector en Galicia e amosar o apoio
institucional ás desfeitas ambientais, que están a sementar por Galicia
adiante as explotacións mineiras sen restaurar e a irresponsabilidade
empresarial e política inherentes á falla de restauración dos espazos
degradados.
http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=1492