A Mesa denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza na asemblea da Rede Europea para a Igualdade das Linguas en Dublín

O relatorio sinala incumprimentos en todas as áreas
onde o Estado e a Xunta deben garantir a presenza normal do galego:
educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de
comunicación, relacións transfronteirizas, etc.
Dublín, 3 de novembro de 2018.-
O presidente e a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística,
Marcos Maceira e Elsa Quintas, entregáronlle hoxe en Dublín ao xefe do
Secretariado da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias do
Consello de Europa, Sixto Molina, un informe sobre a situación do galego
advertindo que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en
todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua:
educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de
comunicación ou relacións transfronteirizas.
Maceira expuxo, tamén, o contido do informe na
asemblea xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN),
entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das
Nacións Unidas e da UNESCO e que aglutina 150 entidades representativas
de 45 linguas minorizadas de Europa en 23 estados europeos. Desde
novembro de 2016, a Mesa exerce unha das vicepresidencias de ELEN.
A Carta europea das linguas rexionais ou
minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de
Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado
español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado
ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou
está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza,
administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións
transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de
Castela e León.
Tal e como se advertiu esta semana na presentación
do informe da Mesa perante os medios galegos, os expertos europeos teñen
alertado en varias ocasións sobre as graves deficiencias na aplicación
da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do
propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua
non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Nesta
ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula
os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva. “O
Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais”,
asegurou Marcos Maceira. Ademais de ocultar o contido do mal chamado
decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa
contemplados no anterior, chega a afirmar que “a maior parte dos pais
falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce,
fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua
máis empregada polo estudantado. Porén, tal e como sinala a Mesa no seu
relatorio, recollendo datos do IGE, “en 2014 tiñamos a cifra máis alta
de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego
(20%)”. Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas
oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da
RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas
graves manipulación do Estado.
Algúns datos do informe
Ensino
– Segundo o
último estudo IGE (2014) o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe
falar galego
– Mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das
recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do
Consello de Europa
– A aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos
para o galego do Decreto contra o galego da Xunta
– O ensino público
non garante o ensino en galego como estabelece a Carta.
Xustiza
– Continúa sen
haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces,
xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a
inexsitencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provaca
atrasos ao funcionariado e á cidadnía que opta polo galego.
Servizos públicos
– A
administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan
os incumprimentos da Carta.
– A inexistencia de requisito de
coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e
fica á escolla do funcionariado.
– Evidénciase a inexistencia de
formación de calidade.
– Nos concellos, sentenzas como a do TSXG
sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo supoñen unha regresión dos
dereitos lingüísticos da cidadanía
Medios de comunicación
–
Só a TVG garante unha presenza mínima do galego. Porén, é a única
emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a
mocidade.
– Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo
uso do galego.
Servizos culturais
–
Caída de publicación de libros en galego.
– Caída do investimento en
dobraxe
– Dificultades para a distribución de cinema en galego
Vida económica e social
– Segundo o informe ao respecto elaborado pola Mesa pola Normalización
Linguística, non opera neste momento en Galiza ningunha entidade
bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. No que ten a
ver coa banca electrónica só chegan ao 40% as entidades que permiten
operacións básicas neste idioma.
– En materia de recursos
contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos
Contractuais as súas competencias. Xa que logo, todos os recursos
especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no
caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado.
Intercambios transfronteirizos
– Os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos
entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos
OLYMPUS DIGITAL CAMERA (2 MB)
PHOTO-2018-11-03-14-13-55 (361 kB)
https://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/a-mesa-denuncia-a-vulneracion-dos-dereitos-linguisticos-en-galiza-na-asemblea-da-rede-europea-para-a-igualdade-das-linguas-en-dublin