O persoal dos PAC denuncia aumentos de xornadas laborais

Os traballadores e traballadoras dos PAC,
a través do Comité de Folga, denuncian a actitude da
Xunta de Galicia e da
Xerencia do Sergas en Vigo por "ameazar con aumento
imposto de xornada" ao persoal médico e porque "non
escoitan as propostas dos profesionais". De continuar con esta
falta de diálogo, din, veranse obrigados a tomar "medidas máis
contundentes".
Nunha reunión celebrada o pasado 6 de novembro
entre os empregados dos PAC e a Xerencia, comunicouse aos traballadores
o incremento de xornada e cambios no calendario "tras informar da nula
eficacia das medidas tomadas por eles mesmos", explican dende o Comité.
Critican non se tiveron en conta as suxerencias do propio persoal, a
pesar de estar "apoiado pola maioría do colectivo".
Entre estas propostas están a
solución do conflito dos PAC, contratos dignos para as
MIR de Familia que rematarán os próximos anos, un
plan de continxencia con gardas localizadas e pagadas para
imprevistos e oferta de voluntariedade incentivada e por tramos.
Ademais, reclaman que a administración tome "medidas reais" para atallar
o problema da falta de persoal. Achacan esta dificultade a medidas
"promovidas por eles, como os contratos lixo, a precariedade laboral ou
a taxa de reposición do 10% que expulsou aos profesionais á sanidade
privada ou á emigración".
CRÍTICAS Á XESTIÓN DO PP
Dende o Comité, lembran as decisións do Partido
Popular referidas ao peche dos PAC e reprochan
que se dean "chamamentos 24 horas antes a golpe de burofax con aviso de
expediente en caso de rexeitamento de contrato". Insisten en que o
Sergas non deu ningún paso firme para poñer fin a esta situación e
anuncian que levarán a cabo iniciativas máis concluíntes de seguir polo
mesmo camiño.
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/80060-persoal-pac-denuncia-aumentos-xornadas-laborais