As ANPAS Galegas presentan as súas achegas para a reforma da lei Wert

O goberno socialista pretende a reforma da actual
lei de Educación, a LOMCE, recuperando aspectos da
LOE, aprobada polo PSOE no 2006. Coinciden coas peticións da
Confederación de ANPAS Galegas eliminar os itinerarios
educativos, a recuperación como materia obrigatoria de Educación para a
Cidadanía, a regulación da lingua vehicular dende as comunidades
autónomas e recuperar as competencias do Consello Escolar coma o máximo
órgano de goberno do centro escolar.
Demandan "un sistema educativo no que todo o
alumnado teña acceso en condicións de igualdade a unha educación
pública, democrática, inclusiva e de calidade que contribúa a construír
unha sociedade xusta, integrada por persoas informadas e formadas".
Aínda así, o executivo de Pedro Sánchez,
formula que a materia de relixión non sexa avaliable mentres que a
Confederación pide a súa eliminación total. Alén diso, as ANPAS
consideran alicerces fundamentais a descentralización do
sistema educativo, favorecendo no alumnado a relación coa súa
cultura de pertenza; a educación para a igualdade, a paz e o medio
ambiente e a gratuidade do ensino dende os 0 anos.
As súas peticións baséanse, como explican nas súas
achegas, “ nunha aprendizaxe na escola dirixida a formar persoas
autónomas, críticas, optimistas, responsábeis, con pensamento propio e
que teñan soños e talentos diversos, respectando a súa autorregulación e
o xogo como medio idóneo de aprendizaxe”.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/politica/achegas-do-proxecto-reforma-da-lei-wert/20181109124537073554.html