Na defensa dos dereitos das camareiras de pisos

A externalización do servizo de limpeza
condena ás traballadoras a condicións laborais e de saúde inmensamente
precarias. Esta agresión aos dereitos dáse nas limpezas de
edificios públicos, como a Universidade, os
hospitais e mesmo a Xunta de Galiza,
onde actualmente as compañeiras loitan contra a discriminación salarial
machista, pero tamén nos privados. Este é o caso das
traballadoras de limpeza dos hoteis que nos últimos meses se
lles recoñece polo seu nome de loita: as Kellys.
Sobrecarga de traballo. Problemas físicos. Salario
precario. Enfermidades laborais non recoñecidas como tales.
Incumprimento do convenio provincial de hostalería. Todo nun traballo
canalizado para a satisfacción dos turistas a consta da precarización
das traballadoras. Isto é o que denuncian as compañeiras das Kellys,
un exemplo de autoorganización e loita para todas e todos nós.
Desde a Secretaría das Mulleres da CUT lanzamos
o noso apoio e admiración por estas compañeiras na
defensa polos seus dereitos como traballadoras xunto a dignificación e
valorización do traballo dos coidados, como é o da
limpeza. Neste sentido, chamamos a participar das mobilizacións que
convocan as Kellys todos os venres diante dos hoteis Hotusa.

Con isto, queremos lanzar un apoio específico e para unha
compañeira das Kellys, afiliada tamén do sindicato CIG, que traballaba
no hotel Exe de Área Central a través do Grupo Constant, que
foi despedida como represalia tras participar das
movilizacións diante do hotel e tras levar uns días de baixa médica.
Estamos dispostas a que se incentive o turismo a
consta destas agresións ás traballadoras? As empresas xogan a atraer
máis turistas baixando os seus prezos a costa da explotación das nosas
compañeiras mentres as Administracións miran para outro lado. É hora de
poñerlle fin.
Toda a nosa solidariedade coas Kellys!
Secretaría das Mulleres da CUT