• Número 411
  • 12 de novembro de 2018

CUT - CRTVG

A CRTVG vai á folga contra o desmantelamento do servizo público

A folga, que será gradual, arrancará este mes de novembro

Parabenizamos á asemblea de traballadoras e traballadores da CRTVG que hoxe, 7 de novembro, votaron ir á FOLGA. Estaremos ao seu carón para o que faga falta porque queremos recuperar a nosa radio e a nosa tele para que lle presten servizo público a este noso país. Adiante compañeiros e compañeiras.

Unha nutrida asemblea de traballadoras´, realizada o día 7 de novembro, aprobou por ampla maioría a proposta integral de mobilizacións que propuxo o Comité Intercentros.

A folga, que será gradual, arrancará este mes de novembro. Durante os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 deste mes, e tamén o 2 de decembro, a folga materializarse en paros de 2 horas por quenda, afectando a todas as quendas.

Xa en decembro, a protesta ampliarase á folga de 24 horas, que será convocada para o mércores 19 de decembro, xornada na que se realizará unha manifestación cuxo percorrido e horario está aínda por determinar.

O sábado desa mesma semana, 22 de decembro, día da lotería estatal, as traballadoras que prestan servizos na quenda de fin de semana tamén estarán convocadas a parar (na proporcionalidade horaria dunha xornada de folga de 24 horas que lle corresponde a esta quenda especial).

Ao tempo, desde mañá mesmo, día no que o Comité Intercentros comunicará e rexistrará oficialmente nas instancias oportunas o preaviso de folga que se aprobou hoxe en votación, a representación legal do persoal da CRTVG empezará a traballar nunha batería de iniciativas encamiñadas a implicar a toda a sociedade galega na defensa dos medios públicos de comunicación do país. Entre elas, a creación dunha Mesa ampla na que se pretende reunir á cidadanía organizada do país para pular xuntos e xuntas por un modelo de medios públicos radicalmente distinto do que están a construir o actual goberno da Xunta e a actual dirección da CRTVG. Traballarase tamén por activar unha Iniciativa Lexislativa Popular que corrixa a grave deriva e a anómala situación na que se encontran a tele e a radio públicas actualmente. Outro obxectivo a medio prazo é, a raíz desas sinerxias que se vaian creando, preparar unha gran manifestación para os primeiros meses de 2019.

Nos vindeiros días o Intercentros celebrará outras asembleas en fin de semana e nas delegacións territoriais para informar da decisión que adoptou hoxe a asemblea de San Marcos, que é a que máis persoal concentra.